domingo, 20 de maio de 2018

A Casa da Moura, acubillo de lendas e pastores


"Serei a rosa apodrecida
no breve tempo,
a grima do lóstrego azulado,
o cadullo ande prende a mala herba,
a mala hora que atrae ós morcegos,
a besta ladria que salta valados.
Tamén serei o can en ouveo
presaxiando espantos.
Sexa achaiada
pola sombra do lirio
en lareo de morte pronta,
sexa espiñada moura
nas facianas das tardes"
Medos Romero, Nove poemas

Aló polas núas e fronteirizas ladeiras do Xurés, no alto do lugar de Queguas, escóndese o fogar dunha moura anterga que habita na compaña de lobos, serpes e bestas, baixo dun fato de milenarias pedras que se ocultan entre os breixos e as xestas dunha inóspita e silenciosa paraxe. Ás veces aínda se escoitan os seus laios e as súas sonoras gargalladas nas poucas aldeas que fican espalladas ós pés desta montaña misteriosa i esquecida. Cando isto sucede, até o mesmo ar semella presentar un intenso e tépedo cheiro de morte, os galos da aldea cantan de noite e os lobos do monte ouvean ó día, as bestas e cachenas descenden do alto das grañas e os corvos peteiran nas xanelas das casas veciñas. 


Non resulta doado achar a Casa da Moura, nin desexable atoparse coa vella meiga que a habita, e poucos son os que ousan procurar o abeiro das frías i  escuras entrañas da súa morada neolítica. Nembargantes, esta primixenia Casa da Moura, este xacemento arqueolóxico encravado a uns 1.200 metros de altitude no corazón do Parque Natural da Baixa Limia, é un dos dolmens máis impresionantes e mellor conservados do noso país. Para dar con esta alfaia granítica, debemos deixar atrás Queguas, pertencente á parroquia entrimesa de San Tomé de Venceáns, e ascender polo empedrado vieiro que se interna as Cortes da Carballeira, un fascinante conxunto de pequenas construcións en ruínas de antigos pastores que as empregaban nas tempadas de verán e primavera,  cando se subía o gando ós altos cumios da serra na procura de pastos frescos e vizosos. 


Logo de deixar trás de nós as Cortes da Carballeira e o seu vieiro pedregoso, deberemos seguir as sinalizacións dunha ruta de sendeirismo até acadar un fermoso altiplano coñecido como o Alto das Sete Laceiras, dominado pola silueta duns impoñentes petoutos que se impoñen nun horizonte fronteirizo. Nesta erma pero impresionante contorna deberemos seguir por unha pista ampla tratando de albiscar á nosa dereita esta Casa da Moura escondida entre piornos, uces e carqueixas. A impresionante Casa da Moura, tamén coñecido como Dolmen de Queguas, atesoura unha cámara poligonal de grandes dimensións conformada por media ducia de laxes e corredor, orientado cara o sueste, duns aproximados catro metros de lonxitude por dous de altura. 


Este dolmen, que perdería a meirande parte da súa cortiza mamaria, estimada nuns aproximados quince ou vinte metros de diámetro, presenta un excelente estado de conservación tanto na súa profunda cámara, como no corredor e nas monumentais laxas graníticas de cubrición, botándose somentes en falta a laxa da cabeceira. Como tantos outros dolmens e cistas, como a Casota de Freáns, esta Casa da Moura adoitaba ser empregada polos pastores da contorna para gorecerse da chuvia ou procurar a súa sombra nas xornadas máis solleiras e calorosas. Internámonos con certo tento, tal que os pastores doutros tempos, neste coveiro fresco e sombrío, sen facer apenas ruído, para non perturbar o longo repuso da súa meiga e lendaria propietaria. Seica desta súa casa emerxen, aínda, extrañas enerxías da terra e forzas do máis descoñecidas.


Unha vez descuberta esta misteriosa e milenaria morada, decidimos retornar a Queguas denantes de que a anterga moura esperte do seu profundo sono. Denantes de que ouveen ó sol os lobos irados i enfurezan as bestas toutizas da serra. Denantes de que canten os galos da aldea e os corvos peteiren nas xanelas.  

Ningún comentario: