xoves, 29 de marzo de 2018

As eclécticas ruínas do Santuario de Fátima


“Habítame unha inmóbil aspiración a nada,
unha absorción de agosto.
Florezo no abandono”
Manuel Álvarez Torneiro, Poemas

Hai tempo, logo de que o destino quixese determe ante as románticas e sorprendentes ruínas da Igrexa de Santa Baia de Chacín, no concello coruñés de Mazaricos, anhelei procurar os poucos santuarios pechados ó culto, abandonados i esquecidos que se perden ó longo e ancho deste noso humilde e piadoso país. Este anhelo faría posible que me achegase até o lugar de Centulle, na parroquia chantadina de San Xurxo de Asma, para procurar do Santuario de Fátima, un templo erixido no século XX da man do párroco chantadino Emilio Eyré Lamas, coñecido por estas terras como Padre Eyré, e que trala súa morte caería no abandono. A historia deste templo, o primeiro de devoción á Virxe de Fátima de España, fica estreitamente relacionada coa vida do seu promotor. Este sacerdote exerceu de mestre do Instituto Español de Lisboa, poida que de aí veña a súa devoción pola Virxe de Fátima, e chegaría a gañarse a vida de asesor do Ministerio de Asuntos Exteriores e da Asociación de Hidalgos Afuero de España. 


A mediados do século pasado regresaría de volta a Chantada e acometería a construción do seu soño, un ambicioso proxecto que incluía a Igrexa de Fátima, comezada a erixir no ano 1944 sobre dos restos dun castro, e unha residencia que contaba coa axuda económica do Goberno de Franco. Nos anos 70, a Asociación Nacional de Inválidos aprobaría a construción dunha vintena de centros para persoas con discapacidade e as influencias e contactos do Padre Eyré propiciarían que unha desas construcións se erixise en Chantada. Somentes cinco anos despois, o edificio estaría listo para ser inaugurado, pero coa morte do Ditador Franco paralizaríase o proxecto e caería definitivamente no abandono. A Igrexa da Nosa Señora de Fátima, de estilo ecléctico, remataría de construírse con donativos, e nas súas agora baleiras entrañas, celebraríase culto durante anos. 


Cada 13 de maio, coincidindo ca festividade de Fátima, o templo acollía unha eucaristía e unha romaría en honor á súa virxe. No ano 2002, cando faleceu o Padre Eyré co seu proxecto aínda sen rematar, os veciños mantiveron durante uns anos a convocatoria, mais extinguiríase pouco tempo despois. O corpo do Padre Eyré sería soterrado nas entrañas deste templo. O del é o único cadaleito que descansa neste inusitado santuario. Pouco despois da morte do Pai Eyré, o proxecto sería doado á Ciudad de los Muchachos de Ourense. No ano 2003 tentáronse adecuar as ruínas da residencia para albergar un centro de maiores coa colaboración da Fundación San Rosendo de Ourense, mais todo o proxecto remataría por caer nas mans dun especulador inmobiliario por escasos 30.000 euros, e dende aquel entón até os nosos días, a residencia e a igrexa sumíronse no abandono e na consecuente ruína. 


Dende hai uns cantos anos, este Santuario da Nosa Señora de Fátima fica pechado ó culto e non é posible acceder ó seu interior. Ó seu carón aínda poden ollarse as ruínas daquela anhelada residencia proxectada polo Padre Eyré que nunca chegaría a estrearse. Abandonei estas eclécticas ruínas que agora somentes albergan silencio, sombras e humidade, esta realidade soñada infelizmente incumprida.  

Ningún comentario: