sábado, 22 de xullo de 2017

Portomarín e o rumor das ondas do Miño


“O rumor das ondas chega
ata o meu leito ferido,
semella un doce lamento
a dor enteiro do Miño.

¿Onde estan os sedentos sacrificios
que se estinguen na palabra permanente,
onde o húmido segredo persistente
dunha boca marxinada polos beizos?

¿Que se fixo da dourada oscuridade
encamiñada ó cansancio das estrelas,
e do pracer acochado na ramaxe
da tormentosa faísca da fogueira?”
Mª do Carme Kruckenberg, Alegoría do ensoño ferido

Hai pouco máis dun mes, con motivo da popular feira de gando do concello lugués do Páramo, achegaríame até a veciña vila de Portomarín trala senlleira Igrexa de San Nicolás e na procura dos máis espirituosos i etílicos encantos que agocha estoutro paraíso da ribeira miñota. Faríao, desta volta, acompañado polos meus prezados amigos Óscar, Ana, Oriol e Damián. Entramos en Portomarín ascendendo a súa impoñente escalinata e atravesando a pequena e feiticeira Capela das Neves, antano hospital de peregrinos e punto de vixilancia da vella ponte romana; agora asolagada. Portomarín é un recuncho máxico, un pequeno e afastado paraíso que garda a meirande parte da súa historia somerxida baixo “o rumor das ondas” do Miño. Esta vila naceu nun extremo daquela ponte romana, erixida sobre do Miño no século II e reconstruída na Idade Media, e a carón mesmo do Camiño de Santiago que transcorría sobre dela. A antiga vila estaba constituída por dous barrios, divididos polo Río Miño, o de San Pedro na marxe esquerda e o de San Xoán na dereita. Mais no ano 1962, coa construción do Encoro de Belesar, o pobo de Portomarín tería que ser trasladado até o Monte do Cristo. Nesta nova localización asentaríase a Igrexa de San Nicolás, así como a pequena Igrexa de San Pedro, erixida no século X. Ámbalas dúas serían trasladadas pedra a pedra, xunto con algúns pazos como o do Conde da Maza, do século XVI, e o Pazo dos Pimentales ou de Berbeteros, do século XVII. Baixo as augas dun Miño aforcado ficaron para sempre asolagados os antigos fogares e a ponte primitiva.

Capela das Neves, Portomarín
A Igrexa de San Nicolás, tamén coñecida como Igrexa de San Xoán, presenta unha planta rectangular, estilo románico, e sería erixida entrámbolos séculos XII e XIII pola Órde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén. Durante a Idade Media, o antigo Portomarín debeu de acadar gran importancia, posto que chegaría a contar con tres ordes de cabalería. Na marxe esquerda estaban os Cabaleiros da Orde de Santiago e a Orde do Templo, namentres que na dereita estaban os monxes cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén. O carácter guerreiro destes monxes explica o aspecto ameado, máis propio dunha torre ou fortaleza, que atesoura esta Igrexa de San Xoán ou de San Nicolás. A orixe da vila de Portomarín parece estar ligada ó Conde Don Gutierre e á Condesa Dona Ilduara, os proxenitores de San Rosendo; bispo de Mondoñedo e fundador do Mosteiro de Celanova. Xa aparece citado como “Portumarini” no ano 792, e no Códice Calixtino como “Pons Minea”

Igrexa de San Nicolás de Portomarín
A vila de Portomarín foi sempre unha parada obrigada de grande importancia no Camiño de Santiago, chegando a vivir o seu maior esplendor entrámbolos séculos X e XII. A súa historia, agora acalada baixo o leito do Miño, conta tamén que no ano 1112 a ponte sería destruída por Dona Urraca para frear o paso das tropas do seu marido, Afonso o Batallador, mais tan somentes oito anos despois ordenaría reconstruíla a un tal Pedro O Peregrino. O murmurio do Miño aínda lembra o tempo no que o Arcebispo Pedro Arias entregaría o burgo de Portomarín á recen creada Orde de Santiago, mais tamén cando baixo o reinado de Alfonso IX, a vila pasou a depender da orde de San Xoán de Xerusalén. O rumor das ondas do río, adoita lembrarse do vello hospital que no 1126 erixiu Pedro O Peregrino, en cuxa fachada se podía ler “Domus Dei”, en cuxas entrañas achaban calor e protección os peregrinos; e cuxos muros serían derrubados para sempre no ano 1944. 

Fachada da Igrexa de San Nicolás de Portomarín
Malia o paso do tempo, o traslado da vila, o asolagamento da súa ponte e das construcións máis primitivas, esta vila non perdeu o seu espírito nin o seu celme nin a súa historia, nin as súas igrexas nin os seus peregrinos. Portomarín segue a ser unha importantísima meta do Camiño, un lugar onde é posible naufragar na súa historia i escoitar as súas lendas no afastado “rumor das ondas” do Miño. 

Ningún comentario: