sábado, 7 de xaneiro de 2017

O Castro de Santa María de Cervantes


“D' unhas cantas alancadas
deixou atrás a parroquea,
e logo colleu ôs outros
ôs comenzos d' unha costa
qu' hay que subir, pra chegar 
â cas' en que vive Rosa, 
qu' é a pirmeira d' o lugar
dond' acontec' esta hestoria, 
conocido por Labrada; 
lugar, segun din as crónecas, 
dond' un rey mouro algun dia
tivo a córte, n-unha cova 
qu' hay n-o coruto do castro, 
donde deixou a coroa
cando fuxiu d' os cristianos;
mais, pol-o visto, enterrouna
tan ben, que ninguen' atopa. 
Com' era d' ouro macizo, 
con moitas pedras prezosas, 
moitos foron á cavar
por ver si daban co-a xoya, 
pero dicen qu' un encanto
sacáballes logo a forza,
e o pouco tempo, cansados
todos, tiñan que dar volta”
Xesús Rodríguez López, Cousas d' as mulleres e outras poesías

Este pasado outono, como cada ano por estas grises e húmidas datas, interneime na sempre impoñente Serra dos Ancares para osixenar os meus pulmóns e procurala calma. Desta volta non levaba grandes pretensións nin moita equipaxe, e as presas tiven a ben deixalas na casa. Interneime paseniño nesta nosa Reserva da Biosfera na compaña do meu amigo Xoán para volver a percorrer as faldras da montaña galega e coñecer algún que outro recuncho afastado e perdido neste asedio de picos, campas e devesas, neste atroz campo de guerra de lobos e rebezos, de corvos e xenetas. Collemos rumbo cara a parroquia do Castro de Santa María, no concello lugués de Cervantes, co propósito de achar un interesante poboado castrexo localizado nunha lomba sobre do Río Quindós, un afluente do Navia, e a carón mesmo da antiga igrexa parroquial. Nada máis chegar ó lugar, un outeiro dominado pola igrexa e o castro dende o que se divisa unha mesta fraga que nutre o curso do Quindós, sorprendeunos comprobar a altitude que atesouraban aquelas construcións castrexas así como o grosor e a aparente robustez dos seus muros. 


O Castro de Santa María de Cervantes foi estudado entrámbolos anos 1995 e 1996. Froito destes estudos, nos que se levarían a cabo escavacións en tan somentes unha décima parte da súa superficie, concluíuse que data da Idade do Ferro, de entrámbolos séculos I e II despois de Cristo, e sairían a luz restos de gran interese que na actualidade se conservan no Museo Provincial de Lugo. Nestas escavacións serían documentadas un total de 23 construcións domésticas, así como rueiros, canles, escaleiras e até sistemas de drenaxe. Nunha das construcións de uso doméstico acharíase un andar superior, no interior de algunha que outra serían achadas tamén lacenas de pedra, e mesmo serían documentados numerosos marcos de madeira das portas daquelas primitivas e ancestrais construcións. Centurias despois, concretamente entre os séculos XIII e XIV, sobre das ruínas deste castro construiríase unha necrópole medieval que dispuña dun total de 63 sepulturas, en moitas das cales se puideron achar restos óseos. 


Ollamos a grandeza deste castro dende o adro da pequena igrexa parroquial de Santa María, que recentemente fora restaurada e amosábase lustrosa, branca, inmaculada. Logo de cavilar no devalar dos séculos, na evolución da nosa estirpe e no moito que mudamos os nosos hábitos de vida, decidimos deixar tras de nós este histórico e silencioso recanto do Concello de Cervantes, este robusto asentamento castrexo dos Ancares para continuar coa nosa curta pero intensa estadía. Liscamos baixo o manto das húmidas néboas matutinas; o telón do mundo dos soños, o alento vital dun novo día. 

Ningún comentario: