martes, 20 de marzo de 2012

Ría de Vigo, mar de bateas


“Martín Codax, Xohán de Cangas
e Meendiño nas rías de Vigo,
son antergos xograes e trovadores
galegos, nas cántigas de Amigo.

Naveguei polo mar de Vigo un día
deixando un corazón xoven partido,
levando comigo a miña soidade
para a América e, alá desvanecido.

A tódolos xograes e trovadores
que un día cantaron a Terra Galega,
co respecto e admiración dun galego
que a Terra de Montes non nega”

Manuel Diz Ramos
Poemas na emigración, Galiza inmortal


Desta volta agarda por nós a riqueza do mar e o arume do salitre. Mergullámonos de cheo no histórico e xenuíno mar da Ría de Vigo, para ollar de preto as súas ondas e bateas, e por suposto, a súa inigualable Ponte de Rande, que une a vila de Redondela coa Península do Morrazo. Estamos ante unha das maiores rías de Galicia e, posiblemente, a máis rica en nutrientes das Rías Baixas. Este fermoso horizonte de bateas e ondas foi, antano, o mar que inspirou a trobadores coma Meendinho, Xohán de Cangas ou Martín Códax.

Embarcamos de mañá no pequeno pero fermoso peirao de Domaio, no lugar moañés de Vilaboa, para coller rumbo a Rande e ollar de preto as tarefas que se desenvolven nas bateas, así como coñecer o encanto e singularidade das históricas “Ondas do Mar de Vigo”, que aló polos séculos XIII e XIV, algo ten cantado un vello trobador por todos coñecido: Martín Códax. Esta xigantesca ría baña os concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Vilaboa, Pontevedra, Soutomaior e Redondela. Dende aquí aínda non albiscamos as salvaxes e solitarias Illas Cíes, mais a sombra da impoñente Ponte de Rande fai que a nosa ollada se deteña nos seus piares, nas súas impactantes dimensións. Esta xigantesca ponte, que une a Península do Morrazo co barrio de Cabanas, pertencente á parroquia de San Vicente de Trasmañó; e o Concello de Redondela; foi construída no ano 1978. Esta necesaria e arriscada infraestrutura foi baseada nun proxecto de Alfredo Passaro, Fabrizio de Miranda e Florencio del Pozo. As dimensións desta mole de formigón e aceiro resultan sobrecolledoras. Os mil cincocentos sesenta metros de lonxitude totais da ponte, xunto ós catrocentos metros de distancia entre piares, e os cento cincuenta metros de altitude dos mesmos; fan de Rande unha das pontes de tirantes máis longas do mundo. Grazas á creación da Ponte de Rande, a cidade de Vigo sufriu un auxe moi importante, facendo da cidade olívica, a urbe máis grande do chan galego. 

Embarcación bateeira na Ría de Vigo
Outra das xoias máis senlleiras desta ría son as súas bateas. Estas auténticas plataformas de madeira flotantes, conformadas por un entramado de grandes vigas de madeira, sosteñen as perpendiculares cordas que se afunden no mar, para cultivar o mellor mexillón das costas galegas. A Ría de Vigo fica ateigada de bateas que constitúen unha boa parte da riqueza destas terras. Non en van esta ría, a máis meridional das Ría Baixas, é unha das de maior produción mariña e de maior calidade do planeta. Aquí morren os ríos Oitavén e Verdugo, o Lagares e o Redondela, e as cristalinas augas da ría foron o campo de guerra das vellas batallas. A riqueza biolóxica e a inmensidade desta ría, cuxa superficie se estima nuns cento setenta e seis quilómetros cadrados, atrae a numerosos e rebuldeiros arroaces, solitarias tartarugas e ata as máis descoñecidas toniñas. Os seus máis de trinta quilómetros de lonxitude confinan nunha anchura variable de dez quilómetros entre Cabo Home e Monte Ferro, e uns seiscentos metros no estreito de Rande; volvéndose a ensanchar na Enseada de San Simón, ó fondo da ría de Vigo. Este mar ateigado de historia, fala de vellas batallas, de loitas sen piedade e da intrusión de fragatas invasoras. Baixo a sombra da gran Ponte de Rande, os fondos do Mar de Vigo gardan os tesouros e navíos da armada española afundida polos ingleses no transcurso da Batalla de Rande. Os galeóns españois, ateigados de ouro e prata procedentes das Américas, buscaron agocho na profunda Ría de Vigo, ocultando os seus impoñentes velames por tras das Cíes ata chegar ó acubillo da Enseada de San Simón. 

A escadra angloholandesa masacrou á flota española e ós seus aliados franceses, soterrando baixo os lodos da ría as refulxentes toneladas de ouro, e milleiros de vidas. Somentes a cidade olívica, protexida polas súas antigas murallas, foi quen de resistir o saqueo ó que someteron os ingleses outras vilas como Redondela ou a mesma Illa de San Simón. 

Deixamos atrás a fermosura e os segredos que se agochan baixo as ondas da gran Ría de Vigo, auténtico remanso do mexillón galego, unha das meirandes riquezas do noso país. Despedímonos da Ponte de Rande, cuia sombra semella mesturarse co mar entre as bateas. As viñas de albariño brillan baixo o refulxente sol do Morrazo, e na outra beira da Ría, Vigo, a cidade da oliveira, agóchase entre a brétema atlántica. Que os barcos bateeiros non deixen de pasar baixo a sombra de Rande! 

"Quantas sabedes amar amigo
treides comig'a lo mar de Vigo
e banhar-nos-emos nas ondas.

Quantas sabedes amar amado
treides comig'a lo mar levado
e banhar-nos-emos nas ondas"

Martin Codax

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

A Ría de Vigo ten un peso moi importante na historia do noso país. Non en van, foi o primeiro escenario da nosa literatura, o máis importante porto deste "país domeador de vento", en verbas de Taramancos, e unha das zonas máis prósperas a tódolos niveis.
Gran entrada, agora estamos á espera de que a ollada do Mouro se achegue ata a cidade olívica, auténtica capital (económica) das rías pontevedresas, e unha das cidades máis fermosas e importantes do país.
Noraboa pola entrada, e un saúdo

I. Iván Fraga Moure dixo...

Por nós agarda, aínda, a vella oliveira e o fermoso porto do Berbés, e algunha cousa que outra. Mais todo ó seu tempo chegará. Apertas, fiel "Leutor"!