mércores, 28 de marzo de 2018

Os Muíños de Vento de Abalo e de Pedras Miúdas


“As flores se enguedellan. 
O Sol perdeu vergoña.
O vento só é un bico
no abalo das corolas”
Antón Cortizas Amado, Nos páramos da Lúa

Hai tempo que ando á procura de xigantes, como un Quixote moderno sen escudeiro nin armas herdadas, e poida que sen máis batallas que o produto das miñas propias apetencias e inquedanzas. Ando a cabalo dos montes co anhelo que combater a desmemoria do vento, a regresión da historia, as milicias eólicas que resisten agora con espadas infestadas de couza e baixo armaduras de tella e cachotes de granito. Saín vitorioso e triunfante das miñas lendarias e bélicas citas cos xigantes do Alto da Cruz do Castro e de Santa Margarida, sen esquecer tampouco aqueloutro da miña amada Illa, marisqueira e tibia, da Arousa.


Mais son moitos os xigantes que coa graza do vento aínda seguen en loita dende o alto dos ermos outeiros, como aqueles de Catoira que dominan o milagre da morte do Ulla; os garridos e lendarios xigantes de Abalo e de Pedras Miúdas. Para dar con estas dúas hostes de xigantescos guerreiros tería que internarme, cal anacrónico normando, por pistas forestais e corredoiras de asfalto cara as abas do Monte Xiabre. 


Muíños de Vento de Abalo

Un dos conxuntos de muíños de vento do Concello de Catoira localízase nun aireado outeiro da parroquia de San Mamede de Abalo coñecido como Monte Mesón, unha paraxe fascinante dende a que se divisa a morte do Río Ulla e o consecuente nacemento da Ría de Arousa.


Dende este outeiro tamén se sinte a forza e a bravura dos ventos atlánticos que se internan por esta nosa prezada e marisqueira ría, e que dende antano fixeron xirar os abanos de madeira destes muíños de vento que transformaban o gran en fariña, a materia en sustento. Non adoitaban ser habituais este tipo de muíños na nosa xeografía, posto que a maioría empregaban a abundante auga que escorregaba polas nosas terras como fonte de enerxía, nembargantes, tan somentes neste Concello de Catoira serían erixidos ó longo da súa historia até 11 muíños desta tipoloxía entre as contornas de Abalo, San Miguel e Cabreira. 


O conxunto etnográfico de Abalo consta de dous muíños de vento e as ruínas dun terceiro, todos eles de planta circular, muros de cachotería granítica e teitume a dúas augas cuberta de tella do país. Sobre do teito adoitábanse depositar pedras para que as tellas non se levantasen cos fortes refachos de vento. Estes xigantes de Abalo, que datan de finais do século XIX e comezos do XX, presentan unha mecánica sinxela que responde á tipoloxía de torre e cuberta fixa, e que difire da mecánica dos muíños de auga na orientación do eixe. 


No caso dos muíños de auga, o eixo adoita estar disposto en sentido vertical, namentres que nos de vento, en horizontal, atravesando os muros da torre. En cada un dos extremos do eixe localízanse os vareiros que sustentaban os abanos. Estes muíños de vento adoitaban pertencer a un so propietario, que polo xeral gravaría as súas iniciais, xunto coas do canteiro, no lintel da porta.


Muíños de Vento de Pedras Miúdas

A poucos metros dos muíños de Abalo, neste mesmo Concello de Catoira, localízase outro fascinante conxunto de xigantes, os Muíños de Vento de Pedras Miúdas. 


Estoutro conxunto de muíños localízase a uns centos de metros de altitude sobre da lagoa artificial, e de orixe mineira, de Pedras Miúdas, sita na parroquia de San Miguel de Catoira. Componse de cinco muíños, tres deles de dobre aspa perfectamente reconstruídos e outros dous practicamente esquecidos, somentes intuídos pola pegada circular que deixaron os seus cimentos. 


Poucas diferenzas semellan existir entre estes dous conxuntos etnográficos de Abalo e de Pedras Miúdas. En ámbolos dous conxuntos de muíños de vento de Catoira, somentes resisten tres xigantes, tres muíños de vento de idéntica tipoloxía, características e disposición, dominando unha mesma paisaxe, danzando cos mesmos ventos nunha contorna común. 


Alén dos outeiros onde se localizan estes antigos conxuntos de Abalo e de Pedras Miúdas, nos cumios máis elevados do Monte Xiabre, albíscanse aqueloutros brancos e impoñentes xigantes de aceiro que datan de finais do século XX e comezos do XXI, e que agora semellan dominar esta contorna. 


Albiscar aquel moderno e impoñente exército de viraventos, que agora coroa e domina a inmensidade do Monte Xiabre, fíxome cavilar en que estamos a gañar unha batalla antano perdida. Estamos a aproveitar a máis limpa i elemental tecnoloxía que xermolou da sabedoría anterga que fumega destes muíños. Estamos combatendo a desmemoria do vento, a regresión da historia, coas mesmas armaduras de antano; eixos, trabes, vareiros e abanos. 

Ningún comentario: