domingo, 14 de maio de 2017

O lar dos marqueses de Santa Cruz de Rivadulla


“Guimeráns è linda pousa,
mais Ximonde sin disputa,
e mais qu'entrambas ainda
Santa Crús de Ribadulla”
Marcial Valladares, Cantigueiro popular

Na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, no concello coruñés de Vedra, aló onde o serpeante Ulla reflicte a silueta meiga do Pico Sacro, localízase un dos máis senlleiros pazos da nosa terra. O Pazo de Santa Cruz de Ribadulla foi erixido no lugar de Ortigueira, - de aí que tamén se lle teña coñecido como Granxa ou Torre de Ortigueira -, e sería adquirido no século XVI polo cóengo da Catedral de Santiago, Juan Ibáñez de Mondragón, que coa colaboración do seu sobriño Juan de Mondragón, ampliarían a propiedade, edificarían unha capela, restaurarían os antigos edificios, amurallarían as súas inmensas terras e comezarían a delimitar o seu uso en tres zonas principais; unha para monte, outra para cultivo e outro terzo para as hortas e xardíns d’arredor do fogar.


Tamén por aquel entón, Ibáñez de Mondragón trazaría paseos e avenidas ca fin de serviren de corredores centrais que comunicasen as distintas parcelas e contribuísen a mellorar o acceso ás mesmas. Un destes paseos, a bo seguro que o máis coñecido, é o das oliveiras; un infindo e romántico vieiro conformado polas ramaxes dunhas 500 oliveiras aliñadas en dúas ringleiras paralelas que semellan entrelazar as súas pólas e reigames. Mais aquel cóengo tamén conformaría outros moitos paseos que amais de servir de acceso ás terras de cultivo e de embelecer i engrandecer este pazo, serían trazados ca fin de seren tamén un campo de cultivo para acadar o prezado aceite de oliva e o máis esencial Viño do Ulla; o tinto e o branco. 


Aló polo século XIX, o VII Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, Iván Armada y Fernández de Córdoba, comezaría a engrandecer os xardíns do pazo, aumentando tanto o número como a variedade de especies e contribuíndo a que hoxe en día este pazo sexa recoñecido internacionalmente polas súas camelias. As primeiras citas sobre estas especies, que aparecen reflectidas nun caderno do Marqués, datan de entrámbolos anos 1875 e 1899. Mais neste caderno, Iván Armada relata cómo plantou unhas camelias a carón doutras que tiña xa plantadas no xardín. Aquelas outras xa acadaban os sete metros de altura, polo que poida que fosen plantadas uns cantos anos atrás; crese que entre o 1780 e o 1820. 


Nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla conviven especies do máis exóticas i heteroxéneas, dende as xa citadas vides, oliveiras e camelias, até buxos, fieitos australianos, tulipáns de Virxinia, palmeiras de Washingtonia, magnolias ou criptomerias. Iso sen esquecer os cipreses, os cedros e as roseiras. A carón da fervenza pola que brincan as augas que nutren os xardíns e as terras desta Granxa de Ribadulla, tamén medran fentos e musgos, silveiras, loureiros,  salgueiros e xestas. 


De fronte mesmo á entrada principal do pazo, localízase a monumental Fonte da Coca, deseñada no ano 1676 polo ilustre arquitecto compostelán Diego de Romay e mandada construír polo I Marqués de Santa Cruz de Rivadulla, Andrés Ibáñez de Mondragón.  A Coca, ou Tarasca, é un ser da mitoloxía galega que representa a un dragón alado e que forma parte do símbolo heráldico da estirpe dos Mondragón. Este símbolo aínda fica presente na meirande parte dos escudos do pazo, concretamente representado por dous dragóns cos seus alongados corpos entrelazados. 


Neste Pazo de Ribadulla pasaría os derradeiros capítulos da súa vida o xeneral Alfonso Armada, IX Marqués de Rivadulla, logo de pasar escasos cinco anos no cárcere por liderar, xunto con outros militares españois, o intento de golpe de Estado do 23 de febreiro do ano 1981. 

2 comentarios:

Tín Herva dixo...

Unha espléndida entrada.
Divulgando un tesouro único
.....
Parabéns, mouro !

Iván Fraga dixo...

Moitísimas grazas, amigo!