sábado, 13 de maio de 2017

A vella Ponte Taboada


“PoI-o camiño de estrelas
esbara o cantar do arrieiro,
leva o compás nas campaíñas
o macho que vai dianteiro.
Medra como unha marea
o avalar perguiceiro
das montanas de Tras-Deza”
Luís Amado Carballo, O Galo

Sobre do leito do Deza, aló onde este río exerce de fronteira entre os concellos pontevedreses de Silleda e Lalín, eríxese impoñente unha ponte milenaria que unía as terras do Deza coas de Trasdeza e Santiago con Ourense por antigos camiños reais. Esta ponte, antano coñecida como Pons Tabulata por ser erixida inicialmente con táboas, sería erixida novamente en pedra no ano 912, tal e como testemuña unha inscrición rabuñada nunha rocha dos arredores. A vella Ponte Taboada, este pétreo vieiro, este milenario atallo de arrieiros, esta canle románica e fronteiriza, fica en paz somerxida nunha contorna realmente fascinante, nun universo afastado do ruído dos humanos onde amence e anoitece de vagar. 


A vella Ponte Taboada, que o pasado 2012 cumpriu 1.100 anos, é unha pequena pero garrida construción románica que se asenta sobre de dous enormes petoutos localizados en sendas ribeiras do Deza; un na parroquia de Santiago de Taboada, no Concello de Silleda, e o outro na parroquia lalinense San Martiño de Prado. Esta ponte naceu sendo parte dun Camiño Real que se trazaría seguindo as antigas vías romanas e que unía Santiago de Compostela con Ourense e con Castela, un histórico treito de arrieiros e tamén de peregrinos; pois por esta ponte pasa o trazado da Vía da Prata. No ano 1862, co trazado de novas estradas e a construción da nova Ponte Taboada, así como na segunda metade do século XX coa construción da ponte do ferrocarril; a vella ponte románica caería definitivamente no abandono até os nosos días, somentes procurada e percorrida polos peregrinos que van camiño de Santiago. 


A vella ponte foi erixida en cadeirado granítico e presenta un único arco de medio punto. A clave localízase a uns nove metros de altitude sobre do leito do río. Malia a ser unha construción austera e carente de excesivos elementos decorativos, posúe sinxelos e sutís detalles como rebaixes nas esquinas do cadeirado amais de disimulados desaugadoiros nos extremos do vieiro central. Malia a súa antigüidade, fica moi ben conservada, somentes desgastada polas rodeiras do pasado. Nun dos extremos, concretamente na ribeira da parroquia de Taboada, da que depende esta ponte, sitúase a pedra na que a duras penas se pode ler unha inscrición rabuñada en latín.


Aquela inscrición testemuña a antigüidade desta ponte, é a mellor proba posible para confirmar e recrear con certeza a súa historia:  “LAVORABERVNT ISTA PONTE ERA DCCCCL ET FVIT PERFECTA PRIDIE KL DS APIES” 

Ningún comentario: