venres, 6 de xaneiro de 2017

As sombras do Faro de Corrubedo


“Esculquei os teus seos
en cada un dos perfís de Corrubedo”
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Xa había tempo que tiña un enorme interese por achegarme de novo até Corrubedo, mais desta volta non sería ca fin de visitar o delicado i endexamais inamovible Parque Natural das Dunas de Corrubedo senón a pétrea atalaia de luces e sombras que se erixe sobre dos cons deste pequeno recuncho do concello coruñés de Ribeira. Interneime paseniño neste pequeno e pintoresco núcleo de poboación ribeirán camiño do Faro do Cabo de Corrubedo, un senlleiro facho galego que ceiba os seus intermitentes sinais de advertencia neste treito atlántico dende o que se albisca o carrusel de luces dos faros das Illas Cíes e do Cabo Fisterra. Malia non ser esta unha costa tan fera e bravía como outras moitas que conforman a faciana atlántica do noso país, este pequeno cabo de Corrubedo localízase nunha contorna marítima notablemente chán, de pouca profundidade e arrodeada de perigosos baixíos. Este cabo é o punto máis occidental da península do Barbanza e marca, polo sur, a entrada da Ría de Muros e Noia


Os traballos para a construción do Faro de Corrubedo darían comezo no mes de maio do ano 1852 da man do prestixioso enxeñeiro Celedonio de Uribe, comezando a funcionar o 20 de febreiro do 1854. Inicialmente, o faro emitiría a súa luz a través dunha lámpada mecánica que estaría controlada por dous torreiros e que tería un alcance aproximado dunhas 15 millas. Ca fin de sinalar os perigosos baixíos que dende os arredores do cabo se internan e prolongan baixo do mar, dotouse ó faro dun sector vermello cuxa intensidade sería reforzada no ano 1882. A pesares das abondosas diferenzas que presenta este faro de Corrubedo con respecto ó de Sálvora, a confusión entre ambos chegaría a ocasionar importantes naufraxios como o do buque Sarlier, ocorrido a madrugada do 8 de decembro do 1896 e no que perdeu a vida toda a tripulación, nin máis nin menos que 280 persoas, ou o naufraxio do Palermo, noutra funesta noite de decembro do ano 1910 na que dúas ducias de almas morrerían afogadas. 


Logo de tales naufraxios e da magnitude dos mesmos, no ano 1912 unha reclamación do goberno alemán faría posible que o goberno español modificase a luz e a técnica do faro. Un par de décadas despois, no ano 1935, dotaríase ó faro dunha lámpada de 1.500W, dous grupos electróxenos de emerxencia, e modernizaríanse as súas instalacións. Estas melloras foron a resposta do goberno español ás solicitudes dos navegantes que seguían a confundir as luces dos faros de Sálvora e Corrubedo, froito quizais da proximidade entrámbolos dous fachos ou da cor e do xogo de luces que ámbolos dous semellaban emitir. A morfoloxía deste pequeno pero senlleiro facho galego, tal que unha proa de navío, semella creada para sortear os azoutes do vento e reducir o impacto dos mesmos; para ser docemente acariñado polas húmidas brisas matutinas.


Deixei tras de min estoutro senlleiro facho galego, estoutra atalaia de luz aborrecida de naufraxios que semellan presentes aínda tralas sombras intermitentes, tralas marusías tibias e persistentes que acariñan a costa agoirando a desgraza. 

Ningún comentario: