venres, 6 de xaneiro de 2017

Fonte do Cervo, mestura de augas menciñeiras


“A lamberme fontes feridas
fontes feridas
mananciais de chumbo nos que non estás
nos que non estás
e que só me agroman balas nésperas”
Estíbaliz Espinosa, mecánica zeleste

Aínda queda, neste noso humilde e verdescente país, algún que outro recuncho posuidor dunha maxia propia, inherente. Lugares que semellan antollos da natureza, que emanan un aura de paz e harmonía, un halo de plácido i engaiolante misterio. Este pasado outono quixen coñecer un destes máxicos recunchos nunha terra xa de por si paradisíaca. Retornei ao Courel na compaña do meu amigo Xoán S. Pazos co firme propósito de volver a percorrer a Devesa da Rogueira para dar coa Fonte do Cervo ou Fonte da Fame; unha impresionante paraxe natural localizada a máis de 1.400 metros de altitude onde a maxia emana da mestura das súas augas calcarias e ferruxinosas. Sempre resulta un pracer volver até esta delicada e importantísima devesa courelá onde se ven representadas a meirande parte das especies da fauna e da flora do noso país. Atravesamos os soutos, os húmidos e verdescentes prados da devesa, deixamos tras de nós os bidueiros e os ameneiros, as faias e os freixos, os acivros e os teixos denantes de chegar até o humedecido muro de pedra polo que escorregan as máxicas augas da Fonte do Cervo.


A Fonte do Cervo é unha parede rochosa pola que brotan as augas de dous mananciais distintos pero moi próximos entre si; pola franxa esquerda escorregan cristalinas augas calcarias e pola dereita, augas ferruxinosas; que son as que máis chaman a atención pola particular cor alaranxada do seu lodo. Dende antano este lugar foi empregado e visitado por menciñeiros e por xentes chegadas dende terras máis afastadas, como O Bierzo, ca fin de aproveitar os beneficios medicinais de ámbalas dúas augas. Segundo as crenzas populares, as augas calcarias eran empregadas para sandar a anemia e as doenzas estomacais, namentres que as ferruxinosas adoitaban ser inxeridas ca fin de curar problemas pulmonares e recuperar o apetito; de aí que tamén se coñeza este máxico lugar como a Fonte da Fame. Bebemos daquelas augas a partes iguais. As cristalinas augas calcarias, tamén coñecidas como augas duras, carecían por completo de olor e sabor e non resultaban tan doadas de inxerir como as augas de mineralización máis débil. As augas ferruxinosas, pola contra, presentaban un lixeiro recendo a óxido e un intenso sabor a ferro. 


As crenzas populares entorno ó uso destas augas con fins medicinais, do mesmo xeito que o emprego das plantas denantes da aparición das grandes industrias farmacéuticas, semellan en boa parte recoñecidas tamén pola comunidade científica, que testemuña que as augas ferruxinosas, aquelas que conteñen suficiente concentración de ferro para que este metal poda percibirse ó gusto, están indicadas para tratar anemias ferropénicas, cadros de glosite, hipertiroidismo ou até para fortalecer as unllas e o pelo. Con respecto á inxestión de augas calcarias ou augas duras, aquelas que concentran unha gran cantidade de minerais e que maioritariamente proceden de cursos subterráneos, a OMS indica que pode contribuír a cubrir os niveis de calcio e magnesio que precisa o corpo para manter osos e dentes en bo estado e previr a osteoporose e outras enfermidades cardiovasculares. 


Resulta realmente máxico contemplar estes dous mananciais tan próximos entre si, ámbolos dous tan medicinais pero ao mesmo tempo, de características tan diferentes. Poida que a maxia deste lugar non naza somentes das augas destes dous pequenos mananciais senón da súa mestura. Semella como se a natureza tivese a ben facer desta parede rochosa un lugar propicio onde saciar a nosa sede, sandar as nosas doenzas e recobrar a fame do espírito. Liscamos deste elevado outeiro, deste máxico santuario natural da Devesa da Rogueira, sandados pola cal e a ferruxe, pola sabia mestura das augas menciñeiras. 

Ningún comentario: