domingo, 15 de maio de 2016

Castelo da Nogueirosa, o Alcázar dos Andrade


“Si cadra, um dia, em ti, como em num sono,
mergulho-me, ouh estrana e vaga história,
que inda estás por contar em verso antigo,
Deus sabe em que farândola remota!
Que olhos remedarão o meu fasquio?
Meu nome sortirá de cales gorjas?
Que verbas eu direi que não se esqueçam
naqueles peitos e naquelas bocas?
Queçais, exempro pra seguir nalgures,
vivirei num castelo ou nua cova,
cuberto de paxiãos e de desejos,
preada bem por corvos, bem pra pombas”
Fermín Bouza Brei, Seitura

Pouco despois de visitar o impoñente Torreón dos Andrade e coñecer unha pequena parte da súa historia, decidimos achegármonos até o lugar de Castelo, na parroquia da Nogueirosa, para tratar de coñecer agora a historia que aínda latexa nos muros doutro dos fogares da poderosísima estirpe dos Andrade na vila de Pontedeume. Andabamos na procura do Castelo dos Andrade, tamén coñecido como o Castelo da Nogueirosa e nos seus mellores tempos como o “Castelo da Fame” e o “Alcázar dos Andrade”. Nesta elevada paraxe, que domina a desembocadura do Eume no Atlántico e a contorna da vila de Pontedeume dende uns 300 metros de altitude, Fernán Pérez de Andrade, alcumado “O Boo”, quen tamén ordenaría a construción do Pazo e do Torreón dos Andrade en Pontedeume, erixiría sobre dun promontorio granítico coñecido como Pena Leboreira e sobre das ruínas dunha antiga fortaleza do século XIII, o Castelo da Nogueirosa. As obras darían comezo no ano 1369 sobre de terras pertencentes ó Mosteiro de Sobrado. Este feito, como era de agardar, fixo que o prior do Mosteiro de Sobrado, Esteban de Seijas, se opuxese rotundamente á súa construción. 


No ano 1371, Henrique II de Trastámara concederíalle a Fernán Pérez de Andrade, “O Boo”, os señoríos de Ferrol e Pontedeume, e tan somentes seis anos despois, no 1377, rematarían as obras do Castelo da Nogueirosa tralo correspondente acordo de arrendamento co Mosteiro de Sobrado, que se traduciría no aboamento anual por parte dos Andrade de 10.000 maravedís. Sería a partires do século XIV cando este Castelo da Nogueirosa comezaría a ser coñecido como o Alcázar dos Andrade. Mais coma tantos outros castelos e fortalezas do país, este Castelo da Nogueirosa, este Alcázar dos Andrade, sería derrubado no ano 1467 polos Irmandiños. O certo é que todo o patrimonio dos Andrade era un dos principais obxectivos das Revoltas Irmandiñas. Trala total destrución do Castelo da Nogueirosa no ano 1467, a fortaleza enteira tería que ser reedificada. Mais non sería a última reconstrución. Xa no século XIX, o Castelo da Nogueirosa, o danado e reconstruído Alcázar dos Andrade sería de novo integramente restaurado baixo mandato do Ducado de Alba. 


Tralas reixas da única porta de entrada ó castelo, enmarcada nun arco de medio punto no que se pode ver o escudo dos Andrade, albíscase o patio de armas, duns 140 metros cadrados. Sobre del pesa a sombra impoñente da súa Torre da Homenaxe, que presenta unha planta cadrada e tres andares cubertos por unha bóveda de cadeirado sobre da que se asentaba a zona ameada. A torre atesoura uns 20 metros de altura e uns 10 metros de cada lado. Os seus muros, ó igual que as bases do Torreón dos Andrade, acadan os dous metros e medio de grosor. As seteiras, as pequenas xanelas e os arcos de medio punto, rachan a monotonía do cadeirado granítico. O resto do recinto semella adaptarse á pétrea morfoloxía do pequeno promontorio sobre do que se localiza. Algúns contan que este castelo dispón dunha planta subterránea, rabuñada da mesma pena o sustenta, que foi empregada como cárcere ó igual que no veciño Torreón dos Andrade. As pequenas dimensións e a particular localización deste Castelo da Nogueirosa fai que moitos pensen que puido terse erixido por motivos puramente estratéxicos e defensivos. 


Canta historia fica mergullada nesta fermosísima vila de Pontedeume, neste porto de augas doces e salgadas; frías, puras e transparentes. Logo de ter o pracer de coñecer este Castelo da Nogueirosa e o veciño Torreón dos Andrade, así como os castelos de Moeche, Naraío, a vilalbesa Torre dos Andrade e mosteiros vinculados á estirpe dos Andrade, como San Xoán de Caaveiro ou Santa María de Monfero, comezaría a decatarme do inmenso poder que chegaría a acadar no pasado esta Casa dos Andrade. Puxen fin a esta curta estadía na fermosa e fascinante capital do antigo Señorío dos Andrade soñando xa con novos escenarios onde atoparme, onde recrearme, onde mergullarme nun pequeno intre da nosa máis afastada historia, lembrando e facendo meus aqueles versos do gran Bouza Brei que dicían: “Si cadra, um dia, em ti, como em num sono, mergulho-me, ouh estrana e vaga história, que inda estás por contar em verso antigo, Deus sabe em que farândola remota!”

Ningún comentario: