sábado, 16 de abril de 2016

A estradense Torre de Guimarei


“Amiga coma torre universal de antes do acougo, 
fonte de adorar amor e armarse en madas.
Alegre coma a folla de vivir
que temos desterrada da epiderme.
Irmá nunha batalla contra quen tripa na neve e esbarranca
o tafo mineral dunha cidade amada”
X. Antón L. Dobao, Contraantoloxía de Textos Exiliados

Nunha das últimas viaxes que tería o pracer de realizar polos infindos vieiros do sempre verdescente chan galiciano, tería a oportunidade de coñecer outra torre que agoniza e a historia dunha fachendosa fortaleza que somentes esta torre semella testemuñar. A torre da que agora vos falo non semella posuír o recoñecemento do que gozan outras torres do país de semellantes dimensións e antigüidade. Desta volta quixen achegarme até o lugar de A Torre, na parroquia estradense de San Xiao de Guimarei. Alí agardaba atopar a descoñecida Torre de Guimarei, unha torre medieval de planta cadrada que data do século XII e que agoniza baixo dun manto de hedras e matogueiras, esquecida e ignorada por moitos de nós. Nada máis chegar ó lugar puiden albiscar a carón da estrada a monumental silueta desta torre, mais non puiden achar carteis nin paneis informativos, nin tan sequera indicadores que alertasen ó visitante da pétrea protagonista deste pequeno lugar estradense denominado “A Torre”. O único cartel que puiden albiscar nunha porta de acceso ós dominios da torre semellaba escrito nunha táboa de madeira por algún veciño e rezaba a seguinte mensaxe: “Atención. Perigo. Risco de derrubamento”. 


A Torre de Guimarei, duns seis metros e medio de cada lado e uns aproximados 10 metros de altura, i erixida posiblemente durante o século XII, é o único vestixio que aínda testemuña unha fortaleza medieval que sería derrubada durante o século XV, como tantas outras, froito das Revoltas Irmandiñas. Pouco se sabe con certeza, amais da súa longa estadía de ruína e abandono vivida despois do século XV, da historia daquela fortaleza orixinal. O caos da ruína e po da batalla borrarían pra sempre a estela histórica daquel castelo medieval; agás a súa torre. Mais a partires do século XVII, esta torre e a súa contorna comezarían a vivir unha segunda etapa. Logo dos anos, e dos danos ocasionados polos Irmandiños, chegaría a erixirse un pazo de estilo barroco e de planta cuadrangular a carón mesmo da torre. O primeiro propietario daquel pazo sería Villar de Payo Muñiz. Aquel pazo, do que hoxe somentes se conservan as ruínas, presentábase como unha pétrea edificación dun único andar e teitos abovedados. Sobre da súa porta principal atópase o escudo de armas dos Villar. Este escudo está ligado á figura de Luís Francisco Mosquera, Villar e Aranda, o terceiro marqués de Aranda de Quintanilla e o terceiro tamén de Guimarey, amais de ser cabaleiro da Real e Distinguida Orde de Carlos III e membro do Consello Real e Supremo de Indias. Outra batalla, desta volta co lume, remataría por ateigar este pazo de silencio e abandono.


Achegueime até aquela torre, declarada Ben de Interese Cultural no ano 1949, até aquela atalaia danada que resiste, xa dende o século XII, as batallas, a ruína, os incendios, o avance insaciable dos anos e das hedras. A Torre de Guimarei, que atesouraba orixinalmente tres andares, érguese sobre dun afloramento rochoso que a erixe sobre das verdescentes pradarías que a circundan. Hoxe somentes se poden albiscar, a través das estreitas xanelas que atesoura, as ramaxes e raigames da mal chamada maleza. Aló no alto, naqueles vértices que se manteñen como nos seus mellores días, consérvanse dous impoñentes e pétreos canóns que semellan desafiar, pese á agonía, a todo aquel que ouse perturbar estas terras xa fartas de batallas e de ruínas. 

Ningún comentario: