mércores, 20 de xaneiro de 2016

O máxico verxel da Ponte Navea


“Carme do toxo famelgo no monte
E os ollos cansos da vaca pequena
Ti rapaza que nunca foches nena
Bebendo sudes no fondal da fonte.
Atadeira nas ceifas dun antronte
A vida mesma amósache a condena.
Ergueita segues na arriscada pena
Ollando a Terra máis alá da ponte”
Xosé Vázquez Pintor, Antoloxía poética

Hai recunchos neste noso país que semellan sacados do máxico mundo dos soños, enfeitizados pola beleza, polas lendas, pola paz e a serenidade, pequenos e marabillosos universos onde resulta inevitable soñar; lugares que nos atraen, que nos envolven, que nos seducen. Precisamente iso foi o que sentín cando coñecín o frondoso val do Río Navea e a súa senlleira ponte de orixe romana aló polas Terras de Trives, nas saias da Serra de Queixa, no indómito e xigantesco Macizo Central ourensán. Nunca denantes chegaría a maxinar que tras daquela Ponte Navea, localizada entre os concellos de A Pobra de Trives e San Xoán de Río, fose a descubrir semellante paraíso; un nutrido verxel que emerxe das ribeiras do Navea, unha ponte farta de historia e unha aldea silenciosa e orfa que me deixaría sen palabras. Descendín paseniño cara o curso do Navea por un esvaradío e apenas transitado sendeiro ateigado de follas, musgos e humidade. A cada paso iríame decatando da dimensión, da extraordinaria paz e beleza que semellaba reinar en todos e cada un dos recunchos que conforman este minúsculo e afastado lugar. Mais se por algo me acheguei até eiquí foi pra coñecer a verdadeira protagonista deste verxel, a súa histórica ponte.


Por este recuncho ourensán pasaba a importantísima Vía XVIII, tamén chamada Vía Nova i erixida baixo o mandato dos emperadores romanos Tito e Domiciano sobre do ano 80 despois de Cristo, que unía Asturica con Bracara. Para salvar o val do Navea erixiríase eiquí unha ponte de grandes dimensións, a primitiva, coa finalidade de que as tropas romanas circulasen comodamente. A actual Ponte Navea presenta un único arco apuntado, o cal semella evidenciar que sufriu importantes modificacións da súa estrutura orixinal durante a Idade Media. A ponte posúe 3,75 metros de ancho e uns aproximados 30 metros de lonxitude. O seu arco apuntado posúe uns 20 m de luz. Aló polo século XIX, concretamente no ano 1834, sairía á luz un granítico miliario romano que sería achado na porta dun alpendre e que posteriormente sería trasladado ó patio do Marqués de Trives. O miliario está dedicado ós citados emperadores Tito e Domiciano, crese que data da finalización da construción da Vía Nova e presenta a seguinte inscrición:

IMP . TITO CAES . DIVI
VESP . FIL VESPASIANO
AVG . PONT . MAX . TRIB

POT . VIII . IMP XVI P.P.

COS VIII.
CAES .DIVI . VESP . FIL . DOMITIANO
COS. VIII VIANOVA. AB . ASTURICA
C . CALP . RANT . QUIRINALE
VALFESTO . LEG . AVG . P.P.
M.P.



Eses vellos miliarios, eses sinais que noutrora marcaban distancias espaciais, hoxe son testemuños temporais que dan boa conta da pegada histórica que agochan estas terras. Canto mudaron os tempos, canto trocaron as cousas nesta pequena aldea, neste verxel silencioso i esquecido. Este máxico lugar, cos seus alpendres, cos seus rueiros e cos seus xa baleiros fogares, é unha importantísima mostra da arquitectura máis tradicional desta comarca ourensá das Terras de Trives. Mais se algo hai de máxico neste pequeno recuncho do Navea, se algo en verdade enfeitiza esta marabillosa paraxe, esa é a frondosa e viva fraga que envolve estas ribeiras, que avanza ceiba pero sabia, lenta pero imparable. Carballos, salgueiros, castiñeiros ou bidueiros son algúns dos nomes que reciben as máis sabias pantasmas que aínda habitan este lugar. E que dicir do Río Navea, o verdadeiro alento de vida deste verxel, que baixa instintivo procurando o seu encontro co Bibei. Precisamente sobre do curso deste río tivemos a sorte de coñecer anos atrás a Ponte Bibei, que tamén formaba parte desta antiga Vía Nova e ó igual que a Ponte Navea foi construída para salvar o desnivel do val, neste caso o do Bibei. A carón desta Ponte Bibei tiveramos a sorte de coñecer, e até palpar, uns cantos miliarios do antigo Imperio Romano. 


Denantes de abandonar esta aldea de ninguén, este anaquiño da vella Vía Nova, acharía unha pequena e antiga capela que posúe unha representación da Cruz de Malta nunha doela da porta principal. Trátase da Capela da Encarnación, e hai quen cre que a citada Cruz da Orden de Malta pode evidenciar a presenza dun antigo camiño de peregrinación cara Santiago, xa que esta orde se encargaba de vixiar e protexer o bo camiño dos peregrinos. Lisquei destoutro máxico recuncho galego cavilando no moito que foron cambiando as cousas en certos recunchos deste noso país e no moito que estes lugares nos achegan a outros tempos e sociedades. Fuxín paseniño logo de saborear as augas do Navea, escoitando o silencio, recendendo a pureza, acariñado por un ar preguizoso e, como diría o gran Xosé Vázquez Pintor; “ollando a Terra máis alá da ponte”.

Ningún comentario: