xoves, 26 de novembro de 2015

O azar e os Hórreos da Lavandeira


“Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

O destino volveu a saírse coa súa, entreténdome unha vez máis na súa encrucillada de vieiros e casualidades, na labiríntica arañeira do azar, - do infortunio, da boaventura -, que adoita cruzarse nos nosos rumbos tratando de apresárnolo albedrío; tratando de guiárnolo camiño. Desta volta sería “pola banda de Laíño”, no concello coruñés de Dodro e namentres trataba de achar os petróglifos de Bouza Abadín. Corría unha primaveral tarde de novembro, no ceo presaxiábanse transitorias chuvieiras e a atmosfera semellaba arder baixo dun manto de nubes de cinza. Percorrín paseniño os montes de Laíño na procura daquel conxunto de petróglifos, mais debo confesar que non era o mellor día para dar con eles. Resignado, decidín poñer fin a aquela busca infausta. Namentres descendía de volta, albiscando a morte do Ulla e as brañas de Laíño baixo dos meus pés, internaríame erradamente nunha pequena estrada camiño do lugar de Imo, pertencente á parroquia de San Xoán de Laíño. Ó pouco acharía ante min un monumental conxunto de hórreos que me deixaría francamente impresionado.


O destino quixo poñer diante de min os Hórreos da Lavandeira, un importantísimo conxunto etnográfico composto por un total de once construcións  do tipo "Noia" que datan do século XVIII e das cales non tiña ningunha referencia. Estes hórreos, que fican d’arredor dunha gran eira, son o maior baluarte, o meirande atractivo e os verdadeiros protagonistas desta pequena aldea de Imo. Achegueime até o conxunto e dispúxenme a coñecer aquelas construcións de planta rectangular e doelas de madeira. Estes Hórreos da Lavandeira lembráronme, inevitablemente, aquelas viaxes ó corazón da Provincia de Ourense nas que tivera a sorte de coñecer algún que outro conxunto similar, como os canastros de Barroso ou os de Quins. Aqueles canastros ourensáns, de pétreo armazón e paredes de madeira, posuían teitumes, pés e tornarratos de pedra e carecían de cruces e aguillóns. 


O destino quixo entreterme nos pétreos armazóns, nos testeiros e nas paredes de madeira, no ceo de cruces e aguillóns deste recuncho de Imo, desta parroquia de Laíño, desta antiga e viva eira. Quixo que vise teitumes retelladas, corridos tornarratos e un crisol de liques nos alicerces. Que grata sorpresa me tiña preparada o fado, o azar ou o destino, e que grande honor o de terme perdido no camiño. Estes hórreos i esta eira seguen a ser empregados polos veciños de Imo e foron restaurados recentemente, polo que se pode dicir, sen lugar a dúbidas, que seguen vivos como nos seus mellores tempos. Ollei por derradeira vez aquel fatado de hórreos, aquel sabio legado romano dende a eira e maxinei un cento de almas, xeracións enteiras de veciños, mallando o seu trigo, sementando lembranzas e poñendo a salvo o seu pan. 


O destino quixo entreterme neste importantísimo conxunto etnográfico da Lavandeira, nesta excelente mostra de arquitectura popular, mais por pouco tempo; daquelas nubes cincentas comezaron a caer as primeiras pingas. Que mellor xeito de rematar aquel capricho do destino, que mellor xeito de liscar de Imo que lembrando aquel “cómo chove miudiño, cómo miudiño chove; pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove”.

mércores, 18 de novembro de 2015

A Pedra Moura de Aldemunde


“Salvage val de Brantóa,
En terra de Bergantiños;
Ou val, amado dos celtas,
E dos fungadores pinos:
Cando Gundar prob' e 'scuro,
Sea d' este mundo ido;
No teu seo silencioso,
Concédelle, val amigo,
Sepulcro a modo dos celtas,
Tan só de ti conocido”.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Pouco despois de ficar asombrado e absorto ante a beleza e o melódico estrondo da cantareira Férveda de San Paio de Entrecruces, dirixinme de vagar cara a parroquia de Santa María Magdalena de Aldemunde. Nestoutra fermosa parroquia carballesa tiña por diante dar coas pétreas chantas do milenario Dolmen de Pedra Moura; un dos meirandes do noso país. Esta de  Aldemunde é a parroquia máis pequena de Carballo e tamén a máis deshabitada, mais atesoura importantes restos megalíticos e castrexos. Estoutro importantísimo megálito bergantiñán, estoutra xoia ancestral da Costa da Morte, localízase na parte alta de Aldemunde, a carón dun pequeno e verdescente prado. A medida que me ía achegando até aquel fato de chantas graníticas, funme decatando das súas importantes dimensións. 


Detívenme ante as chantas de Pedra Moura e fiquei cavilando por un bo anaco no impresionante que debeu ser nos seus mellores tempos. Este dolmen, datado entrámbolos anos 3.500 e 2.700 denantes de Cristo, posúe unhas dimensións aproximadas de 2,40 por 3,20 metros. Na actualidade somentes se conservan cinco das sete chantas que o conformaban inicialmente, e polo que se pode observar, a meirande parte das que aínda se conservan semellan desprazadas do seu emprazamento orixinal, mesmo a anta de cubrición. Debo confesar que me sentín máis anano do habitual a carón daquelas enormes antas, e non é para menos; a chanta máis alta chega a superar os dous metros de altura. 


Este Dolmen de Pedra Moura, coma a meirande parte dos dolmens do noso país, ten a súa propia lenda, o seu propio legado oral. Segundo contan os veciños da contorna, todas e cada unha destas pedras que conforman o Dolmen de Pedra Moura foron carreadas por unha muller dende o Petón de Calvelo namentres fiaba na roca e lle daba de mamar a un meniño. Resulta curioso, e non menos sorprendente, o retratado que adoita quedar o papel feminino no lendario popular galego. O certo é que cavilei, namentres lembraba a lenda, que o imaxinario “quefacer” daquela lendaria muller, por sorte ou por desgraza, non dista tanto do papel que seguen a exercer moitas mulleres dos nosos días, compaxinando o duro traballo coas tarefas do fogar e coa crianza dos seus meniños. Intuición, traballo, intelixencia, fecundidade, sensibilidade... insignias atemporais da feminidade.


Tal e como dicía ó comezo, esta de Aldemunde é unha parroquia pequena e pouco habitada pero atesoura un importante legado megalítico e castrexo. I é que en Aldemunde de Abaixo podemos achar un castro sen escavar que fica arrodeado por un parapeto defensivo e un foxo. Este castro tamén ten a súa propia lenda, que nos fala de tempos de mouros e de romanos, así como da existencia dunha trabe d’ouro que se estendería dende o mesmo castro até o muíño da Regueira. Despedinme de Aldemunde bicando esta fértil terra avermellada, este anaco de Bergantiños, este “val, amado dos Celtas, e dos fungadores pinos”.

martes, 17 de novembro de 2015

A cantareira Férveda de San Paio


“Para cantar e bailar 
Bergantiños sona ten 
Para colleitar bon trigo
Carballo coma ninguén.
Eu nascín en Coristanco
en Razo amores tomei 
Casei logo en Ardaña,
I en Noicela enviudei”
Alalá de Carballo

Xa fuxiron cos ventos as máis vellas follas, as vívidas cores, as galas caducas da indómita fraga. Xa se tinguiron de ocre os carreiros do monte, espidas ficaron as árbores e as cálidas cores foron asolagando reigames. Refuxieime unha tarde de domingo nos prácidos eidos bergantiñáns, nas avermelladas terras sucadas a legón, nos páramos verdescentes de Carballo. Ó abeiro dos ecos murmuradores de afastadas pingas cantareiras e a compás de regueifas maxinadas, funme achegando até unha das máis senlleiras fervenzas bergantiñás, até toda unha coral de pozas e de chanzos, de escumas arremuiñadas, até un orfeón de fentos e rochedos, de musgos, de liques; de augas. 

Cantareira terra de Bergantiños, aínda se escoitan nestes seus camiños regueifas de augas socalcadas, o acompasado estrondo d’outrora, as voces xa finadas. Canto pracer sentín ó coñecer a Fervenza de San Paio de Entrecruces, canto gocei do seu melódico son; do prácido estrondo das augas do caudaloso Río Outón. Este húmido verxel localízase na parroquia carballesa de Entrecruces, ós mesmos pés da capela de San Paio. A auga do Outón precipítase dende uns corenta metros de altitude, conformando un dos meirandes atractivos naturais de Carballo. Este concello atesoura tamén outras férvedas, non menos fermosas, como a que se localiza na parroquia de Rus. Todas elas pertencen ó denominado “Roteiro das Férvedas”, que dá comezo na Brea e remata nesta férveda de San Paio, e na que teremos ocasión de coñecer tamén igrexas barrocas como as de Santa María de Rus, a de Ardaña ou a de San Paio. 


Denantes de atopar esta fervenza de San Paio, deteríame nun dos muíños que fican á beira do camiño. Estes muíños, agora rehabilitados e coas portas abertas, conviven coas antigas ruínas dunha pequena central hidroeléctrica que dende ano 1915 e durante unha chea de anos, abasteceu de enerxía os fogares de Carballo. Deixei tras de min esta cantareira férveda de San Paio e os seus muíños escoitando o ronco balbordo desta gorxa de pedra, a axitada melodía das súas augas, este doce alalá de escumas albuxíneas. 

xoves, 5 de novembro de 2015

O Dolmen do Forno dos Mouros


“Conheço o mundo dos mortos. É frio, com terra
por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos.
Os mortos vêem-nos: de onde estao, eles chamam pelos nomes
familiares, nun murmúrio, e o vento dispersa-lhes os sopros
- música de ciprestes. Por isso, há quem ande entres as campas,
ao fim da tarde, com os ouvidos tapados; quem reze,
entre lábios, datas estéreis como as antigas pedras”
Nuno Júdice

Fai tempo, un bo amigo contoume que aló polas saias dos montes da Serra do Bocelo, nos modernos límites fronteirizos dos concellos de Toques e de Sobrado, achara fai anos un impresionante monumento megalítico coñecido como o Forno dos Mouros que conservaba unha serie de pinturas rupestres de formas serpeantes, moi semellantes ás do dolmen vilalbés de Roza das Modias. Cantos montes e serras temos percorrido xa na procura destas pétreas estacións que nos conectan coa paisaxe e coa vida cotiá dos nosos máis primitivos devanceiros. Cantos vieiros e corredoiras temos camiñado xa na procura destes antiquísimos vestixios mortuorios dos primeiros habitantes deste noso país. Aproveitei unha morna e gris tarde de domingo para internarme no Concello de Toques e seguir as pistas que me levarían, sen maiores atrancos, até as milenarias laxas do dolmen de Forno dos Mouros.


A do Bocelo é unha serra privilexiada en canto a restos megalíticos, xa que nela foron catalogadas un total de 32 mámoas, a meirande parte das mesmas fican aliñadas co Camiño Real que atravesa a crista da serra de NE a SO. O Forno dos Mouros é, sen lugar a dúbidas, o máis espectacular destes restos e poida que un dos exemplos máis fermosos e mellor conservados dos monumentos megalíticos do noso país. Este dolmen localízase nunha erma contorna dominada por asombrosos penedos moi preto do lugar da Moruxosa, no concello coruñés de Toques, e a unha altitude de 713 metros. Este monumento sepulcral data do III milenio denantes de Cristo, é unha estrutura megalítica con cámara poligonal conformada por unha gran laxa horizontal sostida por sete esteos. A laxa da cuberta aparece fracturada pola súa parte setentrional. 


Este importante monumento megalítico foi escavado i estudado entrámbolos anos 1987 e 1989 pola Universidade de Santiago de Compostela. A cámara consta dun corredor de acceso de dous tramos e atesoura, nas súas mouras e telúricas entrañas, representacións pictóricas nas que destacan motivos en forma de zig-zag pintados en cores negras e vermellas sobre dun fondo branco. Nas diversas campañas de escavación que se levaron a cabo neste xacemento apareceron restos de materiais líticos e cerámicos, mais por riba disto destacan os restos dunha excepcional peza. Trátase dun vaso campaniforme cordado con influencias decorativas vinculadas coa Bretaña francesa; o que nos demostra as complexas redes de circulación existentes xa no III milenio. 


No verán do ano 2009, o dolmen do Forno dos Mouros foi obxecto dunha última actuación realizada por un equipo do CSIC que tivo coma fin velar pola conservación do mesmo, acondicionar a súa contorna e deter a deterioración das pinturas; para esta última fin optouse por soterrar de xeito preventivo as mesmas. Nesta mesma intervención tamén se reforzou a estabilidade do conxunto.  Foi unha mágoa non poder coñecer as súas pinturas pero coido que a actuación levada a cabo é vital para a conservación das mesmas. Semella como se tanto a paisaxe penedía como o silencio imperturbable desta erma contorna conspirasen pra somerxerme por uns intres no imaxinario mundo dos mortos, nese vieiro escuro, inevitable e “frio, com terra por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos” que tanto eludimos pero que tanto nos vincula aínda cos nosos máis primitivos devanceiros.