domingo, 25 de xaneiro de 2015

Da Devesa da Rogueira á Lagoa da Lucenza


“Esculquei os teus seos
en cada un dos perfís de Corrubedo;
os teus ventres en fendas sucesivas
dalgúns pregues antigos do Paraño;
na tépeda Devesa de Rogueira
-carreiros silandeiros entre a fraga,
exóticos silencios entre as pólas
das árbores notábeis-
as túas concavidades uterinas”
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Este finado outono retornamos ós centenarios soutos e veigas, ás alongadas faldras e profundos vales que o curso do Lor foi conformando ó longo dos séculos na sempre fascinante e paradisíaca Serra do Courel. Volvemos até estas fermosísimas terras luguesas, nas que xa tiveramos a sorte de coñecer recunchos tan impresionantes como o Castro da Torre, o antigo e ruinoso Castelo do Carbedo, o Pregamento Xeolóxico de Campodola e unha boa parte das súas máis senlleiras aldeas, para tratar de coñecer agora un dos meirandes atractivos desta serra. Andabamos na procura do maior tesouro natural da Serra do Courel, un marabilloso verxel, un pequeno paraíso coñecido como a Devesa da Rogueira. O noso propósito sería percorrer esta feiticeira fraga e tratar de chegar até a lagoa glaciar da Lucenza, situada a uns 1.420 metros de altitude. Comezaríamos esta andaina, o meu amigo Tinín e máis eu, unha húmida mañá de novembro dende a Aula de Natureza de Moreda. Dende alí parte unha das rutas para coñecer os segredos desta senlleira e paradisíaca devesa situada na vertente norte de Formigueiros, que cos seus 1.643 metros de altitude, é o cumio máis alto do Courel


Botamos a andar a media mañá, xa un pouco tarde tendo en conta que teríamos que percorrer unha literal ducia de quilómetros para acadar a Lagoa da Lucenza, e outros tantos de volta ata Moreda. Durante os primeiros pasos puidemos contemplar unha fermosa veiga arrodeada de soutos centenarios e seríamos gratamente sorprendidos por un silencio e unha paz somentes rachada polo canto dos paxaros. Sorprendeunos tamén comprobar que esta ruta fica ateigada de paneis informativos que nos explican en todo momento o que estamos a ver e todo aquilo que fai desta “tépeda Devesa de Rogueira” un lugar único, non somentes no noso país, senón tamén na península ibérica e a nivel internacional. O murmurio do río comezábase a facer máis evidente a medida que nos íamos internando na devesa, nesta xoia ecolóxica do Courel. Camiñamos de vagar, contemplando a paisaxe e deixándonos seducir por cada un dos recantos que conforman este máxico verxel. Esta da Rogueira é a devesa máis extensa e mellor conservada do Courel, i está considerada polo World Wildlife Fund como un dos bosques con maior diversidade da Península Ibérica. Nos seus dous quilómetros cadrados de superficie, a mestura dos diferentes solos louseiros, cuarcíticos e calcarios, e as variacións de altitude favorecen a concentración dunha gran riqueza botánica. 


A Devesa da Rogueira localízase no extremo oeste da rexión eurosiberiana e moi preto dunha zona con gran influencia mediterránea, facendo posible que eiquí convivan, polo tanto, especies do centro e do norte de Europa nas zonas altas, como as faias, con especies do sur de Europa no fondo dos vales, como as aciñeiras e as sobreiras. Esta devesa é, por riba de todo, unha gran mostra dos antigos bosques das montañas galegas, e nos nosos días segue a ser un valioso refuxio para a fauna e a flora. A medida que camiñabamos por esta devesa de beleza indescritible, iámonos decatando da gran cantidade e variedade de especies arbóreas que se distribúen nos distintos niveis de altitude deste pequeno paraíso terreal. Amais dos xa citados soutos, ateigados de centenarios castiñeiros (Castanea sativa), e das sobreiras (Quercus suber), aciñeiras (Quercus ilex) e faias (Fagus sylvatica), esta devesa agocha abondosos exemplares de acivros (Ilex aquifolium), teixos (Taxus baccata), salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus excelsior), pradairos (Acer pseudoplatanus), carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica), capudres (Sorbus aucuparia), bidueiros (Betula alba) e abeleiras (Corylus avellana)


Por se fose pouco, nesta devesa podemos atopar tamén unha gran cantidade e variedade de pequenas plantas que manifestan o inmenso valor botánico destas terras courelás, como a herba dos mendigos (Clematis vitalba), a seixebra (Teucrium scorodonia) ou a tóxica e fedorenta chaveira (Helleborus foetidus). Tamén se poden ver por esta devesa os estalotes (Digitalis purpurea), os marelos panqueixos (Primula vulgaris), os couselos (Umbilicus rupestris), as calzas de cuco (Linaria triornithophora) e a abrairiña (Saxifraga spathularis). Nas zonas máis elevadas, é común achar narcisos (Narcissus spp.) que nacen antr’a neve do desxeo e plantas medicinais como a xanzá (Gentiana lutea), así como arandeiras (Vaccinium myrtillus) e tollemerendas (Merendera pyrenaica). Sobre dos taros ou tesos, que son rochedos calcarios, medra a flora de maior valor biolóxico da serra, xa que estes solos non son moi comúns no noso territorio. Nestes “tesos cumes” é frecuente achar roseiras bravas (Rosa spp.) i especies endémicas asociadas a este tipo de substrato como o té de pedra (Sideritis hyssopifolia), os anxiños (Teucrium pyrenaicum) e diversas orquídeas. Estas son somentes unha mínima parte das máis de 1.000 especies botánicas que se ven representadas neste verxel.


Logo de cruzarmos o Rego da Rogueira, o afluente do Lor que nutre esta valiosa devesa, comezaríamos un ascenso bastante duro cara o Alto do Couto que nos deixaría realmente fatigados, de feito, teríamos que detérmonos unhas cantas ocasións pra poder continuar. Estabamos a salvar un importante desnivel de 700 metros, dende os 750 até os 1.400 metros de altitude, nuns escasos tres quilómetros. Durante o ascenso teríamos a sorte de achar a Fonte do Cervo ou Fonte da Fame. Trátase dun rochedo do cal brotan xuntos dous mananciais con diferentes características e propiedades medicinais que semellan mesturar as súas augas. Por un deles baixa auga clara, calcaria, e polo outro auga avermellada e ferruxinosa. Bebemos daquelas augas, refrescámonos e continuamos coa nosa andaina rumbo ó cumio de Formigueiros e camiño da Campa da Lucenza. A partires daquela fonte, a paisaxe mudaría drasticamente. Agora estabamos a escasos metros do cumio da máis alta montaña da serra e as árbores semellaban dar paso ás uces e ás carqueixas. Sopraba un vento frío e seco que nos obrigou a abrigarnos e a continuar. Non resultou nada doado proseguir camiño da Lucenza, mais logo do que levabamos camiñado, xa non había volta atrás. 


Dende o alto das faldras da serra albiscamos o voo dos miñatos (Buteo buteo), mais este verxel agocha outras moitas aves como a Avelaiona (Strix aluco), a curuxa e outros moitos paxariños como a carriza (Troglodytes troglodytes), os merlos (Turdus merula), o paporrubio (Erithacus rubecula), as papuxas (Sylvia spp.), o pimpín (Fringilla coelebs), o ferreiro abelleiro (Parus major), os gaios (Garrulus glandarius), o ferreiriño azul (Parus caeruleus), o papamoscas cincento (Muscicapa striata), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), o gabeador común (Certhia brachydactyla), a lavandeira real (Motacilla cinerea) ou a estreliña riscada (Regulus ignicapilla); esta última é a ave máis pequena da fauna galega. Esta devesa é o fogar, tamén, de animais tan senlleiros como os corzos, os raposos, os xabarís ou o mesmo lobo, sen esquecer a outros moitos mamíferos como a marta, o leirón cincento, o armiño, o gato bravo, a lontra ou a donicela, nin a gran cantidade e variedade de anfibios e réptiles que cohabitan nas súas húmidas ribeiras. 


Logo de moito camiñar, á fin albiscariamos no horizonte a tan agardada Campa da Lucenza. Á fin deixabamos de ascender, agora era o momento de descender cara a lagoa glaciar que nos fixera chegar até un dos recunchos máis elevados i especiais desta serra. No intre en que albiscamos dende o lonxe a pequena Lagoa da Lucenza, daríamos chimpos literais de ledicia. Achegámonos correndo e brincando os derradeiros metros que nos separaban xa daquela máxica lagoa glaciar para dar por finalizada unha dura andaina ante a mellor das recompensas. A Lucenza, como dicía ó comezo, é unha lagoa de orixe glaciar situada a 1.420 metros de altitude que se alimenta da auga que recolle do desxeo dos cumios que a arrodean. Adoita ter auga a meirande parte do ano, nembargantes, nas épocas estivais perde unha gran parte do seu caudal. Esta lagoa posúe, aproximadamente, uns 70 metros de diámetro e a súa antigüidade remóntase a 16.000 anos atrás. Empapámonolos rostros naquelas augas repousadas, elevadas i especiais, ollamos as árbores que sobreviven no seu leito de musgos e follas humedecidas, e tratamos de maxinar o moito que debeu mudar ó longo dos milenios aquela pequena pero fermosa paraxe. 


Despedímonos da Lucenza e botamos a andar de regreso cara Moreda. Aínda nos quedaba por diante volver a camiñar o mesmo treito de 12 quilómetros que tiveramos que percorrer para chegar até a lagoa, mais desta volta somentes tiñamos que descender, polo que o tempo que nos levaría chegar reduciríase case que á metade. Baixamos axilmente polos fermosísimos sendeiros da devesa deténdonos en varias ocasións a ollar os sequeiros; pequenas construcións de pedra que se erixían arredor dos soutos para secar as castañas e conservalas. Os sequeiros estaban divididos en dous andares separados por unha sinxela estrutura de madeira. Na parte superior, ou caniceira, depositábanse as castañas, e na inferior, ou remoleiro, prendíase unha pequena fogueira para secalas. O proceso de secado duraba entre 20 e 25 días co fume e ca calor do remoleiro, que ficaría aceso día e noite. Despois dese tempo, as castañas serían golpeadas nunha saca para desprendérense da casca. A meirande parte dos sequeiros que achamos ficaban derrubados e asolagados polas hedras e matogueiras. 


Chegaríamos de volta a Moreda a iso das tres e media da tarde. Procuramos unha taberna en Folgoso e gozamos dun humilde xantar namentres conversabamos encol da impresionante experiencia que acabaramos de vivir. Aquela mañá fixeramos dúas ducias literais de quilómetros i en somentes unhas horas tiveramos tempo de coñecer, non somentes un paradisíaco verxel e unha antiquísima lagoa, senón tamén numerosas especies de plantas que nunca denantes viramos nas nosas vidas. Ademais de saber que nesta fraga concéntrase a esencia, a singularidade, a maxia e os segredos desta fascinante serra. Liscamos do Courel, do pequeno pero fascinante universo de Novoneira, sobradamente satisfeitos, mais desexando que algún día, máis pronto que tarde, este delicado e importantísimo verxel da Rogueira, esta devesa de beleza indescritible, sexa o sétimo Parque Natural deste noso país. 

venres, 23 de xaneiro de 2015

Os costeiros Muíños de Ardeleiro


“O sol, baril muiñeiro,
pingotas de choiva moe,
o arco da vella pineira
fariña de sete cores.
Os brancos foles das nubens,
a lombos das serras, van
cara o muiño do ceo
para moelo seu gran”
Florencio Delgado Gurriarán, Cantarenas

Denantes mesmo de coñecer, este pasado outono, o dolmen malpicán de Pedra da Arca na compaña dos meus amigos Óscar e Damián, procuraríamos en San Cristovo de Cerqueda, na mesma parroquia onde se localiza o citado dolmen, un conxunto de muíños que fican chantados sobre dos cantís da costa bergantiñá e de fronte ó indómito e inmenso Océano Atlántico. Estouvos a falar dos Muíños de Ardeleiro, un conxunto etnográfico que fica nunha paraxe ben fermosa e verdadeiramente singular do Concello de Malpica. Viaxamos pois rumbo á máxica e bravía costa bergantiñá pra coñecer estes muíños que fican pendurados dos máis estremeiros cantís da Costa da Morte e a rentes do mar das Sisargas


Poucas veces na miña vida tiven a oportunidade de coñecer un lugar tan singular coma este de Ardeleiro. Ás veces adoitamos asociar os tradicionais muíños a contornas do interior, i en moi contadas ocasións temos a oportunidade de velos arrodeados dunha paraxe puramente costeira; atlántica. Ante nós tiñamos un conxunto de muíños que aproveitaban o curso dun regato de auga doce, coñecido como o Rego de Muíños, que escorregaba polos cantís e se abría camiño por antr’as toxeiras e as herbas namoradeiras, para logo precipitarse sobre do salgado leito atlántico. Ó seu redor albiscamos a impresionante paraxe na que se localiza: un xigantesco rochedo que resiste os embates dun mar fero e asasino. 


O conxunto etnográfico de Ardeleiro componse de cinco muíños, de canle e de cubo, que nos nosos días fican perfectamente restaurados. Todas as construcións, erixidas en cachotería, semellan presentar unha planta rectangular e teitume a unha auga cuberta de tella do país. Puxémonos a camiñar por un estreito sendeiro de terra que arrodea o curso do Rego de Muíños tratando de ollar cada unha daquelas cinco construcións que, coma pétreos e xigantescos crustáceos, semellan desafiar os feroces azoutes atlánticos. A paraxe, máxica comuñón de augas doces e salgadas, de cultura, tradición e natureza, non deixou de sorprendernos en ningún momento. 


Ollamos as canles, nos infernos os rodicios e a través das estreitas xanelas, a silueta e as sombras das moas, quenllas e moegas que aínda conservan estes muíños. Ficamos pampos ante o preto que ficaba do mar o último dos muíños, e chagamos a maxinar os moitos azoutes que debeu soportar. Maxinamos tamén o duro que debía ser, en tempos non moi distantes, vir moer a estes muíños nos máis chuviosos outonos e nas máis tempestuosas invernías. Estes muíños de Ardeleiro, como a meirande parte dos muíños galegos, foron caendo no abandono coa chegada de novos artefactos eléctricos para a elaboración da moenda. Nembargantes, sería aló polo ano 2007 cando se levarían a cabo unhas obras de rehabilitación que fixeron rexurdir unha paraxe única no noso país. 


É un auténtico pracer coñecer lugares tan sinxelos pero á vez tan cheos de fermosura e singularidade, que recrean boa parte da nosa historia, da nosa cultura e das nosas tradicións. Detrás destes muros de pedra, e baixo dos tellados destas pequenas e humildes construcións, hai unha importante etapa da nosa historia somerxida. Estes muíños foron clave para o desenvolvemento dunha Galiza famenta, foron unha ferramenta pra acadar a fartura. Quen sabe cantos milleiros de muíños, coma estes de Ardeleiro, ficarán aínda derrubados e cubertos pola maleza a carón dos infindos regatos deste noso húmido e verdescente país. 


Foi unha auténtica mágoa termos que deixar atrás un recuncho tan singular e impresionante coma este. Fixémolo paseniño, ollando o derradeiro treito do Rego de Muíños denantes de que as súas doces augas contribúan a conformar un océano que se perde na liña do mesmo horizonte que conforma. Conxuntos etnográficos coma este de Ardeleiro, ó igual que as doces augas do Rego de Muíños, contribúen a conservar o noso patrimonio, a recrear a nosa historia e a  manter acesa a nosa cultura e as nosas tradicións; son o celme da nosa identidade. 

luns, 19 de xaneiro de 2015

O dolmen malpicán de Pedra da Arca


“Hai un país, íntimo e ferinte, país que nos cicelou as chagas
entre néboas difusas e ilusorias. Corpo estrábico,
lugar das vísceras onde se escoitan líquidos amargos;
el definiunos, moldeounos, co seu ubre milenario
de dolmens de esparto, foi catecismo, dogma e acto de fe,
foi o noso revulsivo, o peliqueiro que abría o seu estómago
contra o mar. Nós somos el. El é nós e non é nada. País chamado
Galicia, cemento fresco, longa lingua de caolín: hoxe esconxurámoste”
Fran Alonso, Eclipse doméstica

Un domingo calquera deste pasado outono, decidín acompañar ós meus amigos Damián e Óscar até a Comarca de Bergantiños para visitarmos xuntos algúns dos máis máxicos e descoñecidos recunchos destas terras coruñesas. Comezariamos aquela curta e pracenteira viaxe dominical gozando dun enxebre e farturento xantar nun antigo restaurante de Carballo, no que amais de matala fame, discutiríamos tamén sobre dos posibles destinos a visitar durante aquela curta i escura tarde outonal. O certo é que tiñamos unha boa listaxe de lugares de grande valor histórico, natural e paisaxístico pra coñecer por estas terras, mais liscaramos bastante tarde de Compostela e sabiamos que non nos ía dar tempo a velos todos. O único que tiñamos claro era que un deses destinos sería, sen lugar a dúbidas, o Dolmen de Pedra da Arca. Esta Pedra da Arca non debe confundirse co megálito de Pedra da Arca que tiveramos a sorte de coñecer anos atrás no Val da Soneira, en Vimianzo. A Pedra da Arca que agora nos ocupa fica un chisco máis preto do mar, aínda que non demasiado lonxe da que vos acabo de citar. 


O Dolmen de Pedra da Arca, Ben de Interese Cultural, localízase no Concello de Malpica de Bergantiños, e máis concretamente, no Lugar de Filgueira, pertencente á Parroquia de San Cristovo de Cerqueda. Foi toda unha sorte para nós comprobar que o megálito ficaba perfectamente sinalizado dende a estrada que une  Malpica con Carballo, polo que non teríamos ningún problema pra dar con el. Seguimos as indicacións daquel sinal e ó pouco de internármonos por unha estreita estrada, albiscaríamos á nosa dereita o dolmen que procurabamos. Achegámonos paseniño até aquelas laxes, impoñentes e milenarias, realmente abraiados e sorprendidos. O primeiro que nos chamou a atención foi o enorme tamaño dos esteos, e do conxunto en si, xa que nos resultara bastante máis impresionante do que inicialmente pensabamos. A medida que nos íamos achegando até esta Pedra da Arca malpicá, comezaríamos a albiscar tamén o gran dano, -a gran ferida-, que presenta nos nosos días; a laxe de cubrición fica partida á metade. 


O Dolmen de Pedra da Arca, que aínda posúe restos da mámoa que o cubría dende antano, componse dunha cámara poligonal conformada por cinco esteos en pé e un sexto desprazado, e corredor orientado cara o leste. O esteo máis alto mide dous metros e medio por 1,90 de ancho, e o máis pequeno; 1,90 metros de alto por un de ancho. A laxe de cubrición, aínda a pesares de que nos nosos días fica partida á metade, - froito da avaricia humana e do nulo valor que sempre lle demos a este tipo de legados milenarios-, posúe unha lonxitude de catro metros por 1,80 de ancho e uns 70 centímetros de grosor. Crese que este monumento funerario pode datar de entre o 3.500 e o 2.700 denantes de Cristo, e moitos sosteñen que é un dos máis grandes do noso país. 


Ollando os catro metros de longo que posúe a metade da laxe de cubrición, o que queda dela, maxinamos o impresionante que tivo que ser este megálito nos seus mellores tempos. Cavilamos tamén no pouco que seguimos a valorar estas xoias milenarias, unha boa parte delas fican danadas, espoliadas e aínda sen catalogar nin sinalizar, por non falar de tantos outros legados históricos e artísticos con milleiros de anos que fican asolagados polas toxeiras na meirande parte dos montes deste noso país... “íntimo e ferinte”. Internámonos nas entrañas de Pedra da Arca, deste milenario e mortuorio monumento malpicán, e acariñando os esteos tratamos de maxinar os laídos máis doentes, os saloucos rituais, o frío que deixan as derradeiras despedidas; os ecos distantes dos nosos máis primitivos devanceiros. 

sábado, 17 de xaneiro de 2015

Araño, o meirande hórreo do noso país


“¡Ou meu sono labrego! Unha casiña
preto do río, ó abrigo dos pinales,
con piorno e alboios nos currales 
e palleiros na eira e na curtiña.

Ó pé da casa un muíño cantareiro
ó son da lira de ágoa que enche o caño, 
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro. 

Todo ó longo da aberta do muíño
tortas e vellas cepas de albariño
cos asios mestos no bendito outono.

E un ferrado de terra por facenda
pra prantío e xardín, libre de renda,
diesmo a Dios, sin foreiro nin máis dono”
Ramón Cabanillas, Vento mareiro

O lugar de Traba, pertencente á parroquia rianxeira de Santa Baia do Araño, pode gabarse de posuír o meirande hórreo deste noso humilde, xeneroso e labrego país; superando os senlleiros cabazos carnotáns de Lira e Santa Columba. Retornamos á vila natal de Castelao, onde xa tiveramos oportunidade de coñecer os cervos dos petróglifos dos Mouchos e a inspiradora serea da Capela do Patrocinio, para tratar de procurar agora esta alongada cabaceira sen pés que acada os 37 metros de lonxitude. Para dar con esta importante construción tradicional, mostra do poder que chegou a acadar o clero rural galego, collemos rumbo a Padrón dende o centro mesmo de Rianxo. Á altura de Taragoña colleríamos dirección ó Rabuño e dende alí somentes nos restaría  desviarnos a man esquerda para plantármonos ante a Igrexa de Santa Baia. Xusto detrás dela, no alto, acharíamos o Hórreo do Araño. 


Esta enorme cabaceira rianxeira, ó igual que en Lira i en Santa Columba, conforma xunto coa Igrexa de Santa Baia, a Capela da Virxe dos Milagres de Araño e a casa reitoral; un conxunto arquitectónico de gran valor histórico, artístico e cultural. I é que somentes o poder clerical era quen de erguer, naqueles tempos, unhas construcións tan enormes e impoñentes coma estas. O Hórreo de Araño, erixido no século XVII, posúe unhas dimensións exteriores de 37,05 metros de longo por 2,40 de ancho, 2,70 de alto, e unha capacidade de 170 metros cúbicos. Esta alongada e pétrea cabaceira presenta unha teitume a dúas augas cuberta de tella e rematada por cruces e pináculos en cada extremo. Na parte lonxitudinal que mira cara a Igrexa de Santa Baia albiscamos dúas portas de acceso, e baixo dunha delas, tamén unhas pétreas escaleiras que salvan o desnivel do terreo no que se localiza e a altura da súa base.


A diferenza das cabaceiras de Lira e Santa Columba, este hórreo non posúe os habituais pés, que é como se adoitaba estimar o tamaño destas construcións, mais ninguén pode negar que as súas dimensións, por riba dos case 35 metros do de Santa Columba e dos 36 e medio do de Lira; convérteno no meirande hórreo do noso país. Esta cabaceira rianxeira susténtase sobre dun celeiro coroado por un tornarratos “estilo mesa” que circunda a alongada base do hórreo e impide a entrada de pequenos roedores. Ollamos cada unha das caras desta mole granítica, deste abeiro de grans, deste amparo contra a fame, cavilando no moito que deberon traballar e suar os veciños desta parroquia para encheren de gran, cada ano e xeración tras xeración, esta impresionante cabaceira.


Liscamos do Araño realmente impresionados. Acabaramos de coñecer, nin máis nin menos que o hórreo máis grande do noso país, amais de visitar outro recuncho máxico do pequeno universo natal do noso rianxeiro máis ilustre e universal. Marchamos paseniño i en silencio, como acompasados polas badaladas taciturnas da Igrexa de Santa Baia; mudos pero enteiramente ledos.

O castro ourensán de San Tomé


“Regresas ao tempo da casa dos devanceiros
a casa do pasado que nos sustenta como os veus 
de arañeira a xeada de inverno, a respiración
arcaica de quen habitou un tempo opaco
e un día partiu. Apousa a poalla secular
nos recantos íntimos, a poeira deixada 
nas lentas estancias, o murmurio das voces
que xa non están: as nódoas de ónice, as sombras.
Na penumbra algo se resiste ao olvido
como líquen incrustado á pedra gris.
Desde o fondal da opacidade somos convocados
polo alento de xeracións que cesan como a chuvia en inverno”
Paulino Vázquez Vázquez, V.W. 1941

Logo de térmolo privilexio de visitar, coñecer e retratar as máis importantes e senlleiras cidadelas castrexas que se espallan polos cumios dos outeiros da provincia de Ourense, como o Castromao, San Cibrao de Las ou Saceda,  decidimos viaxar até a capital da provincia, até a mesmísima cidade das burgas, para achegármonos desta volta até o Castro de San Tomé. Esta cidadela localízase no lugar de Tras de Hospital, a uns escasos tres quilómetros do centro de Ourense. Visitaramos San Tomé, Samuel e máis eu, unha húmida e gris mañá de outono. Non tivemos problemas para chegar, o castro fica ben sinalizado dende Ourense. Sorprendeunos a altitude na que se localiza o xacemento e a impresionante panorámica dende a que se albisca, somerxida no val, a práctica totalidade da cidade. 


Internámonos nunha fermosa fraga e puxémonos a camiñar sobre dun humedecido manto de follas secas. Estabamos a pisar, á fin, o Conxunto Arqueolóxico e Natural de San Tomé, outro vello fogar dos devanceiros no que se mestura un xacemento arqueolóxico que abrangue seis séculos de historia, así como un bosque autóctono e singular ateigado sobreiras, caxigos, érbedos e aciñeiras. Este xacemento deixa ó descuberto diferentes asentamentos, ocupacións e niveis culturais; por unha banda, atoparíamos algunha que outra construción castrexa, e pola outra, estruturas tardorromanas que foron erixidas sobre doutras romanas que se estenderan no século I arredor do poboado castrexo. As primeiras construcións que albiscamos foron as máis modernas. Inicialmente atoparíamos os restos dunha vivenda romana, formada por catro dependencias, patio e galería, e que polo que puidemos comprobar nun panel informativo, semella datar de entrámbolos séculos III e V despois de Cristo. 


Xusto despois, acharíamos unha gran concentración de pequenas construcións romanas, así como graníticas escaleiras, que centrarían toda a nosa atención. Sería toda unha sorpresa para nós comprobar que aquelas pequenas construcións que estabamos a ver eran as dependencias dunha gran edificación; nin máis nin menos que unha casa de dous andares e as súas respectivas dependencias accesorias. Comprobámolo noutro dos paneis informativos, que fican presentes, ó igual que a autóctona natureza, en cada recuncho deste Conxunto Arqueolóxico e Natural de San Tomé. Esta enorme edificación, datada tamén de entrámbolos séculos III a V despois de Cristo, distribuíase en tres dependencias principais precedidas dunha galería na fachada norte; lugar onde se atopa a primeira escaleira que albiscaramos ó chegar. A escaleira tiña a finalidade de dar acceso ó piso superior e crese que ficaba cuberta por unha solaina de madeira. 


Por se fose pouco, na parte inferior desta vivenda acharíase un peculiar sistema de calefacción; a trébede. A trébede era un sistema de calefacción entroncado nun “hipocaustum” romano que se compoñía dun banco oco construído en ladrillos que ficaba pegado á parte inferior dun muro da vivenda.  O achado nesta vivenda romana de San Tomé posuía uns tres metros e medio de longo, o total do ancho da dependencia, por uns 40 centímetros de ancho e uns 65 de alto. Nun dos extremos posúe unha boca de alimentación mediante a cal se lle introducía leña e palla co fin de prender lume. No outro extremo situaríase unha cheminea ou tobeira para a extracción do fume. Percorremos esta enorme vivenda de dous andares e labirínticas dependencias, cavilando no xeito de vivir daqueles habitantes romanos de San Tomé, nas súas costumes. Chegamos mesmo a maxinalos habitando este outeiro nas máis frías invernías e nos máis cálidos estíos. Mais canto semellaban distar xa do xeito de vivir dos primitivos castrexos.


Logo de percorrer a meirande parte deste primeiro conxunto, o máis “moderno” deste outeiro que semella testemuñar a cronoloxía de boa parte da nosa historia, decidimos ascender até o cumio deste outeiro para tratar de achar agora os derradeiros muros do poboado castrexo de San Tomé; a inmensa minoría. Fariámolo logo de percorrer un pequeno treito dunha humedecida calzada romana, os escasos trinta metros que aínda se conservan dela. Pouco despois, comezaríamos a ascender por un intricado i estreito sendeiro de terra, pisando  landras, follas e centenarias reigames. O pouco legado castrexo que achariamos ó descuberto naquel cumio, i en case que todo este outeiro, serían as ruínas dunha impresionante torre e algunha que outra construción na súa parte oeste. Mais ficamos pampos ante aquelas ruínas, ante o que no seu día foran os rexos muros dunha gran torre defensiva dos castrexos, e que aínda se resiste a desaparecer, que aínda loita por sobrevivir. O primeiro andar desta antiquísima torre fica aínda, coma nos seus mellores días, dividida en dous espazos. Os seus muros exteriores ficaban recheos de terra e presentaban vértices curvos. 


Logo de ollar as ruínas da torre castrexa, albiscamos ladeira abaixo outro conxunto no cal, desta volta, as vivendas semellaban articularse estritamente arredor dunha alongada rúa central. Tratábase dun conxunto que estivo habitado entrámbolos séculos I denantes de Cristo e o II despois de Cristo. Descendemos  por aquela rúa tratando de ollar en cada unha daquelas construcións, en cadansúa pedra i en cada mínimo detalle, a borralla de outrora, o remol do pasado, o alento e o esprito dos nosos devanceiros. 

Neste conxunto arremuíñanse, a cada unha das beiras da rúa principal, numerosas vivendas que responden a distintas etapas de construción. As máis antigas localízanse, principalmente, no comezo e na fin da rúa principal. As máis modernas, nas beiras da mesma. No tramo inferior da rúa foron achadas unhas lousas graníticas que se cre que puideron ser empregadas para recoller a auga da chuvia que descendía dos teitos dos fogares e que remataba verténdose sobre da rúa. Neste conxunto, tan ordenado e tan urbanizado, cavilamos no moito que se romanizou a primitiva cidadela castrexa de San Tomé, na pouca presenza de construcións castrexas. 

Malia a coñecerse a existencia deste castro dende comezos do século XX, non sería até a década dos 80 cando comezarían a levarse a cabo as primeiras escavacións arqueolóxicas. Estas escavacións non puideron máis que constatar que esta de San Tomé é unha importantísima mostra do mundo galaico-romano, da mestura de civilizacións, afastadas evolutiva, cultural e temporalmente, que cohabitaron neste outeiro ourensán e na meirande parte dos castros galegos. Despedímonos de San Tomé cavilando no enorme privilexio que temos de contar con tantos outeiros cronolóxicos, -museos vivos i esquecidos, de balde e á intemperie-, que recrean a nosa propia historia, lembran a nosa evolución e semellan darnos folgos pra soñar, pra botar a voar cos pés ben enraizados na terra. 

xoves, 15 de xaneiro de 2015

O Descravo do singular Cruceiro de Cirolán


“O xesto monacal da pedra 
benzoa o acougo da aldea... 
Axiónllanse os camiños 
abrazados ao cruceiro, 
nunha azul eternidade 
de pedra e ceo. 
A agonía do sol-por 
conmove o planto da terra, 
e a paisaxe presígnase 
con santas cruces de pedra. 
A campaíña de prata 
do día, 
latexa un ángelus 
de epifanía. 
E o sol agoniante 
ven a encravarse na cruz, 
abrindo os marelos brazos 
como o salvador Xesús”
Luís Amado Carballo, Proel

Retornei ó concello coruñés de Mazaricos, e máis concretamente ó lugar de Suevos, pertencente á Parroquia de Santa María de Coiro, para ollar de preto un senlleiro e impresionante cruceiro. Xa facía tempo que tiña en mente desprazarme até este concello da Comarca de Xallas, até estas terras agrícolas e gandeiras, para procurar unha de tantas mostras da arte e da habelencia dos antigos canteiros galegos que fican espallados por milleiros de aldeas, santuarios e camiños; que forman parte da nosa vida cotiá. Mais desta volta non procuraba un cruceiro calquera; andaba na procura do senlleiro e impresionante Cruceiro de Cirolán. Este cruceiro é moi semellante ó que tiveramos a sorte de coñecer anos atrás na parroquia noiesa de Eiroa, xa que en ámbolos dous semella representarse o Descravo de Xesucristo. 


Debo recoñecer que xa tentara achar esta importante obra de arte en máis dunha ocasión, mais como se adoita dicir; á terceira foi a vencida. Localicei o Cruceiro de Cirolán logo de abordar a unha anciá do lugar e de pedirlle que me indicase como chegar. Quen mellor ca ela para orientarme. O certo é que xa estaba bastante preto, mais o cruceiro fica nas aforas da aldea, a carón do curso do Río Beba e nunha contorna rural, húmida e verdescente; nunha paraxe realmente máxica e fermosa. Achegueime até os mesmos pés do Cruceiro de Cirolán logo de atravesar o leito do Beba. Á fin me detiven baixo daquel impoñente e singular cruceiro, ante outra senlleira mostra do importantísimo legado dos canteiros. 

Ollei cada un dos detalles, cada un dos ocos ou baleiros que foron traballados cunha excelsa habelencia e coidado, cun mimo e cunha sutileza somentes comparable coa depositada en  cruceiros tan maxestosos como os de Eiroa e de Hío. Esta obra de arte cotiá, esta xoia granítica de Suevos, érguese sobre dunha base cadrada de catro chanzos e a través dun fuste de sección cadrada con chafráns. No chapitel, cuadrangular, acharía rostros anxelicais e sombrías caveiras. Sobre deles, unha gran crus de base circular entorno a cal se representa o anteriormente citado Descravo. Arredor da crus acharía as imaxes que representan a Xosé de Arimatea, a Nicodemus e a un axudante, que sobre dunhas escaleiras, efectúan o descravo e descenden da crus o corpo de Xesucristo. Na parte inferior, axeonllada ós seus pés, albiscaría tamén a imaxe da súa nai María sostendo nas súas mans a coroa de espiños. Na parte traseira acharía tamén a pétrea imaxe de San Boaventura. Este cruceiro aínda conserva restos da policromía que presentaba orixinalmente, algo que o fai, se cabe, un chisco máis valioso e singular. Foi erixido no ano 1861 pola familia Cirolán, de aí o seu nome. 


Ollei detidamente aquela triste escena relixiosa, aquela obra mestra da arte popular galega, con asombro e curiosidade. Cantas semellanzas comparte este cruceiro con aquel outro que anos atrás coñeceramos en Eiroa, na noiesa parroquia de Santa Cristina de Barro. Ollei cada unha das vistas e a multitude de detalles que compoñen o Descravo, até dar mesmo coas cores que aínda resisten e se deixan entrever nas escaleiras, na base da crus e nas roupas das imaxes que o integran. Deixei tras de min este máxico lugar, este cruce de camiños, este cruceiro singular e impresionante, ollando as húmidas, extensas e verdescentes pradarías da contorna. Quen sabe canta fe e cantas espranzas serían depositadas neste Cruceiro de Cirolán, nesta obra de arte popular e cotiá, nestoutro feiticeiro recuncho da Comarca do Xallas.