domingo, 25 de xaneiro de 2015

Da Devesa da Rogueira á Lagoa da Lucenza


“Esculquei os teus seos
en cada un dos perfís de Corrubedo;
os teus ventres en fendas sucesivas
dalgúns pregues antigos do Paraño;
na tépeda Devesa de Rogueira
-carreiros silandeiros entre a fraga,
exóticos silencios entre as pólas
das árbores notábeis-
as túas concavidades uterinas”
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Este finado outono retornamos ós centenarios soutos e veigas, ás alongadas faldras e profundos vales que o curso do Lor foi conformando ó longo dos séculos na sempre fascinante e paradisíaca Serra do Courel. Volvemos até estas fermosísimas terras luguesas, nas que xa tiveramos a sorte de coñecer recunchos tan impresionantes como o Castro da Torre, o antigo e ruinoso Castelo do Carbedo, o Pregamento Xeolóxico de Campodola e unha boa parte das súas máis senlleiras aldeas, para tratar de coñecer agora un dos meirandes atractivos desta serra. Andabamos na procura do maior tesouro natural da Serra do Courel, un marabilloso verxel, un pequeno paraíso coñecido como a Devesa da Rogueira. O noso propósito sería percorrer esta feiticeira fraga e tratar de chegar até a lagoa glaciar da Lucenza, situada a uns 1.420 metros de altitude. Comezaríamos esta andaina, o meu amigo Tinín e máis eu, unha húmida mañá de novembro dende a Aula de Natureza de Moreda. Dende alí parte unha das rutas para coñecer os segredos desta senlleira e paradisíaca devesa situada na vertente norte de Formigueiros, que cos seus 1.643 metros de altitude, é o cumio máis alto do Courel


Botamos a andar a media mañá, xa un pouco tarde tendo en conta que teríamos que percorrer unha literal ducia de quilómetros para acadar a Lagoa da Lucenza, e outros tantos de volta ata Moreda. Durante os primeiros pasos puidemos contemplar unha fermosa veiga arrodeada de soutos centenarios e seríamos gratamente sorprendidos por un silencio e unha paz somentes rachada polo canto dos paxaros. Sorprendeunos tamén comprobar que esta ruta fica ateigada de paneis informativos que nos explican en todo momento o que estamos a ver e todo aquilo que fai desta “tépeda Devesa de Rogueira” un lugar único, non somentes no noso país, senón tamén na península ibérica e a nivel internacional. O murmurio do río comezábase a facer máis evidente a medida que nos íamos internando na devesa, nesta xoia ecolóxica do Courel. Camiñamos de vagar, contemplando a paisaxe e deixándonos seducir por cada un dos recantos que conforman este máxico verxel. Esta da Rogueira é a devesa máis extensa e mellor conservada do Courel, i está considerada polo World Wildlife Fund como un dos bosques con maior diversidade da Península Ibérica. Nos seus dous quilómetros cadrados de superficie, a mestura dos diferentes solos louseiros, cuarcíticos e calcarios, e as variacións de altitude favorecen a concentración dunha gran riqueza botánica. 


A Devesa da Rogueira localízase no extremo oeste da rexión eurosiberiana e moi preto dunha zona con gran influencia mediterránea, facendo posible que eiquí convivan, polo tanto, especies do centro e do norte de Europa nas zonas altas, como as faias, con especies do sur de Europa no fondo dos vales, como as aciñeiras e as sobreiras. Esta devesa é, por riba de todo, unha gran mostra dos antigos bosques das montañas galegas, e nos nosos días segue a ser un valioso refuxio para a fauna e a flora. A medida que camiñabamos por esta devesa de beleza indescritible, iámonos decatando da gran cantidade e variedade de especies arbóreas que se distribúen nos distintos niveis de altitude deste pequeno paraíso terreal. Amais dos xa citados soutos, ateigados de centenarios castiñeiros (Castanea sativa), e das sobreiras (Quercus suber), aciñeiras (Quercus ilex) e faias (Fagus sylvatica), esta devesa agocha abondosos exemplares de acivros (Ilex aquifolium), teixos (Taxus baccata), salgueiros (Salix atrocinerea), freixos (Fraxinus excelsior), pradairos (Acer pseudoplatanus), carballos (Quercus robur), cerquiños (Quercus pyrenaica), capudres (Sorbus aucuparia), bidueiros (Betula alba) e abeleiras (Corylus avellana)


Por se fose pouco, nesta devesa podemos atopar tamén unha gran cantidade e variedade de pequenas plantas que manifestan o inmenso valor botánico destas terras courelás, como a herba dos mendigos (Clematis vitalba), a seixebra (Teucrium scorodonia) ou a tóxica e fedorenta chaveira (Helleborus foetidus). Tamén se poden ver por esta devesa os estalotes (Digitalis purpurea), os marelos panqueixos (Primula vulgaris), os couselos (Umbilicus rupestris), as calzas de cuco (Linaria triornithophora) e a abrairiña (Saxifraga spathularis). Nas zonas máis elevadas, é común achar narcisos (Narcissus spp.) que nacen antr’a neve do desxeo e plantas medicinais como a xanzá (Gentiana lutea), así como arandeiras (Vaccinium myrtillus) e tollemerendas (Merendera pyrenaica). Sobre dos taros ou tesos, que son rochedos calcarios, medra a flora de maior valor biolóxico da serra, xa que estes solos non son moi comúns no noso territorio. Nestes “tesos cumes” é frecuente achar roseiras bravas (Rosa spp.) i especies endémicas asociadas a este tipo de substrato como o té de pedra (Sideritis hyssopifolia), os anxiños (Teucrium pyrenaicum) e diversas orquídeas. Estas son somentes unha mínima parte das máis de 1.000 especies botánicas que se ven representadas neste verxel.


Logo de cruzarmos o Rego da Rogueira, o afluente do Lor que nutre esta valiosa devesa, comezaríamos un ascenso bastante duro cara o Alto do Couto que nos deixaría realmente fatigados, de feito, teríamos que detérmonos unhas cantas ocasións pra poder continuar. Estabamos a salvar un importante desnivel de 700 metros, dende os 750 até os 1.400 metros de altitude, nuns escasos tres quilómetros. Durante o ascenso teríamos a sorte de achar a Fonte do Cervo ou Fonte da Fame. Trátase dun rochedo do cal brotan xuntos dous mananciais con diferentes características e propiedades medicinais que semellan mesturar as súas augas. Por un deles baixa auga clara, calcaria, e polo outro auga avermellada e ferruxinosa. Bebemos daquelas augas, refrescámonos e continuamos coa nosa andaina rumbo ó cumio de Formigueiros e camiño da Campa da Lucenza. A partires daquela fonte, a paisaxe mudaría drasticamente. Agora estabamos a escasos metros do cumio da máis alta montaña da serra e as árbores semellaban dar paso ás uces e ás carqueixas. Sopraba un vento frío e seco que nos obrigou a abrigarnos e a continuar. Non resultou nada doado proseguir camiño da Lucenza, mais logo do que levabamos camiñado, xa non había volta atrás. 


Dende o alto das faldras da serra albiscamos o voo dos miñatos (Buteo buteo), mais este verxel agocha outras moitas aves como a Avelaiona (Strix aluco), a curuxa e outros moitos paxariños como a carriza (Troglodytes troglodytes), os merlos (Turdus merula), o paporrubio (Erithacus rubecula), as papuxas (Sylvia spp.), o pimpín (Fringilla coelebs), o ferreiro abelleiro (Parus major), os gaios (Garrulus glandarius), o ferreiriño azul (Parus caeruleus), o papamoscas cincento (Muscicapa striata), o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), o gabeador común (Certhia brachydactyla), a lavandeira real (Motacilla cinerea) ou a estreliña riscada (Regulus ignicapilla); esta última é a ave máis pequena da fauna galega. Esta devesa é o fogar, tamén, de animais tan senlleiros como os corzos, os raposos, os xabarís ou o mesmo lobo, sen esquecer a outros moitos mamíferos como a marta, o leirón cincento, o armiño, o gato bravo, a lontra ou a donicela, nin a gran cantidade e variedade de anfibios e réptiles que cohabitan nas súas húmidas ribeiras. 


Logo de moito camiñar, á fin albiscariamos no horizonte a tan agardada Campa da Lucenza. Á fin deixabamos de ascender, agora era o momento de descender cara a lagoa glaciar que nos fixera chegar até un dos recunchos máis elevados i especiais desta serra. No intre en que albiscamos dende o lonxe a pequena Lagoa da Lucenza, daríamos chimpos literais de ledicia. Achegámonos correndo e brincando os derradeiros metros que nos separaban xa daquela máxica lagoa glaciar para dar por finalizada unha dura andaina ante a mellor das recompensas. A Lucenza, como dicía ó comezo, é unha lagoa de orixe glaciar situada a 1.420 metros de altitude que se alimenta da auga que recolle do desxeo dos cumios que a arrodean. Adoita ter auga a meirande parte do ano, nembargantes, nas épocas estivais perde unha gran parte do seu caudal. Esta lagoa posúe, aproximadamente, uns 70 metros de diámetro e a súa antigüidade remóntase a 16.000 anos atrás. Empapámonolos rostros naquelas augas repousadas, elevadas i especiais, ollamos as árbores que sobreviven no seu leito de musgos e follas humedecidas, e tratamos de maxinar o moito que debeu mudar ó longo dos milenios aquela pequena pero fermosa paraxe. 


Despedímonos da Lucenza e botamos a andar de regreso cara Moreda. Aínda nos quedaba por diante volver a camiñar o mesmo treito de 12 quilómetros que tiveramos que percorrer para chegar até a lagoa, mais desta volta somentes tiñamos que descender, polo que o tempo que nos levaría chegar reduciríase case que á metade. Baixamos axilmente polos fermosísimos sendeiros da devesa deténdonos en varias ocasións a ollar os sequeiros; pequenas construcións de pedra que se erixían arredor dos soutos para secar as castañas e conservalas. Os sequeiros estaban divididos en dous andares separados por unha sinxela estrutura de madeira. Na parte superior, ou caniceira, depositábanse as castañas, e na inferior, ou remoleiro, prendíase unha pequena fogueira para secalas. O proceso de secado duraba entre 20 e 25 días co fume e ca calor do remoleiro, que ficaría aceso día e noite. Despois dese tempo, as castañas serían golpeadas nunha saca para desprendérense da casca. A meirande parte dos sequeiros que achamos ficaban derrubados e asolagados polas hedras e matogueiras. 


Chegaríamos de volta a Moreda a iso das tres e media da tarde. Procuramos unha taberna en Folgoso e gozamos dun humilde xantar namentres conversabamos encol da impresionante experiencia que acabaramos de vivir. Aquela mañá fixeramos dúas ducias literais de quilómetros i en somentes unhas horas tiveramos tempo de coñecer, non somentes un paradisíaco verxel e unha antiquísima lagoa, senón tamén numerosas especies de plantas que nunca denantes viramos nas nosas vidas. Ademais de saber que nesta fraga concéntrase a esencia, a singularidade, a maxia e os segredos desta fascinante serra. Liscamos do Courel, do pequeno pero fascinante universo de Novoneira, sobradamente satisfeitos, mais desexando que algún día, máis pronto que tarde, este delicado e importantísimo verxel da Rogueira, esta devesa de beleza indescritible, sexa o sétimo Parque Natural deste noso país. 

2 comentarios:

Tín Herva dixo...

Prezado mouro :Cada vez pos o listón máis alto !.Estás inspirado !. Hoxe agasállasnos cunha regalía completísima!
Un texto enorme, sensible, cercano, erudito...( canto agradecemos eses centos de nomes científicos das variadas especies animais e vexetais que fan un paraíso senlleiro, da Devesa!).
Tomamos nota, compartimos, difundimos...e prometemos perdernos,
na procura da Lagoa de Lucenza, este ano..Abofé!
Unha grande aperta botánica!
Sobreira

Iván Fraga dixo...

Prezadísimo amigo! Xa sabes o moito que temos falado xa deste fermosísimo verxel que é a Devesa da Rogueira courelá. Cando queiras voltamos por alí pra detérmonos a ollar cada unha das moitísimas especies vexetais que se concentran neste recuncho,e xa de paso aprender tamén un pouco máis dos teus enormes coñecementos botánicos.

Unha forte aperta amigo Antón!!