domingo, 20 de decembro de 2015

Santa María de Lagostelle


“Noites de pedra, de bronce, de ferro, noites e días
de historia cega esperaran ver subir polas cuíñas
a sombra de Xesús vivo, súa nau entrar na baía.
¡Non quería erguerse a aurora sobor da terra baleira!
Calada a herba orballada e calaban as estrelas.
Berraron na noite as pedras, e a noite encheuse de lus;
as pedras berraron, e a sombra de tódalas cousas
asemellouse á sombra de Xesús;
as pedras berraron, e os seus berros ¡petrificáronse en
torres rematadas por unha crus!”
Xosé María Díaz Castro, Nimbos

Logo de percorrer tantos vieiros e coñecer tantos recunchos na luguesa Comarca da Terra Chá, nos húmidos eidos de Manuel María e de Díaz Castro, e ter o pracer de deleitarme en lugares de infinda beleza como a Lagoa de Cospeito, o Encoro de San Xoán, a presa e muíño de Merra d’abaixo, as Penas de Rodas, a Ponte de Santo Alberte e a de Duarría, a Pena Xiboi, Pedra Chantada, a Capela da Nosa Señora do Rosario ou a torre vilalbesa dos Andrade; decidín deter os meus pasos na capital municipal de Guitiriz, a carón mesmo da súa igrexa parroquial. O solpor comezaría a alumear aquel templo e incitaríame a retratalo e a coñecer a súa curta pero interesante historia. A Igrexa de Santa María de Lagostelle, de estilo Neorrománico e coñecida popularmente como “Igrexa Nova”, localízase na Praza Sagrado Corazón de María, no centro mesmo da vila de Guitiriz. Este impresionante santuario chairego foi construído por orde do párroco Manuel López Bande, e deseñada polo arquitecto Andrés Reboredo, entrámbolos anos  1949 e 1968 do pasado século XX. O arquitecto encargado da obra apostou por un deseño baseado no románico francés, dando como resultado un fermoso e impoñente templo de planta de cruz latina erixido con granito guitiricense, procedente das Canteiras de Mariz, e teitado con lousa luguesa.


A fachada está presidida por un fermoso rosetón, no que destaca a imaxe de San Xoán Bautista. Tamén chama a atención a torre do campanario, que se localiza na franxa dereita da fachada. A Casa Reitoral e demais dependencias eclesiásticas fican solapadas á nave. No ano 2003, a igrexa sería reformada de xeito parcial. Nas entrañas deste templo chairego destacan abondosas tallas do século XVIII así como unha imaxe do Corazón de María do escultor zamorano José Luís Coomonte. No adro existe tamén un busto na honra de Manuel Bande, o párroco e promotor desta igrexa. O motivo polo cal se procedeu a construír esta “Igrexa Nova” en Guitiriz, non foi outro que a teima do párroco Manuel Bande de considerar que Guitiriz ía medrar moito grazas ó auxe do Balneario, ó feito de que a Guerra Civil deixase centos de soldados vivindo na vila e ás expectativas xeradas pola creación dun Campo de aviación nos arredores. Todas estas cousas fixéronlle pensar ó párroco que a "Igrexa Vella" íase quedar pequena, polo que viu necesario erguer un novo templo de meirandes dimensións. Esta igrexa nova de Santa María de Lagostelle foi custeada coas doazóns dos veciños de Guitiriz, e moitos deles mesmo chegaron a participar na súa construción. Algúns visitantes que adoitaban pasar as súas vacacións no Balneario da vila tamén contribuíron economicamente para a súa edificación. Funme coa noite, coa chegada da brétema e coa lembranza de intres petrificados “en torres rematadas por unha crus!”

martes, 8 de decembro de 2015

De Herbón, os seus pementos


“Estonces non sey qué sombras
Quizais de memorias vivas, 
Quizais d'os frades difuntos,
Pasar en procesion mística
Veu, n'aquelas soledades,
Que amaba canto temia.
Tembrou d'angustia e de pena
E con amarga sorrisa,
Mirando o xasmín sin follas
Qu'iban á brotar axiña,
Marmurou mentras d'os ollos
As bagullas lle caian:
«Todo volve, todo torna,
Ménos ó ben qu'eu queria:
Todo, todo aquí se queda
Eu soya vou de fuxida.
Non ey de vervos mais, frores,
Adorno d'esas cornisas,
Nin á oir os teus marmurios
Fonte que a gozar convidas,
Nin á contemprarvos, pedras,
Testigos d'a pena miña;
Outros virán profanarvos,
Mentras eu morro esquencida.»
Sonaron pasos n'as bóvedas,
Soprou un-ha forte brisa,
Oyeuse una-ha carcaxada
Cal si d'o inferno saira:
Era ó trasno d'o convento, 
Que recordand'outros dias,
Ríase d'as ansias negras
E d'a orfandá d'a meniña”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Este noso antigo país, este verdescente chan de bretemosos amenceres, está conformado por centos de pequenos lugares que  se distinguen dende antano por posuíren numerosos e variados atractivos que marcan a ferro a súa identidade e a súa singularidade dentro deste recuncho occidental da vella Europa. Algúns deles posúen unha beleza natural e paisaxística única, outros; importantes mostras de arquitectura popular ou un singular legado patrimonial megalítico, civil ou relixioso. Outros moitos lugares deste noso país distínguense por seren o xermolo de senlleiras romarías, polas festas gastronómicas onde se exaltan os seus produtos, a meirande parte dos cales non poden faltar na cociña galega. 

Hai lugares que tiveron o privilexio de seren o berce, e de ver medrar, a insignes escritores, poetas e artistas que retrataron a nosa sociedade e contribuíron a mellorar a realidade do noso país a través das súas obras. Desta volta centrareime nun pequeno lugar do concello coruñés de Padrón, berce de importantísimos escritores como Rosalía de Castro e Camilo José Cela, o berce cristián das peregrinacións a Compostela e o berce tamén dun dos produtos estrela da cociña galega; os Pementos de Padrón, ou mellor dito; de Herbón. Achegueime até este fértil recuncho, até este pequeno val que se localiza a carón dos cursos do Sar e do Ulla, e que atesoura un dos conventos franciscanos máis senlleiros do noso país. 
Decateime de que me estaba a internar en Herbón ó albiscar dende o lonxe unha aldea arrodeada de brancos invernadoiros. Seguín camiño do Convento de Santo Antón, que ficaría ó fondo; ó outro lado do lugar. A través daquel convento de Santo Antonio sería introducido o pemento dende as Américas, polo que se pode dicir que este convento é o berce deste prezado produto en terras galegas. Este pequeno e senlleiro recuncho agrícola de Herbón leva centos de anos traballando as súas terras, mellorando os seus pementos e mantendo con vida unha pequena pero importantísima parte da cultura e das tradicións do noso país. Namentres descendía cara o convento acharía unha fonte do ano 1786 na que semellaba representarse a un monxe franciscano rezando. O convento foi construído no século XIV por Pedro Nemancos e por Gonzalo Mariño, e catro séculos despois terían lugar as reformas máis significativas. A orde dos franciscanos leva instalada no Convento de Santo Antón de Herbón dende o ano 1396 até os nosos días; máis de seiscentos anos. O fermoso templo de Santa María data do século XVIII.


Este de Santo Antón semella un convento moi humilde, austero e apenas maxestoso. Até non fai máis dunha década, albergaba un seminario, mais rematou por pechar ante a falla de alumnos. Dende a súa orixe tivo que afrontar distintas etapas e asumir múltiples funcións, dende colexio de misións até cárcere. Apenas quedan xa, nos nosos días, frades que coiden este histórico e senlleiro convento de Herbón. Da ducia  que chegaron a habitar o convento somentes queda un frade. Mais como diciamos, se por algo se distingue este convento é por introducir os pementos de Herbón na Galiza aló polo século XVI da man de misioneiros franciscanos que se asentaron neste convento logo de percorreren distintos países de América Latina, entre eles México, posiblemente o país de orixe destes prezados pementos. Este convento é, polo tanto, o berce ou a orixe da expansión dos pementos de Herbón polo noso territorio e tamén fóra del, contribuíndo a situar a esta vila padronesa no máis alto do panorama gastronómico nacional e internacional. A finais do século XVIII xa se comercializaba co pemento, principalmente seco e moído, constituíndo unha importante axuda económica para os veciños de Herbón, mais co paso do tempo e co traballo xeracional, esta especie iríase adaptando á terra e ó clima deste val, dando como resultado uns pementos cunha morfoloxía, un sabor e unhas características que os fan únicos no mundo, afastado do seu, a bo seguro, intenso e picante sabor orixinal. Nos nosos días, este prezado produto posúe a certificación da Denominación de Orixe Protexida "Pementos de Herbón"; válida en todo o continente Europeo.


O traballo xeracional dos veciños de Herbón está a facer posible que este pequeno produto, deste pequeno lugar, siga a ser non somentes unha parte fundamental da nosa cultura gastronómica e das nosas tradicións, senón un produto de clara proxección internacional. Eiquí, neste val, neste ecosistema privilexiado, cada familia posúe as súas sementes e traballa cada ano para mellorar a calidade do  seu produto. Moitos cren que somentes neste val do Sar e do Ulla se poden cultivar pementos de Herbón de gran calidade. O certo é que este val posúe temperaturas cálidas e pouca oscilación térmica que, xunto coas características dos solos da zona e a secular adaptación da planta a esta contorna, a bo seguro poden contribuír a que eiquí se obteñan uns pementos de meirande calidade. De nada serve, pois, obter sementes de pementos de Herbón e cultivalos noutro punto xeográfico do noso país agardando obter uns pementos de igual calidade. Estas pequenas cousas, esta variada climatoloxía da Galiza microclimática, parroquial e minifundista, é a razón pola que este noso país xere tal variedade de produtos e sexamos tan ricos a nivel de recursos naturais, mais non debemos esquecer que a clave fica na sabedoría popular herdada xeración a xeración nesta pequena pero importantísima parroquia de Herbón onde se cultivan uns pementos que posúen unhas características únicas e moi particulares: “uns pican e outros non”.

xoves, 26 de novembro de 2015

O azar e os Hórreos da Lavandeira


“Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

O destino volveu a saírse coa súa, entreténdome unha vez máis na súa encrucillada de vieiros e casualidades, na labiríntica arañeira do azar, - do infortunio, da boaventura -, que adoita cruzarse nos nosos rumbos tratando de apresárnolo albedrío; tratando de guiárnolo camiño. Desta volta sería “pola banda de Laíño”, no concello coruñés de Dodro e namentres trataba de achar os petróglifos de Bouza Abadín. Corría unha primaveral tarde de novembro, no ceo presaxiábanse transitorias chuvieiras e a atmosfera semellaba arder baixo dun manto de nubes de cinza. Percorrín paseniño os montes de Laíño na procura daquel conxunto de petróglifos, mais debo confesar que non era o mellor día para dar con eles. Resignado, decidín poñer fin a aquela busca infausta. Namentres descendía de volta, albiscando a morte do Ulla e as brañas de Laíño baixo dos meus pés, internaríame erradamente nunha pequena estrada camiño do lugar de Imo, pertencente á parroquia de San Xoán de Laíño. Ó pouco acharía ante min un monumental conxunto de hórreos que me deixaría francamente impresionado.


O destino quixo poñer diante de min os Hórreos da Lavandeira, un importantísimo conxunto etnográfico composto por un total de once construcións  do tipo "Noia" que datan do século XVIII e das cales non tiña ningunha referencia. Estes hórreos, que fican d’arredor dunha gran eira, son o maior baluarte, o meirande atractivo e os verdadeiros protagonistas desta pequena aldea de Imo. Achegueime até o conxunto e dispúxenme a coñecer aquelas construcións de planta rectangular e doelas de madeira. Estes Hórreos da Lavandeira lembráronme, inevitablemente, aquelas viaxes ó corazón da Provincia de Ourense nas que tivera a sorte de coñecer algún que outro conxunto similar, como os canastros de Barroso ou os de Quins. Aqueles canastros ourensáns, de pétreo armazón e paredes de madeira, posuían teitumes, pés e tornarratos de pedra e carecían de cruces e aguillóns. 


O destino quixo entreterme nos pétreos armazóns, nos testeiros e nas paredes de madeira, no ceo de cruces e aguillóns deste recuncho de Imo, desta parroquia de Laíño, desta antiga e viva eira. Quixo que vise teitumes retelladas, corridos tornarratos e un crisol de liques nos alicerces. Que grata sorpresa me tiña preparada o fado, o azar ou o destino, e que grande honor o de terme perdido no camiño. Estes hórreos i esta eira seguen a ser empregados polos veciños de Imo e foron restaurados recentemente, polo que se pode dicir, sen lugar a dúbidas, que seguen vivos como nos seus mellores tempos. Ollei por derradeira vez aquel fatado de hórreos, aquel sabio legado romano dende a eira e maxinei un cento de almas, xeracións enteiras de veciños, mallando o seu trigo, sementando lembranzas e poñendo a salvo o seu pan. 


O destino quixo entreterme neste importantísimo conxunto etnográfico da Lavandeira, nesta excelente mostra de arquitectura popular, mais por pouco tempo; daquelas nubes cincentas comezaron a caer as primeiras pingas. Que mellor xeito de rematar aquel capricho do destino, que mellor xeito de liscar de Imo que lembrando aquel “cómo chove miudiño, cómo miudiño chove; pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove”.

mércores, 18 de novembro de 2015

A Pedra Moura de Aldemunde


“Salvage val de Brantóa,
En terra de Bergantiños;
Ou val, amado dos celtas,
E dos fungadores pinos:
Cando Gundar prob' e 'scuro,
Sea d' este mundo ido;
No teu seo silencioso,
Concédelle, val amigo,
Sepulcro a modo dos celtas,
Tan só de ti conocido”.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Pouco despois de ficar asombrado e absorto ante a beleza e o melódico estrondo da cantareira Férveda de San Paio de Entrecruces, dirixinme de vagar cara a parroquia de Santa María Magdalena de Aldemunde. Nestoutra fermosa parroquia carballesa tiña por diante dar coas pétreas chantas do milenario Dolmen de Pedra Moura; un dos meirandes do noso país. Esta de  Aldemunde é a parroquia máis pequena de Carballo e tamén a máis deshabitada, mais atesoura importantes restos megalíticos e castrexos. Estoutro importantísimo megálito bergantiñán, estoutra xoia ancestral da Costa da Morte, localízase na parte alta de Aldemunde, a carón dun pequeno e verdescente prado. A medida que me ía achegando até aquel fato de chantas graníticas, funme decatando das súas importantes dimensións. 


Detívenme ante as chantas de Pedra Moura e fiquei cavilando por un bo anaco no impresionante que debeu ser nos seus mellores tempos. Este dolmen, datado entrámbolos anos 3.500 e 2.700 denantes de Cristo, posúe unhas dimensións aproximadas de 2,40 por 3,20 metros. Na actualidade somentes se conservan cinco das sete chantas que o conformaban inicialmente, e polo que se pode observar, a meirande parte das que aínda se conservan semellan desprazadas do seu emprazamento orixinal, mesmo a anta de cubrición. Debo confesar que me sentín máis anano do habitual a carón daquelas enormes antas, e non é para menos; a chanta máis alta chega a superar os dous metros de altura. 


Este Dolmen de Pedra Moura, coma a meirande parte dos dolmens do noso país, ten a súa propia lenda, o seu propio legado oral. Segundo contan os veciños da contorna, todas e cada unha destas pedras que conforman o Dolmen de Pedra Moura foron carreadas por unha muller dende o Petón de Calvelo namentres fiaba na roca e lle daba de mamar a un meniño. Resulta curioso, e non menos sorprendente, o retratado que adoita quedar o papel feminino no lendario popular galego. O certo é que cavilei, namentres lembraba a lenda, que o imaxinario “quefacer” daquela lendaria muller, por sorte ou por desgraza, non dista tanto do papel que seguen a exercer moitas mulleres dos nosos días, compaxinando o duro traballo coas tarefas do fogar e coa crianza dos seus meniños. Intuición, traballo, intelixencia, fecundidade, sensibilidade... insignias atemporais da feminidade.


Tal e como dicía ó comezo, esta de Aldemunde é unha parroquia pequena e pouco habitada pero atesoura un importante legado megalítico e castrexo. I é que en Aldemunde de Abaixo podemos achar un castro sen escavar que fica arrodeado por un parapeto defensivo e un foxo. Este castro tamén ten a súa propia lenda, que nos fala de tempos de mouros e de romanos, así como da existencia dunha trabe d’ouro que se estendería dende o mesmo castro até o muíño da Regueira. Despedinme de Aldemunde bicando esta fértil terra avermellada, este anaco de Bergantiños, este “val, amado dos Celtas, e dos fungadores pinos”.

martes, 17 de novembro de 2015

A cantareira Férveda de San Paio


“Para cantar e bailar 
Bergantiños sona ten 
Para colleitar bon trigo
Carballo coma ninguén.
Eu nascín en Coristanco
en Razo amores tomei 
Casei logo en Ardaña,
I en Noicela enviudei”
Alalá de Carballo

Xa fuxiron cos ventos as máis vellas follas, as vívidas cores, as galas caducas da indómita fraga. Xa se tinguiron de ocre os carreiros do monte, espidas ficaron as árbores e as cálidas cores foron asolagando reigames. Refuxieime unha tarde de domingo nos prácidos eidos bergantiñáns, nas avermelladas terras sucadas a legón, nos páramos verdescentes de Carballo. Ó abeiro dos ecos murmuradores de afastadas pingas cantareiras e a compás de regueifas maxinadas, funme achegando até unha das máis senlleiras fervenzas bergantiñás, até toda unha coral de pozas e de chanzos, de escumas arremuiñadas, até un orfeón de fentos e rochedos, de musgos, de liques; de augas. 

Cantareira terra de Bergantiños, aínda se escoitan nestes seus camiños regueifas de augas socalcadas, o acompasado estrondo d’outrora, as voces xa finadas. Canto pracer sentín ó coñecer a Fervenza de San Paio de Entrecruces, canto gocei do seu melódico son; do prácido estrondo das augas do caudaloso Río Outón. Este húmido verxel localízase na parroquia carballesa de Entrecruces, ós mesmos pés da capela de San Paio. A auga do Outón precipítase dende uns corenta metros de altitude, conformando un dos meirandes atractivos naturais de Carballo. Este concello atesoura tamén outras férvedas, non menos fermosas, como a que se localiza na parroquia de Rus. Todas elas pertencen ó denominado “Roteiro das Férvedas”, que dá comezo na Brea e remata nesta férveda de San Paio, e na que teremos ocasión de coñecer tamén igrexas barrocas como as de Santa María de Rus, a de Ardaña ou a de San Paio. 


Denantes de atopar esta fervenza de San Paio, deteríame nun dos muíños que fican á beira do camiño. Estes muíños, agora rehabilitados e coas portas abertas, conviven coas antigas ruínas dunha pequena central hidroeléctrica que dende ano 1915 e durante unha chea de anos, abasteceu de enerxía os fogares de Carballo. Deixei tras de min esta cantareira férveda de San Paio e os seus muíños escoitando o ronco balbordo desta gorxa de pedra, a axitada melodía das súas augas, este doce alalá de escumas albuxíneas. 

xoves, 5 de novembro de 2015

O Dolmen do Forno dos Mouros


“Conheço o mundo dos mortos. É frio, com terra
por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos.
Os mortos vêem-nos: de onde estao, eles chamam pelos nomes
familiares, nun murmúrio, e o vento dispersa-lhes os sopros
- música de ciprestes. Por isso, há quem ande entres as campas,
ao fim da tarde, com os ouvidos tapados; quem reze,
entre lábios, datas estéreis como as antigas pedras”
Nuno Júdice

Fai tempo, un bo amigo contoume que aló polas saias dos montes da Serra do Bocelo, nos modernos límites fronteirizos dos concellos de Toques e de Sobrado, achara fai anos un impresionante monumento megalítico coñecido como o Forno dos Mouros que conservaba unha serie de pinturas rupestres de formas serpeantes, moi semellantes ás do dolmen vilalbés de Roza das Modias. Cantos montes e serras temos percorrido xa na procura destas pétreas estacións que nos conectan coa paisaxe e coa vida cotiá dos nosos máis primitivos devanceiros. Cantos vieiros e corredoiras temos camiñado xa na procura destes antiquísimos vestixios mortuorios dos primeiros habitantes deste noso país. Aproveitei unha morna e gris tarde de domingo para internarme no Concello de Toques e seguir as pistas que me levarían, sen maiores atrancos, até as milenarias laxas do dolmen de Forno dos Mouros.


A do Bocelo é unha serra privilexiada en canto a restos megalíticos, xa que nela foron catalogadas un total de 32 mámoas, a meirande parte das mesmas fican aliñadas co Camiño Real que atravesa a crista da serra de NE a SO. O Forno dos Mouros é, sen lugar a dúbidas, o máis espectacular destes restos e poida que un dos exemplos máis fermosos e mellor conservados dos monumentos megalíticos do noso país. Este dolmen localízase nunha erma contorna dominada por asombrosos penedos moi preto do lugar da Moruxosa, no concello coruñés de Toques, e a unha altitude de 713 metros. Este monumento sepulcral data do III milenio denantes de Cristo, é unha estrutura megalítica con cámara poligonal conformada por unha gran laxa horizontal sostida por sete esteos. A laxa da cuberta aparece fracturada pola súa parte setentrional. 


Este importante monumento megalítico foi escavado i estudado entrámbolos anos 1987 e 1989 pola Universidade de Santiago de Compostela. A cámara consta dun corredor de acceso de dous tramos e atesoura, nas súas mouras e telúricas entrañas, representacións pictóricas nas que destacan motivos en forma de zig-zag pintados en cores negras e vermellas sobre dun fondo branco. Nas diversas campañas de escavación que se levaron a cabo neste xacemento apareceron restos de materiais líticos e cerámicos, mais por riba disto destacan os restos dunha excepcional peza. Trátase dun vaso campaniforme cordado con influencias decorativas vinculadas coa Bretaña francesa; o que nos demostra as complexas redes de circulación existentes xa no III milenio. 


No verán do ano 2009, o dolmen do Forno dos Mouros foi obxecto dunha última actuación realizada por un equipo do CSIC que tivo coma fin velar pola conservación do mesmo, acondicionar a súa contorna e deter a deterioración das pinturas; para esta última fin optouse por soterrar de xeito preventivo as mesmas. Nesta mesma intervención tamén se reforzou a estabilidade do conxunto.  Foi unha mágoa non poder coñecer as súas pinturas pero coido que a actuación levada a cabo é vital para a conservación das mesmas. Semella como se tanto a paisaxe penedía como o silencio imperturbable desta erma contorna conspirasen pra somerxerme por uns intres no imaxinario mundo dos mortos, nese vieiro escuro, inevitable e “frio, com terra por cima, restos de tábuas, ossos desfeitos pelos invernos” que tanto eludimos pero que tanto nos vincula aínda cos nosos máis primitivos devanceiros. 

mércores, 28 de outubro de 2015

O corredor milenario da Arca do Rabós


“E no abrente,
Inti no Samamede,
prenderás prata
nas vidreiras
e roibén
nos toxais de Trasdamámoa
e lentura nas Campinas
e as antas, catedrais eternas,
rexurdirán loor,
e entón sentiremos
o teu ola de paz”
Xoán Babarro, O nome do Rei que ha de volver

Esta pasada fin de semana, namentres viaxaba camiño da miña Fisterra nai, lembrei grazas a un indicador que albiscaría nun dos extremos do lugar de Baíñas, que debía retomar aquela andaina que fai uns anos me achegaría até o magnífico universo de dolmens e de mámoas que se concentran ó abeiro do fértil e verdescente Val da Soneira. Sería aló polo mes de febreiro do ano 2012 cando coñeceramos os esteos milenarios, nas terras de Treos e Serramo, de Pedra Cuberta, Pedra Moura, Pedra da Lebre e Pedra da Arca. Nese mesmo ano acharamos tamén a mítica e pondaliana Arca da Piosa no Concello de Zas, e somentes un ano despois, tamén a Casota de Freáns en Berdoias, a Fornela dos Mouros no Concello de Laxe e o dolmen de Mina da Parxubeira en Mazaricos. 


Naquel indicador que albisquei a carón da estrada denantes mesmo de deixar atrás o lugar de Baíñas puiden ler algo así como “Arca do Rabós”, e inmediatamente despois decataríame de que se trataba dun dolmen que obviaramos naquela primeira andaina, a pesares de ficar na mesma parroquia que Pedra da Arca, i esqueceramos coñecer nas seguintes. O certo é que o devandito indicador incitoume a retomar esta interesantísima ruta, a mergullarme de novo neste descoñecido universo de mámoas e de dolmens, neste escurecido mundo onde adormecen e latexan os medos, os pesares e as espranzas dos nosos máis primitivos devanceiros. Achegueime de novo até o lugar de Baíñas na compaña da miña curmá Inma para retomar a ruta dos dolmens e tratar de coñecer agora os milenarios esteos da Arca do Rabós. 


A Arca do Rabós localízase ó norte da Pedra da Arca, nunha extensa necrópole megalítica que coma un micelio xigantesco se estende de leste a oeste pola parroquia de San Antoniño de Baíñas, poida que seguindo algún remoto vieiro de paso. Non foi difícil dar con estoutra arca megalítica da Soneira. Achámola nunha leira privada na marxe dereita da pequena estrada pola que penetramos logo de seguir as indicacións do cartel. Segundo o que puidemos ler noutro cartel informativo que atopariamos denantes mesmo de dar coa Arca do Rabós, esta sería somentes unha das vinte mámoas que se localizan no Chan de Cabral e O Rabós. Algunhas delas fican desaparecidas e outras moitas poida que fosen estragadas pola construción de estradas ou polas tarefas agrícolas. 


A Arca do Rabós somentes conserva a parte dianteira da súa disposición orixinal, mais crese que presentaba unha tradicional estrutura de cámara poligonal e corredor orientado cara o leste. Nos nosos días somentes se poden ver os restos deste corredor, no que aínda se conserva íntegra a súa tampa de cubrición. Estes monumentos megalíticos adoitaban seren colocados en certos lugares visibles coa intención de marcar ou delimitar un determinado territorio. Denantes de marchar ollamos aquel corredor que agoniza, aqueles esteos que resisten aínda dobregados pola pegada das centurias e polo peso dunha pontella, máis que tampa, que nos achega ós nosos máis incertos e xenésicos tempos. 

domingo, 11 de outubro de 2015

A monumental Praia das Catedrais


“botar as redes
cubrirnos de vento
hai un país de catedrais
homes en silencio
longos camiños cara ao mar”
Eduardo Estévez, Os veos da paisaxe

Cantos amenceres fuxiron xa dende aquela fugaz viaxe á Mariña Lucense, dende aquela curta pero intensa aventura que nos achegaría ó norte galaico e que nos ensinaría os máis vertixinosos cantís de fráxil e moura lousa rabuñada que atesoura a costa cantábrica galega. Pasaron oito anos xa daquela viaxe, oito  chuviosos outonos e oito coloridas primaveras, polo que quero partillar con vos algunhas fotografías que se perderon no vello cartafol do esquecemento, que esvaeceron co monótono "tic tac" das agullas dun reloxo de intres cada vez máis presos de albedrío. Ollando aquelas imaxes, que achegarían á miña mente unha restra de ledos momentos e me lembrarían aquelas primeiras viaxes pola terra e a fin da miña adolescencia, atoparía unha serie de fotografías dun dos nosos máis espectaculares areais; a afamada i extraordinaria Praia das Catedrais. 


Corría unha morna e gris mañá de abril cando nos achegamos até a parroquia da Devesa, no concello lugués de Ribadeo, para tratarmos de contemplar unha das meirandes obras mestras que o vento e o mar tiveron a ben esculpir, sen descanso e ó longo dos tempos, nos cantís de mouras lousas da Praia das Catedrais. Lembro que por aquel entón, este senlleiro areal aínda non gozaba da gran sona que atesoura nos nosos días, polo que foi un auténtico pracer para nós percorrelo sen sentírmonos violentados pola presenza masiva de turistas e visitantes. Lembro tamén a profunda impresión que nos produciu albiscar este areal, cuxo nome orixinal é Augas Santas, baixo dos nosos pés e sobre dos impoñentes cantís de lousa que semellan emerxer da súa fina e branca area. Lembro que logo de descendermos até a praia coa baixamar, e de topármonos baixo daqueles pétreos e monumentais arcos, entenderiamos porqué este areal recibe o sobrenome de As Catedrais. 


I é que as obras da natureza son sempre superiores a calquera máxima expresión artística do ser humano, e neste Areal de Augas Santas, queda patente. I é que a natureza sempre foi e será, en maior ou menor medida, o espello consciente ou subconsciente no que se inspira o ser humano. Debeu ser a monumentalidade, a grandeza e a beleza oculta tralos pétreos arcos e cantís deste areal de Ribadeo, algúns deles de máis de 30 metros de altura, o que levou a moitos a denominalo popularmente como a Praia das Catedrais en lugar de Augas Santas, que é o seu topónimo real e que se cree que fai referencia á antiga presenza dun manancial de augas medicinais con propiedades milagreiras. Independentemente do nome, o certo é que este recuncho atesoura unhas características que o fan único e sinxelamente espectacular. 


Os cantís deste areal agochan todo tipo de furnas, arcos e até rochosos e labirínticos pasadizos moldeados polo mar ó longo dos séculos. Esta singular praia, duns aproximados 1.400 metros de lonxitude e localizada a uns 10 quilómetros cara o oeste de Ribadeo, é Bandeira Azul dende o ano 1997 e foi declarada Monumento Natural pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É practicamente imprescindible achegarse a este areal coa baixamar para contemplar en plenitude toda a fermosura e a grandeza dos seus arcos, que tanto lembraron a moitos dos seus visitantes ós piares e contrafortes das catedrais góticas. Pouco tempo despois de percorrer boa parte do areal, teríamos que ascender até o alto dos cantís desta característica costa cantábrica galega logo de vérmonos sorprendidos pola rápida subida da marea. 


A contorna destes monumentais cantís de Augas Santas posúe un importante valor, non somentes paisaxístico, senón tamén natural. Nestes cantís, neste delicado ecosistema, conviven as urceiras húmidas atlánticas (Ericaciliaris e Ericatertralix) coas urceiras secas atlánticas costeiras (Ericavagans). Tampouco debemos esquecernos da endémica Acelga salgada  (Limonium dodartii), en perigo de extinción, a "herba de namorar" (Armeria pubigera) ou a Angelica pachycarpa. O ceo de As Catedrais adoita ser sobrevoado polas gabitas (Haematopus ostralegus), os virapedras (Arenarioa interpres) ou os pilros escuros (Calidris maritima), amais de aves mariñas como as pardelas, os mascatos e o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)


Tampouco debemos esquecernos de mamíferos como a londra (Lutra lutra) e de especies mariñas como os arroaces (Tursiops truncatus). As pozas de As Catedrais tamén son o refuxio de anfibios como a rá de San Antón (Hyla molleri) e réptiles como o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi). Agora, oito anos despois daquela viaxe, aínda me arrepío cando me lembro da vertixe que sentimos ó albiscar este areal dende o alto dos cantís e a impresión que nos produciu ollar estes góticos e cantábricos contrafortes dende abaixo; a rentes mesmo do mar. Nos nosos días é tal a cantidade de xente que se achega até Augas Santas que se tivo que controlar e restrinxir o acceso. Oxalá que a masificación turística non mude endexamais este pequeno paraíso cantábrico e galego, estes “longos camiños cara ao mar”.

domingo, 4 de outubro de 2015

Lembranza dunha virxe xigantesca


“Xa erguida na punta
De pena sombrisa,
Inmoble cál virxe
De pedra se mira.
A cofia de liño
A os ventos soltada,
As trenzas descoida
Qu' os aires espallan;
Tendídalas puntas
Do pano de seda,
As alas d' un anxel
De lonxe semellan.
Si as brisas da tarde
Xogando con elas
As moven ca gracia
Qu' un anxel tivera”

Rosalía de Castro, Cantares Gallegos


Rebuscando frangullas da vida no vello caixón dos intres finados pra fartar a memoria de nostalxia, acharía entre a piolla, a friúra e as arañeiras do tempo, dúas fotografías que me trasladarían de novo até unha das miñas primeiras viaxes pola terra, até unha daquelas primeiras aventuras onde coñeceramos os meirandes segredos que zumegan da liberdade e os máis pracenteiros riscos que acompañaron a nosa independencia. No branco rostro e tralos celestes liques do manto da Virxe da Rocha reencontraríame comigo mesmo case unha década despois. Aquelas fotografías, como unha vella canción que marcou un tempo das nosas vidas, prenderon na miña mente chamizos apagados; devolvéndome a ledicia e a melancolía das horas fuxidas, dos intres xa finados. Corría unha húmida e fría tarde de novembro cando nos detivemos de fronte á silueta das Illas Cíes e baixo dunha xigantesca e impresionante virxe de pedra no concello pontevedrés de Baiona. 


Lembro como se fose onte o moito que nos chegou a sorprender aquela impoñente silueta da Virxe da Rocha. Naquelas primeiras viaxes non adoitabamos preparar nin organizar en exceso as nosas rutas; preferiamos deixarnos levar e sorprender polo destino. E a Virxe da Rocha non era para nada un dos obxectivos procurados, mais debo confesar que nos engaiolou a súa presenza á beira da estrada e de fronte ó mar, polo que non dubidamos en parar e coñecer este maxestoso monumento relixioso das Rías Baixas. A Virxe da Rocha foi erixida en granito sobre das faldras do Monte de San Roque e trala Punta Sansón, a uns 100 metros de altitude sobre do nivel do mar, polo excelso arquitecto porriñés Antonio Palacios, sendo inaugurada no ano 1930. O monumento posúe uns  15 metros de altura e representa á Virxe sostendo nos seu brazo dereito unha barquiña empregada como miradoiro ó que se accede interiormente por unha pétrea escaleira de caracol. Tanto as mans como a faciana desta virxe son de mármore branco. Estes elementos, xunto coa coroa, construída en porcelana; foron obra do escultor Ángel García Díez. Co tempo, crearíase un parque e un Vía Crucis nos arredores do monumento onde cada ano se celebra unha romaría. Malia a ser este un monumento relixioso, posúe unhas dimensións e unhas características dignas de  coñecer. Deixamos tras de nós esta xigantesca virxe co vago son de afastadas badaladas, apertándonos na brétema, recendendo a marusía; sen ignorar por un intre a paz e a beleza inherentes ó atlántico horizonte das Illas Cíes. 

domingo, 13 de setembro de 2015

O Serpent e o Cemiterio dos Ingleses


“Monte-Branco, Monte-Branco,
Cando te vexo de longe,
Verto a soas triste pranto.
Pois as nosas alegrías,
Ós dous nos fóno fallando;
A tí, das tuas aréas,
Os ventos te despoxáno; 
A min, tamen me fallecen, 
Aqueles gustos pasados:
Tí negréas, y eu teño a cabeza 
Chéa de cabelos brancos!”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Corría o ano 1890 cando o torpedeiro “HMS Serpent”, un buque da coroa británica duns 75 metros de eslora e máis de 170 tripulantes, naufragou nas bravías augas da Costa da Morte, de fronte ó indómito Cabo Vilán. O Serpent foi un cruceiro de terceira clase da Royal Navy, construído en Devonport no mes de novembro do ano 1885 e botado o 10 de marzo do 1887. Desprazaba 1770 toneladas e posuía media ducia de canóns de seis polgadas e cinco tubos lanzatorpedos de 14 polgadas. Foron moitos os barcos afundidos nestas augas dos confíns da terra, mais este naufraxio foi, sen lugar a dúbidas, un dos que máis conmocionou ós veciños da contorna. Este fatídico suceso comezaría o 8 de novembro cando o buque partiu do porto de Plymouth cun forte temporal rumbo á Serra Leoa. Somentes dous días despois, a noite do 10 de novembro de 1890, o Serpent comezaría a achegarse moito a terra á altura do Cabo Vilán. Isto, sumado ó forte temporal e á escasa visibilidade, faría que chocase coa Punta do Boi no recuncho que hoxe se coñece como "o baixo do Serpent"


Contan que o capitán ordenara lanzar cabos pero estes rompían contra as rochas. Tamén tentaron empregar os botes salvavidas pero os continuos golpes de mar imposibilitárono. Ó pouco somentes se escoitou un forte berro de “Sálvese quen poida!”; a antesala da desgraza. A furia do mar, en cuestión de minutos e de xeito violento, esnaquizaría os corpos dos tripulantes contra as pedras a compás dun requiem de berros e de laios, de angustias e de dor. Somentes tres tripulantes, dos 175 que partiron de Plymouth, conseguirían saír con vida desta catástrofe: Bourton, Gould e Lacsne. Estes tres mariñeiros, serían levados polas correntes mariñas até o Areal de Trece. Durante os seguintes días, o mar iría devolvendo á Praia de Trece os corpos sen vida dos 172 mariñeiros restantes. Logo de que isto sucedese, o cura de Xaviña organizou ós veciños de Camariñas para dar sepultura ós corpos neste recuncho que se localiza entre o Monte Branco e o Cabo Vilán, e que hoxe se coñece como o Cemiterio dos Ingleses. A Corte Marcial, celebrada o 16 de decembro de 1890, concluiría que o afundimento do Serpent debeuse a un erro de navegación.


No centro deste camposanto, no seu cuadrangular habitáculo interior, descansan os restos do experimentado capitán do Serpent, Harry L. Ross, e dos oficiais. O resto dos mariñeiros, cadetes da mariña británica, foron soterrados no exterior.  Tempo despois da catástrofe, o “Lord Commissioner of The British Almiralty” agasallou un barómetro á Vila de Camariñas, en sinal de agradecemento, ó cura de Xaviña unha escopeta e ó alcalde un reloxo de ouro. Contan que nos primeiros anos despois da catástrofe, un barco da armada inglesa adoitaba achegarse até o lugar para disparar salvas e lanzar ó mar unha coroa de flores en honor ós seus compañeiros falecidos. Logo desta traxedia, construiríase o novo Faro Vilán para mellorar a navegación marítima por estoutro perigosísimo recuncho da Costa da Morte. Trocaríase o antigo faro de vapor, en servizo dende o ano 1854, por outro eléctrico cuxa lus acada as 31 millas náuticas. As autoridades británicas, logo daquel nefasto suceso, equiparían tamén a tódolos seus mariñeiros con chalecos salvavidas. 


Afasteime deste camposanto, deste fermosísimo e nostálxico lugar, albiscando á miña dereita o Monte Branco, a maior duna rampante do noso país, e lembrando aqueles tristeiros versos pondalianos que dicían: “Monte-Branco, Monte-Branco, cando te vexo de longe, verto a soas triste pranto”.

Os Muíños dos confíns da terra


Hoxe quero recuperar, e compartir con vos, un vello artigo que publiquei no boletín mensual da xa desaparecida Plataforma Fisterra, Única Fin do Camiño, na que participei activamente entrámbolos anos 2009 e 2012 para reivindicar a imaxe de Fisterra como a derradeira meta do Camiño ante os continuos ataques que estaba a recibir a vila na que nacín por parte da prensa local e das provocacións e intereses políticos dun alcalde dun pobo veciño. Amais de tratar de reivindicar a imaxe de Fisterra no Camiño, a Plataforma desenvolveu unha importante laboura cultural e de investigación que rematou desaparecendo da rede e quedando soterrado somentes na mente dos máis activos integrantes daquel movemento veciñal. Tiña un especial interese en recuperar un dos artigos daquel humilde Boletín “KM. 0”, concretamente o que realicei logo de percorrer boa parte da xeografía fisterrá na procura dos máis esquecidos muíños da miña vila natal.

Un dos 12 muíños que atesoura o conxunto de Mallas
Decidín seguir os antigos vieiros, agora perdidos antr’as xestas e silveiras, que me levarían até os máis descoñecidos muíños de Fisterra, logo de sentir a necesidade de sacar á luz a gran cantidade de muíños que se perden na nosa xeografía e desenterrar parte da historia e das lendas que atesouran. Estaba convencido, tamén, de que a restauración e posta en valor destas vellas construcións tan importantes na Galicia dos nosos pais e avós, poden ser parte do atractivo turístico da vila e un inmellorable xeito de conservalos íntegros. Denantes de partillar con vos o xa citado artigo, debo agradecer a inestimable axuda de Xoán S. Pazos e a guía de Manuel Domínguez, veciño de Sardiñeiro. Quero deixar patente o esforzo e a axuda deste veciño e amigo, coñecido como Manolo de Mateo, á hora de guiarnos polos recunchos máis indómitos do Concello de Fisterra na procura de todos e cada un dos muíños que forman parte do noso máis esquecido patrimonio.



Os Muíños dos confíns da terra
(Artigo publicado no Boletín Km.0 da Plataforma Fisterra, Único Fin do Camiño. Nadal do 2010)


Muíño do Biscaio, no lugar de Castrexe
Este pasado mes, - novembro do ano 2010 -, percorreremos a nosa xeografía comprobando o estado dos nosos muíños e ollando de preto as súas características e distincións. Algúns fican asolagados polas matogueiras, namentres outros, desgraciadamente, foron derrubados e ata asaltados. No peor dos casos, están desaparecidos e só semellan ficar presentes na memoria dos máis vellos. Mais tamén resulta sorprendente a situación dalgúns que, a pesares de ficar precedidos de dificultosos accesos ou mergullados no seo do monte, agochan baixo os seus muros un notable estado de conservación. Nas súas pedras atopamos iniciais e no seu interior, as rodas de pedra que, movidas polas correntes de auga, xiraban e moían a fariña dun pan, tan simbólico coma necesario.

As ruínas do Muíño da Durana, no lugar de Castrexe
É posible que falten algúns, por descoñecemento ou esquecemento, pero tentaremos amosar a maior cantidade dos que aínda seguen en pé á beira dos nosos regatos. Íso si, debemos ter en conta que estas pequenas construcións na súa maioría eran comunais, é dicir; pertencían a un conxunto de veciños que acordaban repartir o seu uso segundo unha distribución diaria e horaria. Nembargantes, outros moitos, son propiedades privadas. O estado xeral da inmensa maioría é de total abandono. Comezaremos centrándonos no importante conxunto que achamos na parroquia de San Ramón de Mallas.

Muíño con teito a unha auga no lugar de Mallas


MUÍÑOS DE MALLAS
Aínda que pareza mentira, Mallas conta con nada máis e nada menos que 12 muíños, situados ao longo dun regato que baixa do Monte Seoane. E dicimos que parece mentira porque, a primeira vista, o único que atopamos é unha inmensa matogueira. Nembargantes, dous dos muíños poden apreciarse a duras penas, mais constitúen un adianto do que se podería facer se este conxunto etnográfico estivese restaurado e promocionado. En Fisterra hai máis dunha trintena de muíños, organizados en diversos conxuntos que, polo xeral, comparten un curso de auga. A meirande parte deles atópanse somerxidos entre as matogueiras, ou nun estado de ruína total.

Muíño con teitume a dúas augas localizado no extremo sur do Areal de Rostro, no lugar de Buxán


MUÍÑOS DE ROSTRO
Xa case enriba das dunas da Praia de Rostro, atopamos tres muíños, dos máis fermosos e mellor conservados. No extremo sur, hai dous muíños, en torno ó primeiro acceso ó areal. Un deles, pegado á estrada, conserva a duras penas a súa estrutura, pero o teito fica derrubado. Moi preto atopamos outro conxunto, no medio dun fermoso prado. Este atópase en mellor estado, cun tellado a dúas augas de cemento, e cun revestimento de morteiro que o conservou. No extremo norte de Rostro, e case en Padrís, atopamos o Muíño do Bustelo.

Muíño do Bustelo, no extremo norte do Areal de Rostro, á altura do lugar de Padrís


MUÍÑOS DE CASTREXE
Especialmente sorprendente é o conxunto etnográfico co que conta o lugar de Castrexe. Trátase dunha serie de seis muíños, que comparten un mesmo curso fluvial, e que constitúen un complexo de gran fermosura. No punto máis elevado está o Muíño do Biscaio, o cal se conserva mellor do que semella a primeira vista. Construido a base de pezas de mampostería en bruto, e recuberto de hedras, crea un efecto de maxestuosa ruína dun pasado antergo. Conserva parte da súa canle.

Muíño do Estevo. Lugar de Castrexe
Máis abaixo está o Muíño da Corredoira, cuio estado de conservación non pode apreciarse polo precario acceso e porque está completamente recuberto de matogueiras. A continuación, e nunha lene chaira, aparece un dos máis fermosos deste percorrido: o Muíño do Estevo que, a pesares de non conservalo teito, é un dos máis coidados. Conserva case intacto o canle. Máis abaixo está o Muíño da Durana, cuio teito fica convertido nunha arboreda, mais que conserva en pé os seus muros. A douscentos metros, debería aparecer o Muíño do Ruso, completamente ilocalizable. Por último, e case en Rostro, o Muíño d’Abaixo, cuio fermoso entorno rematou por asediar ó edificio baixo unha espesa manta de hedras.

Muíño d'Abaixo. Lugar de Castrexe


MUÍÑOS DE SARDIÑEIRO
Ó longo do Río San Xoán, que percorre a parroquia de Sardiñeiro ata desembocar na baía, sucédense unha cadea de muíños, tan variados e diferentes entre si, que non semellan formar parte do mesmo complexo. O que quizais nos chamou máis a atención foi unhaa vella reliquia que atopamos á beira da Rúa Lagares, trátase dunha misteriosa construción que sobrevive a duras penas neste lamentable estado. Así e todo, as ruínas non deixan de ter certa fermosura melancólica, especialmente cando descubrimos que no lintel da porta podemos ver gravadas as iniciais IMS cunha cruz enriba.

Muíño do Rosiño, en Sardiñeiro
Ascendendo aínda máis polo caudal do San Xoán, chegamos a outro muíño, tamén preto da Rúa Lagares, e que apenas se deixa ver entre a frondosa vexetación. Na chaira que precede á vila de Sardiñeiro podemos ver o Muíño do Rosiño, o único restaurado ata o de agora por unha iniciativa particular. Máis arriba aínda, e xa no alto do monte, atopamos dúas xoias etnográficas.

Un dos muíños do Regato de San Xoán, en Sardiñeiro d'Arriba
O muíño que vemos arriba está recuberto de cemento, mais isto favoreceu a súa conservación. O entorno é dunha gran fermosura. No máis elevado dos muíños, se ben dende fóra non vemos gran cousa, no interior atopamos a maquinaria en perfecto estado de conservación, e lista para funcionar de novo en calquera intre.

Muíño da Moina, nos arredores do lugar do Rial


MUÍÑO DA MOINA
Apenas suxerido entre os fentos e as silveiras, o Muíño da Moina non deixa de ser por iso un dos máis carismáticos e interesantes do noso Concello. Situado nos arredores do Rial, nun cruce de camiños, ten sido escenario de supostas aparicións e doutros sucesos estraños que foron forxando unha lenda negra en torno a este misterioso muíño.

Muíño comunal de San Salvador de Duio


MUÍÑOS DO VAL DE DUIO
Tendo en conta que este val de Duggium, - esta lendaria cidade asulagada -, é un enorme humidal; non é de estrañar que exista tamén gran número de muíños. Comezamos polo de San Martiño, situado a carón da Igrexa e do lavadoiro. Nas Escaselas cremos ter atopado o desaparecido Muíño da Corna; e en Hermedesuxo o da Pontella. Ámbolos cubertos de densa vexetación. Xa en San Salvador, atopamos dúas fermosas mostras: o Muíño do Durán, e o muíño comunal.

Muíño do Durán, en San Salvador de Duio
O primeiro amósasenos coma un edificio de cantería, de grandes dimensións e gran contundencia. O comunal atópase en bastante bo estado, pero, coma soe ser habitual, co teito derrubado. A inmensa maioría dos muíños atópase nun estado de total abandono, cos teitos derrubados, e nalgúns casos cos muros tamén danados. A vexetación é sempre un impedimento insalvable para o goce destes elementos fundamentais da nosa etnografía, así coma os precarios accesos.

Muíño no lugar de San Martiño
Estaría ben que se conservaran e promocionaran os muíños dos confíns da terra. Son moitos, moi variados e todos dunha gran fermosura. Sería un xeito de diversificar a oferta turística de Fisterra e ofrecer produtos de calidade, que ademais teñen un gran valor humano. Fíxose noutras partes da bisbarra… Por que non vai funcionar en Fisterra? Esperemos que todos estes complexos vexan pronto a luz, e que non pasen a ser auga pasada que xa nin sequera move muíños.