sábado, 15 de novembro de 2014

O Sanatorio de tuberculosos do Paraxón


“Este é o templo da dor,
columnas de angúria
elevadas cara ao ceo,
altares de sabas limpas
a repetir ofrendas
de vida e morte,
corredores silenciosos
onde se moulan ideas
que conducen ao desespero,
batas brancas para oficiar
unha loita sen cuartel, desigual,
contra o irremediábel,
olladas enfermas
que imploran unha dose
de esperanza ante todo
e unha nube despaciosa
de recordos e medos”
Emílio Xosé Insua, Poemas

Este pasado mes de setembro interneime por antr’os montes do concello coruñés de Cesuras para, xunto cos meus amigos Óscar e Damián, procurar as antigas ruínas dun gran edificio sanatorio que fica localizado na Parroquia de San Mamede de Bragade, e máis concretamente, no Lugar do Paraxón. Viaxariamos cara este recuncho do interior coruñés unha solleira e calorosa tarde de venres. Resultaríanos bastante doado atopar este antigo edificio sanitario, nada máis chegar ó Paraxón xa puidemos albiscar un cartel que nos alertaba do preto que estaríamos do mesmo. Metémonos de cheo nun pequeno bosque duns 200 ferrados dominado polos freixos, piñeiros i eucaliptos, e coñecido como o Parque do Sanatorio. Logo de camiñar uns escasos 50 metros dende o cartel comezaríamos a albiscar xa preto de nós as ruínas do antigo e abandonado sanatorio de tuberculosos do Paraxón. Achegámonos até aquelas ruínas, cubertas polo avance da vexetación e da maleza, verdadeiramente impresionados. 


Ficamos un bo anaco de fronte á fachada do edificio, de estilo modernista, denantes de coñecer máis polo miúdo as súas entrañas. Estabamos ante as ruínas do Sanatorio de Tuberculosos do Paraxón, un antigo hospital que nunca chegou a funcionar como tal, un edificio inacabado. Este sanatorio foi proxectado entrámbolos anos 1922 e 1924 pola Xunta Provincial Antituberculosa da Coruña, que se decantou por este lugar do Paraxón por tres razóns vitais para restablecer a saúde dos enfermos: a relativa proximidade coa cidade herculina, o clima san e a altitude do lugar onde se empraza, garantindo así a pureza do ar e un illamento prolongado. 

Aló polo 1927, o Bispo de Santiago, Lago González e outras familias ilustres da zona colocarían a primeira pedra dunha obra que se prevía que fose custeada polo Estado, por doazóns de núcleos de emigrantes galegos na América e co diñeiro recadado nas Festas da Flor da Coruña. O arquitecto encargado do proxecto sería Rafael González Villar. O edificio fora deseñado cun corpo central, para albergar os servizos xerais e salas de uso común, e dous corpos laterais onde se situarían as diferentes habitacións separadas por sexo. Nembargantes, no ano 1931, as obras deste Sanatorio do Paraxón quedarían completamente paralizadas. O comezo da Guerra Civil no ano 1936, borraría definitivamente a última esperanza das autoridades da zona para rematalo. O edificio, que inicialmente pertencía á Xunta Antituberculosa da Coruña, pasaría a mans do Estado. No ano 1973, nembargantes, o sanatorio pasaría a ser propiedade do Concello de Cesuras coa condición de que se conservasen as especies de eucaliptos e pinos que se localizan na contorna e que a finca permanecese aberta para os veciños do lugar e todos aqueles visitantes interesados en coñecela. Internámonos nas entrañas ruinosas deste hospital que nunca chegou a funcionar como tal para coñecer o estado que presenta. No primeiro andar acharíamos un corredor central a partir do cal coñeceríamos as diferentes salas que del converxen. Todas estas salas, escuras e alongadas, fican baleiras, humedecidas, frías e silenciosas, ateigadas de lixo i escombros, de pintadas e graffitis. 


Camiñamos polo primeiro andar, o máis escuro e melancólico, tratando de coñecer todas e cada unha das diferentes habitacións. Logo ascenderíamos até o segundo andar sobre dunha escaleira de caracol un tanto perigosa. Ascendemos con moito coidado e precaución. Neste segundo andar acharíamos unha gran sala central con amplas ventás que aportan moita lus e claridade ó interior do edificio. Aquelas ventás precedían a unha pequena i estreita balconada dende a cal albiscamos a frondosidade desta fraga, deste Parque do Sanatorio. Percorremos todo o segundo andar denantes de subir até o terceiro, de moi inferiores dimensións. No terceiro andar acharíamos tamén numerosas árbores que fixeron raíces antr’os muros e fendas deste edificio. Decidimos non subir até o cuarto andar porque as escaleiras ficaban moi deterioradas. 


Liscamos do Paraxón satisfeitos por coñecer este sanatorio de tuberculosos sen rematar e a pequena parte da historia que atesoura, albiscando dende o lonxe a modernista silueta deste “templo da dor”, as “columnas de angúria elevadas cara ao ceo” dun sanatorio que puido ser e non foi, dun proxecto inacabado. 

Ningún comentario: