venres, 21 de novembro de 2014

As menciñeiras augas de Cabreiroá


“Ah memoria na pedra, ah choiva torrencial:
¿o efecto "mondariz" é a cultura gremial?
Ah mirada oceánica no infinito do mar:
Todos xuntos, moi xuntos, ¿haberémola armar?
¿En contra do onanismo e da incestuosa unión,
fomentaremos sempre a orxía e a creación?
¡Caída demográfica: Nin dios pervivirá!
Breogán, cando volte, moito se cabreiroá”
Xavier Seoane, A canción do milenio

Este pasado mes de xullo, inmerso naquela solitaria, meditativa e persoal viaxe que fixera ás chairas ourensás da Limia, decidín achegarme até un recanto do Concello de Verín para tratar de coñecer un dos máis senlleiros mananciais deste noso país e parte do estranxeiro; o de Cabreiroá. Precisaba escoitar o “férvedo són”, -como diría Francisco María de la Iglesia-, de carbónicas burbullas que emanan da terra, así como matar a sede coas menciñeiras augas de Verín, ó igual que fixeramos fai cousa dun par de anos aló polas terras pontevedresas de Mondariz. Para chegar até o manancial desta importante firma galega de augas minerais, tiven que achegarme até a parroquia de San Salvador de Cabreiroá, a escasos dous quilómetros do centro mesmo de Verín. Non ten perda, o manancial fica perfectamente indicado dende o centro desta importantísima vila ourensá. Nada máis chegar puiden albiscar un fermoso xardín ateigado de árbores antiquísimas, todas elas con cadansúa etiqueta na que aparecían os nomes científicos das mesmas. Fiquei pampo ante a fermosura do xardín, semellaba un lugar máxico. A meirande parte das árbores que acharía serían autóctonas da nosa terra, algo que me agradou enormemente. Ó pouco de seguir camiñando toparíame cun monumental edificio. Tratábase do antigo Hotel Balneario de Cabreiroá, un edificio do ano 1908 que nos nosos días fica pechado. 


Pouco despois  albiscaría parte das instalacións da factoría, e por suposto, o seu manancial; as enérxicas burbullas que semella regurxitar a terra e que en verdade me trouxeron até eiquí. Achei o manancial nun pequeno e fermoso templo que fica a carón mesmo do antigo hotel. Adentraime no mesmo e achei o que buscaba, o “férvedo són” das burbullas de Cabreiroá, augas que nacen, que ven por primeira vez a luz logo de seren concibidas nas entrañas uterinas da nosa terra. Cóntase que antano, este manancial era unha charca con moita sona entre os veciños de Verín pola calidade e propiedades das súas augas. Sábese que dende finais do século XIX víñanse empregando para remediar problemas gástricos e dixestivos. Dende logo que este feito non resulta estraño se temos en conta que estamos en Ourense, na terra das máis puras e translúcidas augas, quentes e frías, doces e sulfurosas, carbónicas, minerais; menciñeiras. 

A historia máis coñecida destas augas de Cabreiroá comezaría aló polo 1906, ano no que serían declaradas de utilidade pública logo de seren analizadas polo Charing Cross Hospital e a City of Westminster, e posteriormente certificadas como minero-medicinais por Ramón y Cajal. Don José Manuel García Barbón realizaría nese mesmo ano obras nos accesos á fonte, así como nos terreos adxacentes, e crearía tamén unha pequena factoría de envasado para somentes un ano despois, no 1907, comezar a erixir as instalacións do Hotel Balneario. O balneario estaría en funcionamento até o 1936, ano no que estala a Guerra Civil e obriga a trocar o uso e sentido do edificio, que pasaría a albergar un cuartel e un hospital militar. Logo volvería a abrir as súas portas, pero xa non tiña a mesma sona, polo que pecharía definitivamente no ano 1961. Co paso do tempo, a firma galega comezaría a centrar os seus esforzos nas actividades de embotellado e comercialización das súas prezadísimas augas, do seu tesouro líquido, transparente; telúrico. Fiquei pampo ollando como emerxen as augas de Cabreiroá, xunto co seu propio gas natural, coas súas burbullas, e ante a forza coa que semellan viaxar cara a luz, cara a cortiza terrestre deste recuncho verinés.  Estas augas, que emerxen a 16 graos cun caudal aproximado de oito litros por minuto, posúen unhas características que as fan únicas pola súa concentración de anhídrido carbónico, bicarbonato sódico, bicarbonato lítico e bicarbonato potásico. Crese que estas augas menciñeiras son idóneas para doenzas e infeccións das vías urinarias, trastornos gastro-hepáticos, biliares e metabólicos. Bebín daquelas augas e molleime a cara con elas denantes de liscar deste máxico e fértil recuncho ourensán dende o cal se exporta a todo o mundo o meirande tesouro que temos; a auga das nosas chuvias e das nosas bágoas, parte dos nosos solos, das nosas rochas e das nosas terras, parte da nosa propia vida e identidade, parte de nós.

Ningún comentario: