domingo, 16 de novembro de 2014

A Fervenza de Fondós e o Penedo de Graúllo


“Non quero trabucarme no espellismo
de andar collendo auga no regato
que corre corga abaixo como un fato
de ilusos pensamentos dun min mismo.
Estase ben esí desposeído.
Eu fun un feto parvo, esquecidizo,
hoxe outro vello feto son cumprido. 
Tangue no meu cerebro a badalada
na que agatuña e morre o mal feitizo,
penedo son sen eu, sen Deus, sen Nada”
Antón Tovar, Cadáver adiado

Poida que fose froito da casualidade ou un sinxelo capricho do destino, o feito de que rematásemos logo dun farturento e delicioso xantar chantadino, a carón da Fervenza de Fondós e baixo a sombra do impresionante Penedo de Graúllo. Internámonos case que instintivamente pola Ribeira Sacra a carón do curso do Río Miño e, case de decatármonos, chegamos até un recuncho non planificado da parroquia de San Pedro de Erbedeiro do concello lugués de Carballedo.  O certo é que tivemos que parar neste recuncho logo achármonos baixo da sombra do impoñente Penedo de Graúllo ou Garabullo, e de ver uns indicadores que nos alertaron da súa presenza. 


O Penedo de Graúllo, coñecido por estas terras como Penedo do Castelo, posúe máis de 440 metros de altitude e fica coma un extraordinario miradoiro natural sobre do curso do Miño por esta súa Ribeira Sacra socalcada. Este xigantesco penedo componse principalmente de cuarcita armoricana que ven do Ordivícico Inferior e conforma un macizo composto por aresniscas, lousas i esquistos do Paleozoico que atravesan esta franxa do Miño e se encamiñan cara o Courel. 

O certo é que as particulares tonalidades das rochas deste penedo chamaron a nosa atención. Outra das características que chamou a nosa atención foi a presenza de sobreiras e aciñeiras propias do clima mediterráneo. Este recuncho é, de feito, o único bosque mediterráneo destas terras da contorna chantadina.

Entre este Penedo de Graúllo e o do Cotarelo, con máis de 460 metros de altitude, baixan silandeiras as augas do Rego de Fondós para procurar e mesturarse coas augas do Pai Miño denantes de que este sexa duramente represado no veciño Encoro de Belesar. Ficamos a carón da fervenza, a carón das sabas líquidas do Fondós, e ollamos a transparencia das súas augas, os pequenos saltos e a vexetación que medra ó seu redor. Bebemos da fervenza e refrescámonos mergullando os nosos pés nas súas cristalinas augas. Canta fermosura acharíamos de xeito casual neste fermoso recanto da Ribeira Sacra, canta paz e descanso percibiríamos a carón desta fermosa fervenza. O certo é que calquera recuncho deste paraíso natural que é a Ribeira Sacra, alentado polos cursos do Miño e do Sil, resulta impresionante, máxico e á vez marabilloso. Liscamos deste espazo conformado pola Fervenza de Fondós e o singular Penedo de Graúllo, completamente renovados e reconfortados, sorprendidos polos vieiros e momentos que, ás veces, semella poñernos diante o noso propio destino. 

Ningún comentario: