domingo, 16 de novembro de 2014

A carón do santuario carballiñés da Veracruz


"Pater nostrus rez'eu máis de cento
por aquel que morreu na vera cruz,
que el mi mostre mui cedo a luz,
mais mostra-mi as noites d'avento.
Mais, se masesse con meu amigo,
a luz agora sería migo".
Juião Bolseiro, Cantigas de amigo

Este pasado verán, namentres percorría algunhas comarcas ourensás tralos recunchos máis feiticeiros que agocha esta provincia, decidín facer unha breve parada no Carballiño para tomar un café e mercar unhas deliciosas cañas de crema na Confitería Cerviño. Presentábase unha mañá ben solleira e calorosa, polo que non dubidei en percorrer as rúas desta grande e importantísima vila ourensá e gozar co bo ambiente que nelas se respira. Case que sen querelo, albiscaría dende o lonxe a torre da impresionante e monumental Igrexa da Veracruz. Achegueime ata ela movido por unha gran curiosidade, desexando coñecela máis de preto, sentirme anano ó seu carón. 

A Igrexa da Veracruz, coñecida no Carballiño como Igrexa Nova, é un templo moderno e unha das últimas obras inacabadas do prestixioso arquitecto galego, Antonio Palacios Ramilo (O Porriño 1874 – Madrid 1945). A súa orixe débese á laboura pastoral do párroco Luciano Evaristo Vaamonde da Cortiña (Moreiras 1880 – O Carballiño 1961), -reitor da parroquia de San Cibrao dende o ano 1930-, e ó seu anhelo de dotar á localidade dunha sé parroquial que substituíse á “igrexa vella”. Comezaría a erixirse, a base de granito sen pulir e lousa, a mediados do pasado século XX; a primeira pedra púxose o 25 de xuño de 1943 e un mes despois darían comezo as obras. Tralo falecemento do arquitecto Palacios somentes dous anos despois de presentar o proxecto, o canteiro carballinés Otero Landeiro seguiría as pautas historicistas e modernistas do finado arquitecto e proseguiría a obra co asesoramento de dous enxeñeiros. No ano 1949 comezarían as obras da torre, duns 52 metros de altitude. Aínda coa torre a medio construír, o templo abriría as súas portas no 1952, coincidindo coa festividade de San Cibrán, patrón desta vila. As obras rematarían definitivamente no ano 1957. O párroco Evaristo Vaamonde finaría no 1961, deixando o templo construído. Este templo caracterízase por ser unha mestura de estilos arquitectónicos e escultóricos. Na planta, de grande complexidade, destaca a planta principal centrada e unha segunda nave rectangular. Fiquei pampo ante esta singular, moderna e impresionante igrexa carballinesa. Pode ser, sen medo a trabucarme, un dos templos máis impresionantes deste noso país. Afasteime desta xigantesca igrexa nova, deste sacro templo erixido por tódolos carballineses e carballinesas, sen poder deixar de ver a súa monumental torre en cada rúa, en cada vidreira, en calquera recuncho que pisaba desta vila. 

Ningún comentario: