venres, 18 de abril de 2014

Os dolmens da Serra do Barbanza


"As rúas das cópulas na necrópole
Polos bulevares da visión, sígueme,
eu farei o resto
as papilas degustando o alcohol
feito corpo de pans ácimos.

A besta do sexo afoga no fondo do vaso

Cambias de repente,
do cuarto mouro da feluxe
ó mar aberto...
a salguidade sae dos corpos
e esvara nas coxas
como pulgas de area recén nadas
¡cantas vidas perdemos!

O cuarto de ceminterio
sobre a mámoa do antihome
ó carón do deus,
na cinza do daimon.
Ó sol
As árbores
O cheiro a podre".
María Lado, A primeira visión

Proseguimos a nosa longa viaxe pola impresionante península do Barbanza na procura doutros moitos achados arqueolóxicos de gran sona e renome que se concentran polos montes e ribeiras desta histórica comarca coruñesa. Esta viaxe cara o xénese dos tempos, onde trataremos de retratar os máis importantes achados arqueolóxicos da Serra do Barbanza, -tal que dolmens, petróglifos e castros-, comezou fai somentes uns meses, coa visita á noiesa Anta de Argalo. Logo visitaríamos tamén os petróglifos do Monte da Gurita en Porto do Son e os gravados da Pedra das Cabras en Ribeira, amais dos boirenses castros de Achadizo e Punta Neixón. Nembargantes, uns anos antes de comezar esta viaxe, xa tiveramos a sorte de coñecer os máis senlleiros achados arqueolóxicos desta Serra do Barbanza: O Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña. Agora tocaba abandonar as prácidas ribeiras destas terras para ascender até o alto destes impoñentes montes que acougan os ventos do Atlántico. Alí agardarían por nós centos de bestas ceibes e unha infinidade de mámoas.

Dolmen de Casota do Páramo 
Desta volta pretendiamos percorrer e visitar a meirande concentración de dolmens achados por estas terras; as derradeiras antas espidas dos cadaleitos máis primitivos. Para dar con eles tivemos que dirixirnos até o Concello de Boiro. Como diciamos anteriormente, neste concello tivemos o privilexio de coñecer os castros de Punta Neixón e de Achadizo. Agora tiñamos como meta coñecer os seus dolmens, mais non semellaba unha tarefa doada; preocupábanos o vento, o terreo, o afastamento e a soidade que adoitan presentarse no alto das serras. Mais desta volta contaba coa compaña da miña amiga Mónica, polo que a ascensión non sería nin tan dura nin tan solitaria. Saímos da capital municipal de Boiro e collemos rumbo á aldea de Sabuceda. Comezamos a ascender a serra onde dá comezo unha ruta de sendeirismo que conduce até o vértice xeodésico do Castelo de Vitres.  Polo que sabiamos, logo de deixar atrás o lugar de Sabuceda, debiamos seguir ascendendo até atopar un sinal que nos indicase o lugar de A Graña, pertencente á parroquia de Santo Andrés de Cures. Alí daría comezo a nosa andaina, e así fixemos; ó pouco de pasar a carón do lugar de Sabuceda, achamos á nosa esquerda o susodito indicador. Estabamos moi preto xa do noso primeiro obxectivo.

Dolmen de Casota do Páramo
Por estes cumios e montes concéntrase un gran número de necrópoles, a meirande parte delas debidamente catalogadas, como as de Outeiriño do Pan, Outeiriño Redondo, Chan da Figueira, Casota do Páramo, Casarota do Fusiño, A Portela, Armadoiro, Poza da Lagoa, Pedra da Xesta, A Cavada, Porto Traveso, Outeiro dos Corvos, Arca do Barbanza e Sabuceda. Nembargantes, como diciamos anteriormente, somentes quixemos retratar os dolmens, é dicir, aquelas mámoas que perderon parte da súa masa tumularia e que exhiben, nos nosos días, as súas laxes espidas; as súas entrañas. De entre tódalas citadas necrópoles, debiamos procurar os xacementos, as núas laxes de Casota do Páramo 1, Armadoiro 1, Cavada 1, Cavada 2, Arca do Barbanza 1, Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño. Tivemos a sorte de achar case todos os xacementos que tiñamos pensado, agás os de Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño, que terán que agardar a outro momento. 


A Casota do Páramo 1


A primeira necrópole que achamos neste cumio, neste horizonte de mámoas, foi a de Casota do Páramo, que está formada polos xacementos de Casota do Páramo 1 e Casota do Páramo 2.  Localízase entre os lugares de A Graña e Garamelo, na parroquia de San Andrés de Cures. Atopamos as mámoas en ámbalas dúas beiras da estrada, a uns 100 metros do indicador de A Graña. Na banda esquerda achamos as impresionantes antas do dolmen de Casota do Páramo 1, o noso primeiro obxectivo. Achegámonos até este importante xacemento ollando, abraiados, a súa estrutura e as súas dimensións. Este dolmen, duns 6.000 anos de antigüidade, aínda conserva unha gran cámara poligonal irregular conformada por sete xigantescos esteos, conformando unha estrutura case circular, e un corredor curto orientado cara o sueste conformado por outras dúas laxes. O túmulo presenta unhas dimensións no eixo N-S duns 22 metros, e no eixo L-O, duns 15 metros e medio.


No que respecta á altura, o túmulo acada os 2,30 metros. A masa tumularia, nembargantes, acada somentes o metro e medio, mais se a medimos dende o interior da cámara, chegaría a 1,70 metros. Namentres ollabamos as múltiples vistas deste xacemento, achamos unha serie de marcas descontinuas nun dos esteos que poden ser produto de antigas labouras de cantería tradicional.  Contan que a tampa ou laxe de cubrición foi partida e desprazada da súa posición orixinal. Aló polo 1980 leváronse a cabo diferentes estudos neste dolmen que serviron para documentar o sistema de construción do túmulo. Ademais, achouse unha lámina de sílex. Logo de coñecer o exterior do xacemento, decidimos entrar no interior da cámara da Casota e coñecer o verdadeiro tesouro que agocha este dolmen nas súas entrañas. 


Nunha das lousas da cámara achamos uns gravados que lle outorgan a este dolmen un pouco máis de misterio. Ante nós tiñamos unha figura case que antropomorfa, con cabeza, tronco e brazos, embaixo dunha figura que non me atrevería a describir. Nada se sabe, a ciencia certa ou con certo rigor, destes gravados, mais nun dos paneis informativos que ficaba a carón mesmo desta mámoa puidemos ler unha posible interpretación dos mesmos. Alí dicía que estes gravados poderían representar ó deus LUG, “o da man longa” co sol enriba da cabeza. Mais non debemos esquecer que son interpretacións. Ninguén pode chegar a determinar, polo momento e con certo rigor, nin a súa orixe nin o que puido representar. Deixamos tras de nós este impresionante e misterioso dolmen da necrópole de Casota do Páramo para proseguir o noso camiño por este cumio da prehistoria, por este horizonte de mámoas. O seguinte obxectivo sería a necrópole de Armadoiro.


Armadoiro 1


Botamos a camiñar por unha pista de grava cara o oeste, e a iso duns 200 metros, albiscamos na beira esquerda do camiño unha das mámoas da necrópole de Armadoiro. Tratábase de Armadoiro 2, polo que sabiamos que estabamos moi preto do noso segundo obxectivo; o dolmen de Armadoiro 1, que ficaba a uns 70 metros cara o leste de nós. Esta mámoa de Armadoiro 2, moi pouco prominente, conserva somentes tres esteos no seu interior. Logo de ollar moi por riba as súas características, botamos a camiñar cara a outra mámoa que procurabamos e que albiscabamos xa moi preto de nós; Armadoiro 1. A medida que nos achegabamos á mámoa de Armadoiro 1, comezabamos a ver os escasos esteos que, ó igual que Armadoiro 2, aínda resisten neste dolmen. O dolmen de Armadoiro 1 localízase entre as parroquias de Santo Andrés de Cures e Santa María de Nebra, no Alto de Armadoiro. 


O túmulo de Armadoiro 1 presenta unhas dimensións no eixo N-S de 18 metros, e de 19 no eixo L-O, e somentes conserva catro lousas da estrutura megalítica. No que respecta á súa altura, acada os 1,90 metros. Este túmulo conserva nosos nosos días, na súa parte central, un pozo de saqueo de 1,25 metros de profundidade. Ao redor destes poucos esteos que aínda resisten, acháronse abondosos restos de cachotes que semellan evidenciar a existencia, noutrora, dunha coiraza ou estrutura de recubrimento da masa tumularia. Deixamos tras de nós esta segunda necrópole do Barbanza para encamiñármonos agora até a terceira parada nesta viaxe cara o xénese dos tempos. Xa ía sendo hora de coller rumbo á necrópole de Cavada. 


A Cavada 1


Voltamos agora cara a primeira necrópole que coñeceramos nesta xornada, a de A Casota do Páramo, para dende alí cambiar de rumbo e dirixírmonos desta volta por outra pista de grava cara o suroeste. Logo de camiñar aproximadamente uns escasos 500 metros, atoparíamos nunha pronunciada curva, un cruce de tres camiños. Alí, naquel cruce de camiños, achamos as catro mámoas catalogadas que compoñen esta terceira necrópole de A Cavada. De entre estas mámoas, coñecidas como Cavada 1, Cavada 2, Cavada 3 e Cavada 4, somentes pretendiamos coñecer as dúas primeiras, que eran as únicas nas que podiamos detérmonos a observar as súas antas. Esta necrópole localízase, ó igual que as anteriores, na parroquia boirense de Santo Andrés de Cures. Achegámonos primeiro á mámoa de Cavada 1. Esta mámoa fica a carón mesmo do camiño, polo que foi a primeira que visitamos. 


Non foi difícil atopar este dolmen, a mámoa albíscase de xeito claro dende o mesmo camiño debido ás súas importantes dimensións. Achegámonos até el paseniño, tratando de non asustar nin perturbar a paz dos verdadeiros donos deste territorio, as bestas e o gando salvaxe. Este túmulo de Cavada 1 presenta unhas dimensións no seu eixo N-S de case 23 metros e no seu eixo L-O doutros 23. A altura do túmulo acada 1,60 metros. A cámara está conformada por catro esteos; dous orientados cara o norte e outros dous cara o oeste, mais todos desprazados da súa posición orixinal. O grosor medio dos esteos varía entorno ós 12 e 15 centímetros.  Na parte sur desta mámoa achamos unha pequena cova sobre da que se asenta un esteo de 1,40 metros de longo e 65 centímetros de ancho. 


A Cavada 2


Logo de coñecer por riba as principais características deste primeiro dolmen da necrópole de A Cavada, decidimos achegármonos até a outra mámoa que tiñamos previsto coñecer, Cavada 2. Volvemos pois cara aquel cruce de camiños para coller rumbo agora cara o suroeste; a mámoa de Cavada 2 ficaba a escasos metros de nós, de fronte a Cavada 1, somentes nos restaba atravesar o camiño e avanzar un pouco. Namentres camiñabamos cara este segundo túmulo, fomos sorprendidos por un grupo de bestas que se estaban a concentrar preto do dolmen que agora procurabamos. Foi incrible ver como se comunicaban e se arremuiñaban ó galope. A este grupo de bestas debeulles sorprender a nosa presenza neste seu territorio. Ó pouco, fóronse afastando de nós e á fin puidemos achegarnos até o dolmen. Este túmulo, ó igual que Cavada 1, tamén conserva unhas importantes dimensións, chegando a acadar no seu eixo N-S os 22 metros de lonxitude e no seu eixo L-O, os 26. Acada unha altura máxima de 1,20 metros.


Nos nosos días, o interior deste dolmen de Cavada 2 atópase a rentes mesmo  da base do túmulo no exterior, é dicir, que apenas ten profundidade. A cámara componse de oito esteos, mais ningún deles se atopa na súa posición orixinal. Ó parecer, estas pezas foron inclinándose cara o interior. Cinco destes oito esteos sobresaen por enriba da base do cono uns 60 centímetros. Os esteos presentan nos nosos días unhas dimensións moi reducidas, non tanto o túmulo que é dos máis grandes que vimos até o de agora. Ao redor da mámoa tamén achamos abondosos restos de cachote que, ó igual que na mámoa de Armadoiro 2, poden evidenciar que noutrora contase cunha coiraza de recubrimento. Logo de contemplar estoutro dolmen, decidimos continuar o noso camiño. Agora tocaba proseguir o vieiro de grava que nos trouxo até eiquí e coller rumbo ó suroeste.


Estabamos a piques de rematar a nosa viaxe, mais aínda nos quedaba por coñecer unha das máis importantes necrópoles desta impresionante serra; a de Arca do Barbanza. Puxémonos a camiñar por aquel vieiro de grava ansiosos por coñecer a última necrópole desta nosa particular viaxe cara o xénese dos tempos, desta procesión que nos encamiña até os eternos sartegos de pedra dos seres máis primitivos.


Arca do Barbanza 1


Sabiamos que para chegar á Arca do Barbanza debiamos proseguir aquel vieiro, que colleramos para ver o dolmen de Cavada 2, até topármonos co curso do Río Barbanza. Logo teríamos que atravesar e acompañar o río ladeira abaixo até darmos coa necrópole, mais pouco sabiamos do estado do terreo. Pensabamos que o treito a carón do río podía ser dificultoso ou intricado. Logo de camiñar menos de un quilómetro pola pista de grava, puidemos albiscar o curso do Barbanza, que ten por estes cumios o seu berce. O Río Barbanza nace nunha ladeira do Monte Xestoso, neste mesmo Concello de Boiro e a uns 540 metros de altitude. O curso deste río que morre na Ría de Arousa é moi curto, de somentes 12 quilómetros. Cruzamos o río, que por estes cumios da serra aínda é un regato, e comezamos a acompañar o seu curso. Internámonos nunhas pradarías ateigadas de humidade. Foi toda unha sorte comprobar que o terreo era máis chán do que pensabamos previamente. Para chegar até a necrópole debiamos acompañar o río pouco máis dun quilómetro ladeira abaixo, mais non existía unha pendente demasiado pronunciada. Somentes tiñamos que camiñar por unha húmida e verdescente pradaría.


Namentres camiñabamos, a miña amiga Mónica ficou atónita ante un suceso que acabara de observar. Ó outro lado do río atopamos unha manada de bestas que ficaban deitadas sobre da herba. Mónica, que coñece ben o comportamento dos cabalos, xa que é unha apaixonada destes animais, contoume que os cabalos non adoitan ficar deitados. Estes animais somentes se deitan cando están moi tranquilos, xa que lles leva un certo tempo erguerse e ese feito pode ser aproveitado por outros depredadores para darlles caza. Non cabe dúbida de que a liberdade da que gozan estas bestas nestes cumios do Barbanza, apórtalles a paz e a harmonía que estes animais precisan. Neste noso camiño tivemos tempo para achar tamén unha gran cantidade de restos óseos e caveiras das bestas, poldros e tenreiros  falecidos. Logo de atravesar uns pequenos regatos que verten as súas augas no curso do Río Barbanza, comezamos a albiscar dende o lonxe as dúas mámoas que compoñen a necrópole de Arca do Barbanza. Á fin estabamos a carón da derradeira xoia megalítica desta xornada, ante o impresionante xacemento de Arca do Barbanza. Esta necrópole localízase tamén na parroquia boirense de Santo Andrés de Cures. Dirixímonos directamente cara a mámoa de Arca do Barbanza 1 para ollar de preto a cámara e as características deste impresionante e monumental xacemento.


Este dolmen atópase a uns 40 metros do curso do río, somerxido no fondo dun val pouco pronunciado. As dimensións do túmulo, de 20 metros de diámetro e 1,80 de altura, deixáronnos abraiados. A cámara, conformada por 10 esteos, atópase nun bo estado de conservación, aínda que non conserva a laxe de cabeceira. Pénsase que puido ser fragmentada ou soterrada no interior da cámara. Este dolmen, que sobresae uns 80 centímetros sobre da superficie tumularia, conserva as tres laxes de cubrición, aínda que todas elas fican desprazadas da súa posición orixinal. A lonxitude total desta cámara, xunto co corredor, supera os seis metros e medio, e de ancho acada os 4,3 metros. Aló polo 1980, ó igual que A Casota do Páramo 1, foi obxecto de estudos onde se tomaron mostras no interior da cámara que aportaron un pouco de luz no que respecta ó seu proceso construtivo. Ollamos todas e cada unha das posibles vistas deste impresionante xacemento de Arca do Barbanza 1 e pensamos que eiquí era o mellor lugar para poñer o punto e final a esta aventura. Foi unha mágoa non poder achar os outros dolmens que procurabamos, os de Outeiriño Redondo e Casarota do Fusiño, mais a bo seguro que algún día volveremos até estes afastados e solitarios cumios para retratalos como se merecen.  Agora somentes nos restaba despedirnos deste universo de mámoas, destes cumios dominados polas bestas, e desexar que esta viaxe barbancesa cara o xénese dos tempos non faga máis que comezar.

Ningún comentario: