xoves, 6 de febreiro de 2014

O Castelo de Doiras e a lenda de Aldara


“Nos Ancares unha néboa mesta
agocha os lugares agochados,
enfariñados de ausencias.
Pariu o orballo na friaxe
pingas acedas que son pranto
de estériles primaveras.
O pranto do desespero
O pranto da soidade
O pranto da desfeita.
Fuxiu a pita do monte,
fuxiu a corza branca da esperanza
dos seus prados a silveiras
No Cuíña, no Tres Bispos, no Mustallar
esmorecen de tristura
os capudres e as acivreiras”.
Toño Núñez

Este pasado Nadal, namentres percorriámola muda e solitaria Serra dos Ancares, e logo de deixar atrás o histórico lugar de Pontes de Gatín, collemos rumbo ós brancos cumios de Vilarello de Donís e San Miguel de Cervantes, onde quedaramos tirados por culpa do xeo, a neve e a inconsciencia. Denantes de que todo isto sucedera, tivemos a sorte de topármonos, case que por casualidade, baixo a sombra dunha fortaleza impresionante que resiste, nestas duras montañas, os séculos, os fríos e as nevaradas. Nesta mesma viaxe xa tiveramos oportunidade de coñecer a Torre de Doncos e parte da súa historia, e agora, case sen decatármonos, estabamos a carón doutro castelo galego que, a pesares de ficar abandonado nos nosos días, é un dos meirandes atractivos que conserva esta extrema comarca. Non podiamos proseguir o noso camiño sen coñecer máis polo miúdo o estado de conservación deste castelo, a súa historia e as súas lendas. Detivémonos pois, ante o impoñente Castelo de Doiras. Esta fortaleza sitúase a uns 750 metros de altitude i é o monumento máis importante do concello lugués de Cervantes. Este castelo, tamén coñecido como Torre de Ferreira, Ponte de Doiras ou Castelo da Ferrería, fica na parroquia de San Xoán de Vilaspasantes, no alto dun petouto a carón do Río Cancelada. 


Estabamos de novo na Reserva Natural e da Biosfera dos Ancares Lucenses, na terra esquecida e deixada onde “esmorecen de tristura os capudres e as acivreiras”. A pesares de que se albisca dende varias leguas á redonda, non resulta nada doado achar a entrada desta vella fortaleza. Somentes puidemos acceder pola parte sur, onde ollamos un letreiro que o sinalaba. Detivémonos fronte unha rexa cancela que semellaba ser a entrada principal do castelo. A pesares de que sabiamos que aquela fortaleza era privada, e que non sería sinxelo coñecela de preto nin moito menos entrar nela, o meu amigo Adrián tivo o acerto de comprobar se a cancela estaba de todo pechada. Para sorpresa de todos, a porta estaba aberta. 

De non ser pola iniciativa e o atrevemento dos meus camaradas, Samuel e Adrián,  non tería traspasado aquela cancela.  O certo é que xa estabamos alí, non había volta atrás. Decidimos aproveitar o momento e retratar estoutro castelo galego esquecido e abandonado. Entramos na vella fortaleza privada paseniño, ollando cada recanto, cada torre, cada amea, pensando se estabamos a facer o correcto. O certo é que Doiras mostrounos máis do que agardabamos; as súas entrañas, os seus pasadizos, a súa historia e a súa lenda. A construción inicial desta fortaleza medieval, segundo a apreciación do estudoso Ángel  del Castillo, semella datar da segunda metade do século XV. Nun principio pertenceu á familia Moirón, mais co tempo pasaría a mans do Conde de Graxal de Campos, Señor de Cervantes. Este título recaería tempo despois no Duque de Sesto, que o ostentou até o ano 1909. A comezos do século XX, a Fortaleza de Doiras sería adquirida polos Martínez Baladrón, mais logo iría pasando de man en man ata que na década dos noventa sería novamente habitada, mais desta volta non serían condes nin señores os seus donos, senón unha parella de artesáns. Nos nosos días, en concreto dende o ano 2000, o Castelo de Doiras pertence á Fundación Xosé Soto de Fión. Agardemos que os seus actuais propietarios non tomen represalias contra nós, deixamos todo como estaba... Esta fortaleza, erixida integramente en cachotería de lousa, posúe unha planta rectangular, duns 25 por 21 metros, e uns rexos muros que acadan os oito metros de altura en 1,5 de grosor. Entramos no patio da honra a través dunha porta de madeira cun arco de medio punto abrazado polas hedras. 

A fortaleza posúe dúas torres en moi bo estado de conservación. Unha delas, a da homenaxe, acada os 16 metros de altura e posúe unha planta rectangular, duns dez por oito metros. A outra, de planta circular, é moito máis pequena. Ámbalas dúas torres conservan todas e cada unha das súas ameas. Logo de percorrérmolo patio da honra, subimos ó alto dos muros a través dunha escalinata que achamos no vértice onde se sitúa a torre circular. Ficamos mudos e abraiados pola fermosura e a dureza da paisaxe. Dende o alto daqueles muros albiscamos a contorna de Doiras, os nevados cumios dos Ancares e os vales infindos que espertan inmersos nas preguizosas sabas da bruma. Todo aquel universo semellaba ficar baixo as nosas miradas. Logo de contemplar as marabillosas paisaxes dende o alto dos muros, decidín achegarme onda os meus camaradas, que xa andaban a percorrer os tres principais andares e demais dependencias da Torre da Homenaxe. No interior da mesma puidemos visitar as principais estancias e diferentes andares onde achamos unha enorme lareira, así como numerosos mobles antigos e moito lixo en xeral. Movémonos polos tres principais andares a través dunha escaleira de madeira que parecía virse abaixo en calquera momento. Tratamos de ascender paseniño até o terceiro andar a pesares de que aquelas táboas rinchaban máis e máis a cada paso. 


Detivémonos no terceiro andar, pois non podiamos subir até o alto da Torre da Homenaxe, debido a que non existían escaleiras. Logo de contemplar dende a torre unha paisaxe máis vertixinosa que a que acabaramos de ver dende o alto dos muros, decidimos descender e coñecer as estancias inferiores desta torre. Volvemos a pisar aquelas escaleiras con moitísimo tento e precaución. Ó chegar ó primeiro andar, decidimos descender até a planta baixa da torre. Alí achamos unhas celas escuras e húmidas ateigadas de lixo i escombros. Poucas veces na miña vida teño gozado tanto nas entrañas dun castelo, pois aínda a pesares de que este fique abandonado, garda todo tipo de recordos dos seus antigos moradores, e ademais, a súa estrutura non está danada, todo o contrario, fica nun excelente estado de conservación. Logo de coñecer as escuras entrañas desta fascinante Torre da Homenaxe, decidimos saír ó patio da honra para tratar de recrear a triste lenda que atesoura este castelo. Contan que fai moitos anos eiquí viviu unha moza fermosa, unha auténtica doncela coñecida como Aldara. Esta guapa rapaza estaba prometida cun cabaleiro da contorna, e pronto ía ter lugar o casamento. De xeito misterioso, Aldara desaparece da fortaleza. O pai da doncela, un cabaleiro coñecido como Froiaz, estívoa buscando coa axuda do seu fillo Egas e seu futuro xenro. Fixérono durante anos, nas máis escuras noites e nos máis fríos invernos. Logo de moito buscar sen obter ningún resultado, a familia acabou dando á  rapaza por morta, pensando quizais que fora devorada por algún lobo famento ou algunha outra fera salvaxe. 


Anos despois Egas, o fillo do cabaleiro Froiaz e irmán de Aldara, saíu ó monte co obxectivo de dar caza a algún animal para o xantar. Namentres camiñaba puido albiscar ó lonxe unha corza branca como a neve. Apuntou co seu arco e sen pensalo dúas veces, cunha soa frecha abateu ó animal. Egas non pensara no difícil que sería transportar o corpo do animal dende o monte ata o castelo, pois pesaba moito e a neve non axudaba nada. Foi entón cando decidiu cortarlle unha das patas dianteiras para levala consigo e dar proba da súa fazaña. Cando Egas chegou de volta ó castelo, foi onda o seu pai para mostrarlle a peza que cazara. Mais no momento no que baleirou o seu saco, o que apareceu non foi precisamente a pata dianteira daquela corza branca, senón unha man pálida, fina e suave; de fidalga. Nun dos dedos daquela man ensanguentada lucía un brillante anel de ouro cunha pedriña vermella. Naquel preciso momento, pai e fillo miráronse fixamente e lembraron que aquel anel era o da súa Aldara. Ámbolos dous colleron rumbo ó monte, cara o lugar onde Egas dera morte a aquela corza branca. Cando chegaron ó lugar atoparon o resto do corpo da fermosa doncela tirado no chan, ensanguentado e sen unha das súas mans. Ó parecer, Aldara fora enfeitizada e transformada en corza. Coa súa morte, volveu ó seu estado natural. Pénsase que esta desgraza puido ser obra dalgún mouro, mais nunca se soubo o por qué. Deixamos tras de nós este impresionante e lendario Castelo de Doiras pra seguir a percorrer os máis esquecidos recunchos que agocha tras de si esta máxica e fría Comarca dos Ancares

2 comentarios:

Samu dixo...

Parabéns pola entrada Amigo.
So a realidade supera a túa redacción, nembargante só a túa redacción nos transporta a tódolos lectores a realidade deses paraxes máxicos e cheos de natureza o igual que si estivéramos alí.
Unha aperta e agardo impaciente pola próxima saída.

Iván Fraga dixo...

Moitísimas grazas Samu, meu compañeiro de estudos, de camiño (sanabrés) e de viaxes; meu bo amigo. É un grande honor escoitar as túas verbas. Esta fraga é túa. Unha aperta e viva a Costa de Dexo, viva o branco seixo, viva Sada!!!