mércores, 5 de decembro de 2012

A lendaria resistencia da Torre da Caldaloba



"Dona Constanza, a auga pezoñenta
apousouche nos labios flor de morte.
A carraxe que a sede foi máis forte,
a traizón foi que a morte máis cruenta.

Raza do Mariscal, raíz violenta,
afondaches na terra cando o Norte
virou cara a Castela como a sorte,
como a xente ao lume que máis quenta.

Por iso volverás en cada hedra
a abrazar contra o olvido e o desleixo
este teu Vilaxoán de pedra a pedra.

Miña señor, na Cal da Loba deixo
toda a sede de Patria que nos medra
e a auga de Galicia coma un beixo".
Marica Campo. Mulleres

Houbo un tempo no que esta vella Patria foi unha das nacións máis prósperas e cultas de Europa. As terras da antiga Gallaecia ficaban en relativa autonomía, e dende facía séculos unhas cantas familias nobres repartíanse o poder coa Igrexa. Nembargantes, a mediados do século XV, unha gran parte da metade oriental do chan galego estaba dominada por tan só dúas liñaxes con moita historia. Por unha banda, e máis ó norte, o Mariscal Pero Pardo de Cela era señor dun extenso feudo e dun gran poder, obtido tras reducir as revoltas irmandiñas. Mais non estivera só naquela loita; os Condes de Lemos eran aliados e amigos, e controlaban unha gran parte do sur lucense dende a súa señorial fortaleza deMonforte. De feito, o Conde de Lemos entregou á súa filla Isabel de Castro en matrimonio ó seu vello amigo e compañeiro de batallas, o Mariscal. Co paso do tempo, as relacións entre Pardo de Cela e a familia de Lemos foise deteriorando por mor de absurdas disputas territoriais. Aínda así, os dous vellos camaradas limaron asperezas cando os sons da guerra volveron ameazar as montañosas fronteiras do país, tomando partido na Guerra Civil que estaba a devastar as ermas e secas terras de Castela. Mais trabucáronse, e apoiaron o bando perdedor.


Anos atrás, da unión de Pardo de Cela e Isabel de Castro,  nacera unha rapaza que estaba destinada a ser unha das mulleres máis fascinantes e valentes da historia deste vello país asoballado, Constanza de Castro. A aquela nena corresponderíalle herdar os dous grandes imperios señoriais da época. Nas súas meniñas, o vello Mariscal albiscaba a esperanza e o futuro da nobreza galega, e da soberanía do antigo Reino de Galicia. Cando comezou a guerra, Constanza xa non era unha rapaza, e estaba disposta a facer o necesario para defender o legado de seu pai, custase o que custase.
Logo de percorrer as longas verdescentes terras chairegas, acadamos a contorna da Balura, lendario lugar onde aconteceu o triste desenlace da historia de Constanza de Castro, a loitadora filla de Pardo de Cela. De súpeto, preto da aldea de Infesta, no concello lucense de Cospeito, albiscamos o dominante outeiro de Couto de Mato, cuberto dunha espesa fraga. Alí tivo lugar a derradeira resistencia ó asoballamento de Castela. Seguimos as pegadas destes últimos combatentes, e profundamos nas negras entrañas do bosque. A escuridade cínguese sobre de nós, e as ramaxes semellan franquearnos o camiño. 
As arañas, eternas tecedoras, penduran barreiras invisibles entre os vellos troncos dos castiñeiros. De súpeto, ábrese ante nós un estreito corredor acubillado entre dous elevados valos cubertos de maleza. Imos circundando esta vella estrutura, o único que queda do antergo castro que dominou este monte dende antano. Os camiños que ascenden polo outeiro, transitan polo fondo dos catro foxos desta esquecida fortaleza castrexa, baixo a sombra dos piñeiros e dos loureiros. Á fin, e tras percorrermos as intransitables corredoiras, albiscamos entre as ramaxes de castiñeiros e loureiros, os escuros e silenciosos muros do esquecido e lendario Castelo de Vilaxoán, a fachendosa e señorial Torre da Caldaloba, derradeiro bastión da resistencia.
Unha fría mañá de outubro de 1483, a xente arrodeaba a praza da Catedral de Mondoñedo para asistiren ó que pensaban que sería o final daquela dura e sanguenta loita. Aquela mañá, os mercenarios dos vitoriosos reis de Castela, condenaron a morte e decapitaron publicamente ó derrotado e traizoado Mariscal Pardo de Cela. Dende había un tempo, ata os Condes de Lemos, vellos compañeiros de batalla, recuaran na loita, deixándoo só fronte ó exército máis poderoso do seu tempo. Dona Constanza de Castro, a combatente filla do Mariscal, cos ollos asolagados polas bágoas, e namentres ollaba o sangue de seu pai escorregando pola fría praza, xurou defender o seu legado, e vingar a inxusta morte do seu amado pai. Constanza estaba disposta a entregar a súa vida pola soberanía das súas terras, e a liberdade da súa ilustre liñaxe. Reuniu o que quedaba do maltreito e derrotado exército de seu pai, e refuxiouse xunto ao seu home Fernán Ares de Saavedra nunha vella torre no medio da chaira lucense. Era unha das derradeiras que quedaban do agora asoballado imperio dos Pardo de Cela; a fachendosa e rexa Torre da Caldaloba, ergueita sobre un outeiro no medio dos camiños que atravesan o Támoga e o Miño cara Vilalba.
Semella que aínda se escoitan os ecos do balbordo da batalla por antr’a fraga. Segundo ascendemos, podemos recender vellos tempos de loita e resistencia. Ante nós érguense os muros esgazados do vello e derradeiro refuxio de Dona Constanza. 


A señorial torre da homenaxe do Castelo de Vilaxoán sobrevive a duras penas, derrubada en parte polo tempo e o abandono. Non foi a batalla a que fendeu os rexos muros de lousa e granito, nin a que derrubou o seu fermoso teito abovedado; pois Constanza e os seus non morreron por mor do combate.
Arrodeando os vellos muros daquela torre lendaria, contemplamos a escuridade e a humidade que se apoderan pouco a pouco das súas ruínas. Adentrámonos nas entrañas mesmas da torre, apartando a duras penas as hedras que apertan eternamente os muros esgazados. Franqueámo-la porta e uns morcegos foxen polo teito derrubado, namentres as constantes pingueiras rachan o silencio, aquel silencio sepulcral. O chan escorrega e fica tinguido cun espeso manto de liques e musgo. Unhas poucas herbiñas ventureiras medran no fondo daquel foxo de esquecemento, aloumiñadas polas grises raiolas que se filtran polo teito. As silenciosas pantasmas pasean agora por pisos derrubados, por atr’os muros fendidos polo tempo e a traizón, baixo a derrubada bóveda da antano señorial Torre da Caldaloba.


Podemos imaxinar a Constanza de Castro no alto da torre, ollando con desesperación a chegada dos triunfantes exércitos dispostos a arrebatarlle o único que lle quedaba. A resistencia durou once longos meses, nos cales os homes de Constanza loitaron por sobrevivir fronte ós asaltos dos soldados do comendador castelán, Diego López de Haro. Ningún deles estaba disposto a renderse, nin a axeonllarse ante aqueles reises estranxeiros que viñan a saquear e a dominar as antigas terras da Gallaecia. Finalmente, a sede fixo que procuraran auga nun alxibe contaminado, e todos eles foron morrendo pouco a pouco. Aquela muller, derradeira espranza dunha Galicia soberana, preferiu morrer envelenada antes que ver sometido o legado de seu pai ás rexas cadeas de Castela.

3 comentarios:

navegacruz dixo...

Gustoume moito, non está lonxe mais non coñecía este lugar. Semella que me vai gustar: pedras con historia, lugar pouco transitado... espero ir en breve.
Saúdos, compañeiro!!!

Anónimo dixo...

Bello cantar que aparece al principio, no lo conocía, a pesar de tener garn información por ser descendiente directo de Constanza y Fernan Ares de Saavedra. Un abrazo, G Saavedra

Iván Fraga dixo...

Moitísimas gracias polas súas verbas, G. Saavedra, e que grande honor ter a oportunidade de falar cun descendente da familia! Anímolle a pasarse por esta fraga sempre que o desexe.

Un cordial saúdo!