luns, 26 de novembro de 2012

Arca da Piosa, leito do heroe Brandomil


“Arca antiga da Pïosa,
o vento q' he triste oir,
funga nas esquivas uces,
q' están o redor de tí;
e pasa antr' elas bruando,
con un dorido gemir:
debaixo das tuas antes,
'stá o valente Brandomil;
non no olvido, mais nos brazos
do eterno e doce dormir:
ten o seu lado dereito,
o elmo dourado e gentil,
o' escudo, e a dura lanza
ond' o sol, soía ferir;
e con pracer os celtas contempraban,
de Xallas no ermo confin”
.

Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos


Un horizonte incerto semellaba non dar tregua ás extensas e fértiles terras do Xallas. Unhas tímidas raiolas de sol a penas eran quen de atravesar os escuros trebóns que se estaban a achegar de xeito ameazante cara nós. As amplas e verdescentes terras da contorna estendíanse ó noso redor até perdérense de vista. Terra habitada dende tempos inmemoriais por civilizacións esquecidas das que somentes quedan os derradeiros vestixios. Terra de dolmes, de antas milenarias e mámoas sobre as que pastan as ovellas.
O bardo Pondal coñecía ben estas terras e os seus misterios máis remotos. Quen sabe canto non tivo que camiñar, cantas chairas por percorrer na procura desas xoias que os antergos nos deixaron legadas. Foi un dos pioneiros da nosa cultura, un dos poucos poetas que, aló polo Rexurdimento, resucitou a literatura galega despois de tres séculos de escuridade. Mais tamén, o noso senlleiro poeta tivo a sorte de nacer nunha familia acomodada a carón do Anllóns. Home de gran cultura e sabedoría, Pondal podía percorrer as longas terras da súa contorna para procurar, nos antigos monumentos megalíticos, a inspiración e o lugar onde recrear as xestas e batallas da vella estirpe dos fillos de Breogán.

Profundamos nos montes do lugar de Baíñas, no concello de coruñés de Zas, seguindo as pistas que nos levan camiño de Linde, para recrear as viaxes do Bardo, a través destas terras tan profundamente pondalianas. Nembargantes, de seguro que por aquel entón, a finais do século XIX, os camiños non eran os mesmos. Tampouco a paisaxe. O vestixio que procuramos, unha das necrópoles megalíticas máis importantes do país, atópase no corazón de Couto Muíño, unha vasta explotación forestal de eucalipto. Un eucaliptal, en definitiva, mais desta volta, de carácter industrial. Unhas inoportunas pingas de choiva comezan a caer sobre do chan vermello e lamacento, estéril pola invasora acción das raigames insaciables dos eucaliptos, chantados e segados en frías ringleiras ó longo do monte. Comezamos a subir a pista destruida pola maquinaria agrícola, pensando en que diría o Bardo se vira a contorna e a paisaxe que arrodea a vella Arca da Piosa. 
Á fin, logo de perdérmonos polas innumerables pistas que se entrecruzan no alto de Couto Muíño, albiscamos un amplo claro circular completamente deforestado, onde somentes son quen de medrar os breixos e as toxeiras. Alí, no centro daquel perímetro artificial, no alto daquel monte agora descoñecido, descansan os restos do heroe Brandomil. Segundo nos achegamos, imos comprendendo o asombro que debeu sentir o Bardo. De seguro que un dolmen desta talla somentes podía ser a fastosa tumba dun heroe das antigas castes celtas que poboaron a bretemosa e verdescente conca do Xallas, alá polas antigas ibdades. Contemplamos as súas grandes dimensións, as amplas e voluminosas antas que dominan o conxunto. Achegámonos ata a mámoa, dunha ducia de metros de diámetro e conservada en parte. Das súas entrañas emerxen os xigantescos ortóstatos, izados cara o ceo fai máis de cinco mil anos polas tribos primitivas do noso país. Conserva catro, formando unha ampla cámara poligonal de máis de tres metros de longo. O acceso actual a este escuro e húmido coveiro dos mouros, realízase polo burato que deixou un ortóstato desaparecido, vítima coma de costume dos saqueos que sofren este tipo de vestixios. A cámara fica cuberta por unha xigantesca anta, de dimensións sobrecolledoras. 


Coma sempre, resulta inexplicable comprender como puido ser izada unha peza tan voluminosa con medios tan rudimentarios como os que podían existir no III ou IV milenio a.C. De súpeto, uns fortes refachos comezan a sacudir as ramaxes dos escasos breixos que medran a redor do dolmen. As pingas comezaron a caer cada vez con máis intensidade, obrigándonos a buscar o acubillo nas entrañas mesmas da Arca da Piosa, o túmulo baixo o que repousan os restos do heroe Brandomil, antigo guerreiro pondaliano de “elmo dourado e dura lanza”. Unha ves baixo as antas, descubrimos a amplitude da cámara, e comprendemos que o acceso actual non era a entrada orixinaria. O corredor, dun metro de longo e orientado ó amencer, está formado por tres ortóstatos, e unha xigantesca anta paralela á principal. O devalar dos séculos, provocou que unha das pezas laterais do corredor cedera, provocando unha fenda do teito do corredor ó precipitarse a anta sobre dela. No interior, os liques aportan a cor neste escuro coveiro; liques enferruxados, ennegrecidos polo tempo, e superpostos en infinidade de verdes ó longo dos séculos. O musgo e os fentos testemuñan a eterna humidade que reina nas entrañas do dolmen de Arca da Piosa. Loable fazaña da enxeñaría máis primitiva, estímase que este conxunto de máis de oito metros de longo, pode pesar a redor de trinta e cinco toneladas. A precisión coa que a xigantesca anta se mantén en perfecto equilibrio sobre dos afiados ostóstatos, non deixa de asombrarnos. 


Mentres ficamos atrapados nas mesmas sensacións que debeu experimentar o noso Bardo, lembramos os versos deste poeta entre os poetas, rumorosa e rouca voz do chan dos bos e xenerosos. Fora, o temporal non acouga, e azouta as vellas antas con furia, namentres o vento asubía con furia por antre as laxes. Cantos temporais, cantos séculos, e cantos milenios sobreviviu aquí a vella tumba, a través de ibdades infindas, perdurando de xeración en xeración. É a tumba do vello heroe, do guerreiro esquecido, do fero e valente Brandomil.

Ningún comentario: