domingo, 21 de outubro de 2012

As cristalinas augas da Praia da Cova


"Onde 'stá a cova do sono,
No céltico carballal;
Cántalle cantos ousados,
Q' esforzado o peito fán;
Cántalle o que já cantára,
O nobre bardo Gundar:
A luz vírá para a caduca lbéria,
Dos fillos de Breogán!"
Eduardo Pondal. Queixumes dos Pinos

Contan os vellos que aínda habitan nas remotas aldeas da ribeira miñota, que as augas do noso eixo da patria foron fogar de lendarias criaturas, metade home, metade peixe, que ás veces se deixaban ver nalgúns recantos do curso do Miño. Pode que estes seres con branquias recalaran alguna vez nas prácidas ribeiras da paraxe de A Cova, ós pés do maxestoso meandro de Cabo do Mundo.


Faláronnos da fermosura e beleza dun encrave a pé de río onde as augas semellaban espellos, e onde a area dunha xeitosa Praia fluvial, se mesturaba coa auga e co ceo.  Facemos parada no lugar de Seoane, ante a antiga abadía de San Martiño da Cova, no concello lucense de O Saviñao. Ó noso redor, e namentres procuramos un acceso ata a praia, milleiros e milleiros de cepas de mencía esténdense até perdérense de vista. Os socalcos do viño dos césares semellaban infranqueables, e cortaban a nosa baixada ata o tan ansiado lugar, facéndonos sentir máis e máis desorientados. Unha muller e o seu pequeno canciño saíron d’antre as vides ó percatarse da nosa presenza. Foi ela quen nos guiou ata o noso pretendido destino. Baixamos entre carballeiras ateigadas de ourizos aínda verdescentes e pechados. As ramaxes non deixaban paso ós raios dos abrentes, e os bosques respiraban bafo e humidade. Á fin achamos o pequeno remanso do Cabo do Mundo, a praia fluvial da Cova.


Este sereno e belido recanto amosa unha pequena enseada de area onde as augas do Miño remansan e permiten un prácido baño nas calorosas tardes estivais. Un pequeno e antigo dique de pedra adéntrase nas augas, e dá servizo ás pequenas embarcacións recreativas que, de cando en vez, se achegan ata a Cova para disfrutaren da paz e o sosego deste pequeno paradiso. Aquí tamén se poden albiscar as máis fermosas e verdescentes fragas da ribeira miñota. As pólas dos ameneiros e os salgueiros acariñan a superficie cristalina das augas, namentres o silencio se estende ó longo e ancho, somentes roto polo asubío dos paxaros e o rebulir dos cabaliños do demo. Mais este lugar agocha outros moitos segredos. Sobre da area, entre as crebas que recalan na beira mesma da enseada, achamos a fornida armadura dun cangrexo de río. A súa exótica cor violácea chamounos a atención, mais logo soubemos que se trataba dun exemplar de Procambarus clarkii, unha especie invasora de orixe americano que foi desprazando ó fornido Austropotamobius pallipes, o cangrexo autóctono de río. A especie invasora chegou ás augas do Miño por mor dunha moda gastronómica de anos atrás, e dende entón non deixou de estenderse, desprazando ó noso autóctono crustáceo até a súa case total extinción.


Mais baixo estas augas habitan outras moitas criaturas, algunhas delas tan singulares coma o aguaneiro ou toupa de río, un roedor de fociño atrompetado que busca o acubillo das ribeiras para procurar os insectos e pequenos anfibios que constitúen a súa dieta.  Tamén habitan nestas ribeiras as londras e todo o tipo de mamíferos que se achegan ata aquí para saciaren a súa sede. Por non falar dos innumerables peixes; troitas, salmóns, anguías, bogas ou o singular espiñoso, que constrúe os seus xeitosos niños subacuáticos nestes prácidos remansos, adoitan verse nestas augas. Nas ribeiras do Miño atopan tamén o seu hábitat ideal multitude de aves como as anátides, ou o case extinguido sisón. A riqueza destas ribeiras, ateigadas de mestas fragas e longos socalcos de uva mencía, é un lugar perfecto onde criar e alimentarse.  
Nesta época do ano, a folla da vide tórnase púrpura e vermella. As centenarias cepas chegan ata a ribeira mesma do lugar da Cova, namentres na ribeira oposta, xa en terras de Chantada, as fragas esténdense ó longo de innumerables hectáreas cubrindo de infinidade de verdes o esgrevio macizo de Cabo do Mundo.

Ningún comentario: