mércores, 25 de marzo de 2009

Cambados: viño, mar e pazos


"A ti meu Cambados
probe e fidalgo e soñador,
que ó cantareiro son dos pinales
e ó agarimo dos teus pazos lexendarios,
dormes deitado ó sol
a veira do mar"

Ramón Cabanillas

Esta semana adentrámonos de cheo no corazón do Salnés, no concello de Cambados. Esta fermosa vila mariñeira das Rías Baixas pontevedresas agocha o encanto do señorial Pazo de Fefiñáns, a Torre de San Sadurniño e as súas mexilloeiras pedras ribeirás, ademais de ver nacer ó poeta da raza, Ramón Cabanillas, e ós escultores Francisco Asorey, Manolo Paz e Francisco Leiro. Esta vila de pazos, a carón da desembocadura do río Umia, está catalogada como Conxunto Histórico Artístico, e a súa historia fala de invasións viquingas dende o S. IX, e ante este perigo erguéronse as murallas defensivas da Torre de San Saturniño, que agora agonizan testificando os lendarios combates da súa anterga historia. Cambados ten un produto estrela, o Albariño, e o primeiro fin de semana do mes de agosto celébrase a festa deste autóctono blanco con Denominación de Orixe Rías Baixas, que non pode faltar na farturenta e admirada mesa galega. Así que xa sabedes, este agosto, todos a Cambados! Que nunca nos falte Cambados, nin albariño, nin o Poeta da Raza, pois “A nosa terra é nosa”!

mércores, 18 de marzo de 2009

A Fonmiñá, o berce do Miño


A Marina Ónega, da Pastoriza
"Frorón antíguo d'o chao gallego,
Por entre frores dános o rego
D'a sua rica fonte Miñá."

Valentín Lamas Carvajal

Nas labregas terras do concello lugués da Pastoriza, a lenda fálanos dos Xacios, seres metade persoa e metade peixe que vivían sumerxidos baixo as augas da Lagoa de Fonmiñá. Esta paraxe comparte co Pedregal de Irimia, no Concello de Meira, o privilexio de enxendrar ao mesmísimo Río Miño, a franxa celeste que atravesa a nosa bandeira. Pero se algo ten de peculiar esta lagoa, son as burbullas que emerxen á superficie e que tradicionalmente se coñecen coma Os ollos do Miño. Este fenómeno xeolóxico é a surxencia cárstica; as rochas calcáreas permiten que o caudal subterráneo do río atope unha saída disolvendo a rocha, e isto produce que as burbullas emerxan á superficie. Estas terras están situadas a uns 600 metros de altitude, e fican nutridas por diversas fontes, mananciais e regatos para enxendraren ao pai dos ríos que sacian a sede da meirande parte das terras do noso país.
O Miño comeza a súa andaina pola Terra Chá e remata o seu curso no Atlántico, aló polas terras do Rosal. Non cabe dúbida de que esta distinguida lagoa e o Pedregal de Irimia, constitúen o nacemento do río que atravesa e nutre ó seu paso o chan galego. Agora somentes queda desexar longa vida á Lagoa de Fonmiñá, e que non deixen de emerxer os Ollos do Miño do seu máxico e uterino berce.

xoves, 12 de marzo de 2009

A Fervenza do Toxa


"O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.
Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos"

Gonzalo López Abente

Os primeiros abrentes primaverais reflicten a súa luz nas augas do Toxa, en terras do Deza. Esta fermosa paraxe do concello pontevedrés de Silleda forma parte do espazo natural protexido do sistema fluvial Ulla-Deza, onde o Río Toxa, un afluente do Deza, morre nunha espectacular fervenza duns trinta metros de caída. Nestas húmidas ladeiras conviven fauna e flora moi variada; dunha banda raposos, teixóns, curuxas das xunqueiras, falcóns, xabaríns ou gatos bravos; e, pola outra, silveiras, fentos, carballos, salgueiros, acivros e os máis fermosos loureiros. As súas augas, naturalmente, son albergue das mellores troitas, de morcegos, lontras, rás e lagartos de auga. Pero se algún exemplar se distingue dentro deste pequeno paradiso esa é a xesta. A lenda conta que se deberá facer un nó nos seus ramallos para que a vida permita ao viaxante voltar a este privilexiado lugar. Preto desta paraxe, descansa o mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro, que data do século X, e que se sitúa nun fermoso e admirable espazo natural destas nutridas terras da Comarca do Deza. ¡Que os viaxeiros de López Abente atopen nestas terras o seu perdido camiño!

xoves, 5 de marzo de 2009

Benvidos ó Castelo de Pambre


“Creador dun tempo novo o Rio Pambre, no seu ir de prata
é un sen-lugar onde os deuses nunca teñen morto”.
Cesáreo Sánchez

Aló polo S. XIV érguese o Castelo de Pambre, de man de Don Gonzalo Ozores de Ulloa e á beira do río Pambre, no concello lugués de Palas de Rei. Este castelo foi o único supervivente das Revoltas Irmandiñas, e na actualidade é unha autentica xoia de arquitectura medieval militar do noso país.
A historia irmandiña selou a tregua co castelo de Pambre en terras de Melide, tralo entendemento entre Sancho Sánchez de Ulloa e os sublevados. O castelo foi tamén hospedaxe para solitarios peregrinos que cuarteaban leiras de camiño a Compostela. En 1484 pasa a mans dos Condes de Monterrei, e na actualidade é propiedade de Manuel Taboada Fernández.
A nosa viaxe polas terras da Ulloa foi curta, mais visitar este nobre fogar de granito foi todo un privilexio, pois resulta impactante ficar de fronte ao castelo máis respectado das históricas Revoltas Irmandiñas.¡Que as portas do Castelo de Pambre fiquen por sempre abertas para a súa xente!

Déixovos cunha descripción desta fermosa paraxe:

"Levántase nun polmontorio que se avanza de Sudeste a Noroeste sobr' o río Pambre. A ladeira, que mira ao Nordés, está cuberta d' arbolado, e d' erbeiras, e parece un terreno tan boo, como si poidera dar o azafrán; pero a d' outro lado presenta un paisaxe do mais hórrido e agreste que poida maxinarse. Si gustades dél formarvos algunha ideya, fegurádevos un descomunal curizo cuberto, en vez de pugas, de agudos e disformes peñascos. No fondo vese o río correndo mal a gusto por antre un leito de penas e croyos e salpicando escuma por todas partes" Antonio López Ferreiro