mércores, 1 de abril de 2009

Lucus Augusti. A Cidade Romana



"Choro —acaso poda viaxar o pranto
desde a ribeira máis fonda do Miño
até a Fisterra agachada pola brétema—.
Choro cara ás nosas bufardas
de miséria tranquila encumiadas na Muralla,
cara á Catedral de adormecente susurro;
choro para as sombras invernais do Cuartel,
para os montes suavemente ondeados
que asoman timidamente
por tras da Porta de Santiago"

Lois Diéguez


Hoc hic misterium fidei firmiter profitemur

As parellas comezan a percorrelo plácido adarve, a meditar na constatación física e obxectiva do paso secular, a ollar dende a altitude os horizontes dos vixías, os campanarios da catedral da Virxe dos Ollos Grandes ou a Capela de San Froilán, e a velar polos fatigados i enloitados teitos de lousa dos fogares sen vida. O ceo de Lucus comeza a arder e a tinguir de nostalxia as históricas murallas que cercan e dividen, pero comparten e transmiten o respecto pola pegada histórica na vida que aínda habita dentro desta cidade romanizada. Lucus Augusti nace entre os anos 26 e 12 denantes de Cristo e o seu nome alude a Lugh; deus pancéltico do cal se poden atopar mostras en moitos panteóns celtas, e ó Emperador César Augusto, quen ordeou a Paulo Fabio Máximo a construción desta cidade e da súa muralla; que data do ano 13 denantes de Cristo, consta de dez portas e atesoura máis de dous quilómetros de lonxitude. É a muralla romana mellor conservada da Península Ibérica, e aló polo ano 2.000 foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Isto demostra, unha vez máis, o importantísimo patrimonio histórico que tanto nos distingue e nos custodia, aportando unha meritoria identidade ao noso país e mostrando as orixes dunha cultura, dunha fala e do legado que, coma galegos, temos a obriga de respectar, protexer e coidar. As rúas da fortificada cidade son, na actualidade, un núcleo cheo de vida, historia e transeúntes. Longa vida á cidade de Lucus!.

6 comentarios:

Xeiteiro dixo...

Quen me dera a min poder facer unha escapadiña por esa monumental cidade e desfrutar desa festa rachada que mencionas. O malo é que, como di o refrán, non se pode estar no funeral e tocando a campá ao mesmo tempo. algún día será, supoño...
Apertiñas

Frederik Tácito dixo...

Fermosísima cidade, inda que algo abandonada. A ese casco histórico fáltalle moito para estar restaurado. De feito, semella que nunca esistíu por parte das autoridades ese afán, e dende logo, a zona vella de Lugo podía ser unha das mellores de Galicia, pero tal e como están as cousas... unha lástima. Iso sí, a muralla é esplendorosa, o legado máis grande que nos deixaron os romanos (alén da lingua, por suposto).

Fermosa entrada, coma sempre; tinguida, iso sí, dunha lene nostalxia que lle vai moi ben a tan fermosa cidade.

unha aperta dende compostela
e saude, sorte... e republica!

Rosalía Fernández Rial dixo...

non podía faltar...

Unha das máis fermosas cidades do noso país.

Ave!

O Mouro dixo...

Moitas gracias ós tres polos vósos comentarios. Lucus ten moito que ensinar e moitos segredos que aínda manteñen a forma baixo o seu chan, agardando ser achados. Unha aperta.

Anónimo dixo...

Fermosa foto!.
Un saudo dende Ultreia...
C.

O Mouro dixo...

Outro para a xente do Ultreia!!, veredesme en breves por aí...dando a tabarra. Un saúdo