xoves, 26 de febreiro de 2009

A Fontem Sacra



"Es como un paxaro sonolento a se deslizar viaxeiro
que pousa sacode as suas asas e volve dormir na névoa fria.
De algures a névoa dorme en soidade cinguida
como a Fonte dorme no siléncio. Estou aqui chegado
co mesmo siléncio, con estrelas chegado de ningun lugar"

Cesáreo Sánchez

Os horizontes da Fonsagrada dispen os xélidos picos dos Ancares, e a bruma semella unha sedosa tea que enfeitiza as ladeiras, onde as súas sagradas e curativas augas dan vida e nome a un pobo. Este elevado concello é o máis extenso do noso país e o segundo máis grande do Estado. Conta cuns cinco mil veciños espallados polas aldeas desta fronteiriza e fría montaña, erguida a 952 metros respecto ao nivel do mar, e anteriormente coñecida coma Terras de Burón, A Fonsagrada conserva o legado do Camiño Primitivo de Santiago a carón dos ríos Navia e Rodil, antre centos de mámoas, dolmes e asentamentos castrexos. A boa mesa da Fonsagrada ven herdada da antiga e xeracional cociña. O Butelo é o produto máis identificativo da gastronomía desta terra, xunto con outros de gran calidade coma grelos, mel, castañas, leite, androias, patacas e chourizos. Os seus ríos ás veces agasallan ós veciños con algunha que outra troita e, tralas ladeiras, os ecos dun disparo presaxian carnes de salvaxes corzos, coellos ou xabaríns para o bo xantar dos cazadores. As súas hospitalarias xentes mesturan sorrisos polas rúas e tabernas, e comezan as conversas sobre a actual competitividade dos votos, o poderoso cheiro a promesas, sorrisos protocolarios e caramelos; a antroidada máis tradicional. Mentres tanto, a súa vella laboura agrogandeira e madereira, xunto cos seus ríos e sagradas augas, seguirán a traer as únicas esperanzas para o seu propio sustento.¡Boa sorte ós veciños da Fonsagrada!



Anécdotas da Fraga


"A porta do fiadeiro

hay unha pedra i un pau
onde se sentan os mozos
a tocá-lo birimbau".

Xoaquín Lorenzo, Xocas

A Fonsagrada é un dos poucos lugares do mundo onde se segue a forxar e tocar o Birimbau ou trompa, un instrumento que puido aparecer neste concello polo transcurso de viaxantes do Camiño de Santiago, e que agora só manteñen vivo Emilio “O Pando” e César Fernández.

7 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Fermosa entrada, coma sempre, para un entrañable e máxico lugar que fica dende a escuridade dos séculos entre a brétema, agardando o seu propio renacemento.
Hai moita vida en Fonsagrada, e unha esistencia que non se asemella tanto ao duro quefacer dos Ancares ou o Courel. Nembargantes, coido que inda lle falta moito para un "renacer" verdadeiro. mentres tanto, que A Fonsagrada siga a vivir da terra, que é o que os galegos sabemos facer mellor, por sorte para nós, e tamén para a terra mesma.

Unha aperta
e saude, sorte e república!

Anónimo dixo...

Noraboa pola mención que fan en "que pasa na costa" da túa bitácora;alégrome de que se escomence a facer eco da túa pelegrinaxe polos diferentes lugares do país, destacando ademáis o xeito de facelo..con historia, música,fotografía e un enfoque persoal que fai moito máis atractivo este fermoso percorrido.

Anónimo dixo...

Grazas a vós por facerme compaña en todas e cada unha destas viaxes. Un saúdo Dalit.

Anónimo dixo...

con ese xeito de describila as ganas de coñecelo é aínda maior intentar buscar informacion suficiente como para un articulo no meu blog

Rosalía Fernández Rial dixo...

moi fermosa a descrición (o cal non é nada novo)

Estaremos encantados de que os Mouros conquisten a misteriosa Compostela.

Unha aperta!!!!

Santo2000 dixo...

Hai que reconhecer que figeche um grande trabalho. Soubeche captar de maneira formidável, através da câmara, a formosura deste país(?) chamado... chamado Gali(ci-/z-)a. Mas agora acabou-se-che o choio. Bo é que a partir de agora che sigam deixando tirar fotografias, mas a pergunta que te vas ter que fazer é, a que? Se o que ponhem estas notícias, das que che deixo as ligações a final desta mensagem, é certo, di-lhe adeus às fotografias de paisagens.

Foi um prazer ver as tuas maravilhosas fotos. Um saúdo.

http://www.anosaterra.org/nova/negreira-quere-pescanova-en-tourinan.html

http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/pp-retomara-planta-pescanova-tourinan/idEdicion-2009-03-04/idNoticia-402135/

Unknown dixo...

Grazas polos vosos comentarios e gustaríame agradecer especialmente o de Santo 2000, que me sorprendeu pola axilidade con que o poder fai e desfai este país.
Galiza acaba de caer nunha LONGA NOITE DE PEDRA, nuns catro anos escuros, na insaciábel man do capitalismo. Mais coido que este país forte non calou a boca nunca e mesmo tomou folgos para construír as súas bases dende o desterro, e que agora... non debe cesar.
Tanto os eólicos coma as factorías de peixe non nos han quitá-lo nóso país namentres falemos, escribamos ou cantemos en pro da defensa do que é nóso. Dende a Fraga dos Mouros seguirase a entender Galiza polo que é, o que significa, e tamén polo que somos nós; UNHA ALDEA QUE TRABALLA DISPOSTA PRA LOITAR!!!. A Loita verdadeira comeza agora. Un saúdo amigo, e que nunca nos calen a boca.