venres, 12 de setembro de 2008

A María do Monteiro, Vilamor do Courel


"O desacougo da soidade era aquela humidade que lle encortizaba as carnes, que lle aterecía as mans e o sangue e a memoria"
Francisco X. Fernández Naval, A Soidade era o frío

Agoniza o estío e o outono comeza a gañala loita do monótono paso estacional. Como cada outono, comezan as chuvias e o frío. Trónzanse as polas en rachóns para alentar as lareiras das aldeas do chan Galego. No lugar de Vilamor, na mesma Serra do Courel, comezarán a caer as primeiras castañas dos seus xigantescos e centenarios castiñeiros. A única vez que visitei este lugar, chamoume moito a atención mentres percorría a aldea, a inmensidade de casas orfas que a conformaban, refuxios de familias que matou a emigración dos máis novos ás cidades. Os vellos que se resisten a fuxir, como María do Monteiro ou o seu irmán Manolo “O Famoso”, láianse da cada vez máis evidente soidade. A aldea ten o dobre de casas que habitantes e, a aplastadora maioría son anciáns que cada tarde comparten conversas sentados de fronte ao sol na pequena e empedrada praza de Vilamor, a cal semella ficar na lembranza de tempos mellores. Olvido e soidade ou, como dirían os de Fuxan os Ventos; “Fame, soidade e bágoas”. Baixaba enérxica María do Monteiro de volta da horta e pola estreita corredoira, cunha brazada de verdura e unha vara de madeira na man.


A conversa naceu pola inocente curiosidade da veciña e morreu logo de mercarlle un tarro de escura mel das ben mantidas abellas da serra. Durante a conversa falounos da soidade que están a vivir e do inmenso deterioro que sofren as vivendas das aldeas da contorna; “Aquí solo quedamos os vellos, este é o Caurel Cruel”. Ensinounos o fogar onde nacera, unha casa de tres plantas con tres balconadas de madeira e co teito medio desplomado. As fiestras carecían de cristais e ficaban inundadas baixo o incesante camiño das hedras. Logo ensinounos outra, a da foto, que tamén quedara deshabitada. A familia de María emigrou e o resto foron morrendo. Vive co seu irmán Manolo e adícanse ó gando e a labrar as terras, así como a vender as súas castañas e o seu mel. Teñen unhas seis vacas, neste caso, as mesmas vacas das que falou Castelao, coa mesma riqueza e traballo que supoñen. Os invernos son duros nas cidades e nas vilas, pero nas saias dos Ancares e do Courel, os invernos poden ser verdadeiramente complexos para a comunicación, cortes de accesos por desprendementos, xeo, neve, imposibilitando a labor do campo e dos animais. A vida eiquí non semella sinxela, mais é ben desconcertante a ledicia que mostran e a sinxeleza e humildade coa que nos recibiron as súas xentes. Boa sorte aos veciños que se resisten a caer no esquecemento de Vilamor.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Gústame o enfoque que lle dás a esta entrada de O Courel,como o personalizas, como fás esa realidade en algo teu,implícaste cunha prosa chea de música e mensaxe que chega....claro que chega.Por outro lado, os habitantes destos recónditos e fermosos lugares, son os auténticos atífices de que aínda se poda disfrutar da auténtica e tradicional Galiza.Un saúdo dende Ultreia.JMVelay.

Anónimo dixo...

Ola compañeiro!
que tal vai esa pata chunga?
Espero q ben. Aquí (como ves) traballamos duro todo o tempo. Edmundo sabe dios onde anda. Creo que veu unha tia e foi detrás, dende aquela non sabemos nada del.Os demais igual.
Apropiamonos da mesa e da cadeira de Manolo, porque cambiaron todo de sitio. Xa están rematando as obras.Fixéronnos unha sala de café, con microondas e todo.
Ben, nada máis. Apertas dende o laboratorio.
PD: Loreto mándache un bico. Di q te bota de menos.

Xoán S. Pazos dixo...

Dime, ruxido dos carballos,
o escura que é a noite da Galicia.
Dime,
dime o tenebrosa, misteriosa, fría, maldita e morta
que semella dende dentro e dende fora.

Tan escura, tan terrible,
que penetra en todos os que a ollan,
que se afunde na alma dos fillos que xurden do teu ventre, Galicia.

Verédela,
rumor dos carballos,
nos ollos dos vosos,
dende o primixenio feto que xurde da nada,
ata o ancián moribundo que xa non é nada nin ninguén.

Veredes a escura noite da Galicia,
esa noite que a adormece,
esa noite que a destrúe,
esa noite terrible que a asasina.

Santiago de Compostela,
16 de setembro de 2008

Anónimo dixo...

Gracias polo comentario tan "inusual" coma sorprendente!!!, Dorian. Ah, e noraboa polo poema.
Saúdos tamén ós do Laboratorio...vereivos pronto, a ver se evoluciona ben a pata. Gracias tamén a Jose e Carmiña polos vosos comentarios e un afectuoso saúdo. O Mouro